A plataforma apoia e estará na marcha contra Ence

Desde a Plataforma en defensa dos Montes do Morrazo rexeitamos unhas instalacións, as de ENCE-ELNOSA en Lourizán, que dende principios dos anos 60 do século pasado están contaminando dun xeito sobradamente probado a ría de Pontevedra cos seus vertidos, (no ano 2002 foron condenados por delito ecolóxico), emitindo mercurio e outros metais pesados, enchendo de gases e malos cheiros a atmosfera de Pontevedra e a súa bisbarra e almacenando en instalacións obsoletas grandes cantidades de cloro.

Tamén porque seguindo un modelo “produtivista”, están vinculadas directamente coa expansión brutal do eucalipto para o seu proceso de transformación en pasta de papel, que xa dende a súa implantación en plena época franquista encheu os montes con esta especie foránea e invasora que non fixo mais que diminuír a biodiversidade, a presenza de especies autóctonas e a propia produtividade natural do monte. Pola súa condición de árbore pirófita, propagadora do lume, incrementou tamén o risco de incendios forestais, con tristes realidades coma a do verán do 2006.

Por se fora pouco, ENCE proxectou no seu momento unha planta de biomasa forestal, unha nova ameaza para os nosos montes, xa que detrás estarían os proxectos de “cultivos enerxéticos”, que encherían, seguindo co modelo produtivista imperante, o territorio de máis monocultivos forestais con especies de rápido crecemento, utilizando laboreo intensivo e talas cada cinco anos que provocarían grave erosión nos nosos montes.

ENCE, tendo como único fin o seu propio lucro, e a pesar de estar a incumprindo de xeito reiterado a Lei de Augas de Galicia e a Lei de Augas Residuais Urbanas pretende conseguir  este ano  da Xunta unha nova autorización ambiental integrada, e teima con consolidar a presenza das instalacións en Lourizán, a pesar de que segundo a Lei de Costas ten que estar fóra da súa actual ubicación, situada en dominio público marítimo-terrestre, no ano 2018. Un dos movementos que argallan para evitalo é unha hipotética integración no porto de Marín. Animamos á cidadanía a que exprese dun xeito claro que non tolerará estas manipulacións e que se esixirán con firmeza responsabilidades sobre calquera posible conivencia política.

Polo tanto, ó igual que rexeitamos a presenza de outras perigosas e contaminantes industrias na nosa terra, sobre todo se están achegadas coma estas a núcleos importantes de poboación, tamén rexeitamos a presenza de ENCE-ELNOSA en Lourizán, polo enorme prexuízo social, económico e medioambiental para a ría, os seus recursos naturais da pesca e o marisqueo, a saúde das persoas, e o benestar social dos núcleos de poboación afectados.

Reivindicamos como alternativa a completa rexeneración da marisma ocupada e recheada no seu momento pola empresa e a recuperación dos postos de traballo perdidos coa dexeneración ambiental da nosa ría e os nosos montes.

Acudide o sábado a reclamar de novo o noso dereito a unha natureza limpa e a unha explotación racional dos recursos naturais.


Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s