Xornadas contra a destrución da Serra do Galiñeiro

Esta fin de semana e como anticipo á Festa da Prehistoria que todos os anos organiza en Mos asociación cultural Festa da Prehistoria terán lugar unhas xornadas en defensa da Serra do Galiñeiro ameazada pola construción dun parque eólico. As xornadas contarán coa presenza de numerosas persoas que abordarán a problematica que está a vivir esta serra ademais de cunha camiñata para que todas aquelas persoas interesadas poidan descubir a grande riqueza natural e patrimonial e da incompatibilidade de construír no lugar un parque eólico. Deixamos aquí a programación e animámosvos a ir.

A PRIMEIRA PARTE centrarase nas agresións ao patrimonio arqueolóxico e as dificultades para a súa conservación, estudo e divulgación no ámbito galego.

O primeiro poñente será Antonio de la Peña Santos, arqueólogo – conservador do Museo de Pontevedra, que dirixiu as escavacións do Castro de Torroso (Mos), hoxe en día un exemplo de abandono e mala conservación, a pesar de ser un referente da cultura castrexa pola súa antigüidade. De la Peña abordará o problema dende un punto de vista xeral, centrándose nas dificultades que os profesionais atopan á hora de desenvolver o seu traballo.

Fernando Javier Costas Goberna, do Instituto de Estudios Vigueses, falará das principais causas que provocan a desaparición dos gravados rupestres, poñendo exemplos das agresións que sofren as manifestacións artísticas máis emblemáticas da Prehistoria galega.

Fernando Carrera Ramírez, da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, repasará os atrancos legais que impiden a prospección, catalogación e conservación do patrimonio prehistórico.

Manuel Gago, xornalista, profesor da USC pechará esta primeira parte. O creador do blog Capítulo cero dará a coñecer “patrimoniogalego.net”. Este proxecto pretende poñer ó alcance do público unha información que a administración non facilita e funcionaría como unha wikipedia do Patrimonio Cultural Galego .

– Despois dun DESCANSO de 10 min. proxectarase unha escolma de fotografías nocturnas xunto con interpretacións artísticas dos petróglifos galegos e do norte de Portugal, a cargo de Ángel De Prado e de Manuel Ledo (membro da A.C. Festa da Prehistoria).

– Ás 19:30 h comezará a SEGUNDA PARTE da conferencia, que abordará o caso concreto do Galiñeiro.

Xosé Lois Vilar, arqueólogo do IEM e voceiro da Plataforma pola defensa do Galiñeiro repasará os valores arqueolóxicos ameazados polo proxecto de instalación do parque eólico e outras actuacións que se pretenden realizar nesta serra.

Por outra banda Calros Solla, da Asociación Cultural Verbo Xido, falará dun precedente, a instalación do parque eólico causante da degradación de numerosos enclaves arqueolóxicos no monte do Seixo, na Terra de Montes.

A última intervención será a do arquitecto Carlos Sánchez Montana, que advertirá da relación toponímica entre as serras do Galiñeiro, Galleiro e Argallo, defendendo unha teoría etimolóxica que relaciona o culto ás pedras e as montañas co nome da antiga Gallaecia.

– Para finalizar o acto celebrarase unha MESA REDONDA na que os poñentes responderán ás preguntas do público asistente.

A SEGUNDA XORNADA (domingo, 29) consiste nunha visita guiada ao alto do Galleiro, de 749 m de altitude, que ofrece unhas vistas a todo o sur da provincia de Pontevedra, as rías de Vigo e Redondela. Durante o percorrido visitaranse lugares de gran valor arqueolóxico aínda sen catalogar, coma o Coto da Cercas (concello de Pazos de Borbén), e outros enclaves que serán analizados e explicados por expertos en
arqueoloxía e Prehistoria.
Dende o alto do Galleiro podemos decatarnos da proliferación dos parques eólicos que contaminan visualmente a paisaxe que dende alí podemos abranguer e soamente os montes situados ao oeste (Galiñeiro, a Grova e Argallo) están libres da presenza dos muíños.

O punto encontro será o pazo de Mos, ás 9:00 h e para participar na excursión é imprescindible inscribirse previamente en festadaprehistoria@gmail.com ou no telf 673 548 485.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s