A Xunta non inclue os Montes do Morrazo na Rede Natura

Ante a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 feita pública o pasado 21 de decembro pola Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere amosar o seu malestar ante a tan cativa proposta que deixa fóra lugares susceptíbeis de pertencer á Rede Natura coma os Montes do Morrazo.

Galicia é un territorio moi rico en hábitats e especies prioritarias de interese europeo o cal non se ve correspondido co seu actual e escaso 12% do seu territorio protexido por Rede Natura. A raquítica proposta elaborada pola Xunta de Galicia só ampliaría o territorio protexido até un 15%, moi lonxe aínda da media estatal, un 27%, e de territorios veciños como Asturies e Castela e León co 29% e 26 % do seu territorio, respectivamente, protexido pola Rede Natura.

A escasa conciencia ambiental da Xunta do goberno do PP reflectida nesta escasa ampliación xunto coa modificación da Lei do Solo para especular co chan rústico, un plan de ordenación do litoral (POL) permisivo, unha Lei de Industria feita ac doc para aprobar determinados proxectos e un Plano Director da Rede Natura que permite proxectos agresivos, como o das piscifactorías, poñen á venda e ao servizo dos intereses privados o territorio galego.

Por outra banda esta pobre proposta de ampliación seguiría provocando que tanto os LIC (Lugares de Importancia Comunitaria) xa aprobados como os novos propostos, sigan aillados dentro das súas proteccións e sen os necesarios corredores naturais que os comuniquen ecoloxicamente, principalmente na franxa litoral, onde a maioría do espazo protexido é superficie marítima.

Un deses espazos naturais necesarios e susceptíbel de pertencer á Rede Natura é o dos Montes do Morrazo que xunto co Carballal de Coiro son os auténticos corredores ecolóxicos existentes na península do Morrazo e que serven de enlace natural cos LIC que existen na comarca, Enseada de San Simón, Costa da Vela e Cabo Udra.

Tanto os Montes do Morrazo como o Carballal de Coiro, na actualidade protexidos como solo rústico de protección de espazos naturais polas normas subsidiarias de planeamento provinciais, conteñen hábitats de interese comunitario e fauna e flora salvaxe como para formar parte desa Rede Natura a nivel europeo. Porén, unha vez máis a Xunta segue sen ter en conta a este espazo, igual que lle sucede a outros moitos, para esa ampliación de espazos protexidos a nivel europeo.

Tal como está a acontecer con outros espazos, as causas deste esquecemento por parte da Xunta son os intereses urbanísticos e especulativos que seguen a primar por riba da protección e da conservación dos nosos espazos naturais dentro dun modelo de desenvolvemento claramente insustentábel.

No caso concreto dos espazo natural dos Montes do Morrazo, tal como temos denunciado publicamente con anterioridade, prima por riba da súa protección medioambiental os proxectos do parque eólico en Pedras Negras, os proxectos de parques industriais no Monte Pornedo, na Cruz da Maceira e na Pastoriza e o proxecto de desdobramento do corredor de alta capacidade do Morrazo en autovía.

Malia os múltiplos intereses especulativos e os atrancos que poñan as distintas administracións a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo seguirá insistindo en que este espazo teña a debida protección esixindo a súa entrada na Rede Natura polo ben do mesmo, da comarca e para que axude a que a patética porcentaxe actual de territorio protexido a nivel europeo se achegue e sexa acorde coa media estatal e europea.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s