Publicouse a Avaliación de Impacto Ambiental do parque eólico de Pedras Negras

Desde a Plataforma pola defensa dos Montes do Morrazo queremos comunicar que xa está en exposición o Documento de Inicio do Procedemento de Avaliación de Impacto Ambiental do parque eólico de Pedras Negras, presentado pola multinacional italiana Enel Green España, SA.  Con esta exposición iníciase a primeira fase que pon en marcha a tramitación administrativa do proxecto.

A proposta consta de 14 aeroxeneradores repartidos entre os concellos de Marín, Moaña e Vilaboa. Cada un terá unha altura de 119 metros, un diámetro de rotor de 112 metros e unha potencia de 3.000 Kw. Cada base será de 17m2 e pretenden construírse e ampliarse 17.302 m de viais. Estenderanse desde Pedras Negras até o Monte Formigoso en Marín, en terreos das comunidades de montes de Santomé, Meira, Domaio e San Adrián, curiosamente unha zona que padeceu un incendio no ano 2007.

Desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo estamos analizando o documento para presentar as nosas suxestións ao informe. O prazo para presentar estas suxestións remata o próximo día 5 de outubro, e pódese consultar o documento nos seguintes enderezos de internet da Xunta:

http://dl.dropbox.com/u/28805604/PE%2520Pedras%2520negras/MEMORIA.pdf

http://dl.dropbox.com/u/28805604/PE%2520Pedras%2520negras/CARTOGRAFIA.pdf

Nunha primeira valoración temos que denunciar que estamos ante un proxecto falto de rigor e con múltiplos erros. Faise referencia en varias ocasións á provincia de A Coruña, o que nos fai sospeitar que o texto foi copiado doutro proxecto similar.

  • Na páxina 17 da memoria sitúa a Marín, Vilaboa e Moaña na provincia de A Coruña.
  • Na páxina 137, no informe de simulación do impacto visual, hai o seguinte parágrafo: “De este modo, dicho proyecto de evaluación de impacto visual, se realizó para los municipios de Cedeira, Ortigueira, Cerdido, Valdoviño, Moeche, As Somozas, San Sadurniño, y Cariño”.

Isto  demostra que estamos ante un trámite administrativo ao que está obrigada a Xunta para xustificar unha participación social que na práctica non serve para alterar unha decisión política xa tomada e pactada coas empresas.

En ningún momento, a pesar de ser un informe que ten que recoller todas as normas que afectan a Pedras Negras, se fai referencia ás normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento Provinciais que catalogan os Montes do Morrazo como espazo protexido. Esta protección imposibilitaría a instalación de ningún parque eólico ou calquera outra instalación na zona.

Como se pode comprobar nos planos adxuntos o parque eólico vai afectar na fase de instalación e durante o tempo en que estea instalado aos nacementos dos ríos Loira, da Fraga, Barranco do Faro, Caiauga, Riomaior e Toimil entre outros.

Non podemos esquecer que os montes do Morrazo están cheos de áreas arqueolóxicas de importancia, e na zona temos Chan de Armada, Chan de Arquiña ou Chan de Castiñeiras, ademais dos posíbeis restos non atopados aínda, que se poden ver afectados polos traballos de construción do parque eólico. Hai que ter en conta que se pretende ampliar pistas e abrir outras novas para que pasen camións de gran tonelaxe. Podemos achegarnos ao porto de Marín onde se almacenan gran cantidade de aeroxeneradores en pezas para darnos conta da dimensión dos mesmos.

As consecuencias para a fauna, principalmente as aves, van ser nefastas ao provocar a súa desaparición da zona polos ruídos e as colisións coas pas. A relación de especies, mamíferos, aves e anfibios presentes en Pedras Negras é tan ampla e interesante que a converte nun ecosistema a protexer. Este espazo cumpre amplamente os parámetros para estar integrado nunha futura ampliación da Rede Natura e complementa o lugar de importancia comunitaria da Enseada de San Simón, desde a que serán visíbeis os aeroxeneradores de Pedras Negras.

En varios capítulos do informe os redactores fan referencia aos postos de traballo que se van crear durante a construción do parque e no seu posterior mantemento. É certo que para construír o parque vaise empregar un número de traballadores/as, mais non se cuantifican no documento, mais no mantemento as persoas ocupadas son mínimas. Hai que ter en conta que estes aeroxeneradores estarán controlados por ordenadores instalados probabelmente en Madrid, desde onde dan as ordes de funcionamento. Chegan incluso a insinuar que van contratar persoas da zona, como nos mellores tempos de “Benvido Mr. Marshall”.

O que non contan neste informe son os prexuízos que terán as comunidades de montes ao non poder desenvolver ningunha actividade forestal na zona. Tampouco as perdas que suporá para a comarca a imposibilidade de seguir usando Pedras Negras como área de despegue por parte da Asociación Parapente Morrazo, que atrae a moitos afeccionados de todo o estado español.

Desde a Plataforma consideramos necesaria a retirada deste proxecto en Pedras Negras e de todo o plano eólico aprobado pola Xunta que tanta contestación social está tendo por todo o país. Demandamos, unha vez máis, unha moratoria na instalación de parques eólicos en Galiza. Este parques só responden a un interese económico e especulativo para obter beneficios rápidos a conta dos nosos montes para producir unha enerxía que non repercute no pobo galego e que vai para a exportación.

 

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s