O roteiro polos Montes do Morrazo é de balde e non precisa inscrición previa

Dado que numerosas persoas se puxeron en contacto, a traves do correo, coa Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo para preguntar se había que facer algún tipo de inscrición previa ou se había que pagar algo para poder participar no roteiro. Temos que aclarar que esta actividade non ten ningún custe, nin precisa de inscrición algunha, sendo aberta a todas aquelas persoas que queiran participar.

O roteiro que sairá ás 10:30 da mañá do domingo 5 de febreiro desde Chan de Arquiña está organizado pola plataforma para dar a coñecer e concienciar aos/ás participantes da enorme riqueza natural, patrimonial e paixasística que se pode ver afectada pola instalación do parque eólico. 

Entre as numerosas afeccións que causaría a instalación deste parque podemos destacar as seguintes:

  1. Afectaría con movementos de terras para a apertura de pistas de acceso e gabias, mais coa instalación dos aeroxeneradores e a subestación eléctrica ás áreas naturais de monte Formigoso, Chan de Arquiña, Chan de Gagán, Chan de Xestoso, Serra Domego, Chan da Carqueixa, Chan de Pedras Negras, Os Candóns, Chan de Goa, Serra Basil e Outeiro da Charamiza, entre os 450 m. e os 600 m. de altitude situados na zona máis alta da península do Morrazo e preto dos altos de Monte Faro de Domaio e Coto do Home, as principais cimeiras con máis de 600 m. de altitude, integrado plenamente no espazo natural dos Montes do Morrazo, protexido como solo rústico de protección de espazos naturais polas normas subsidiarias de planeamento da provincia de Pontevedra.

  2. Ás amplas vistas panorámicas cara ás Rías Baixas entre a ría de Vigo e a de Pontevedra e moi preto da enseada de San Simón, espazo natural integrado dentro da Rede Natura. O impacto sumaríase a outros proxectos de parques eólicos nas serras da Groba e do Galiñeiro, en fronte da ría de Vigo e no monte Castrove, da de Pontevedra, incluídos así mesmo no citado plan eólico galego.

  3. A unha zona de importancia xeolóxica conformando unha paisaxe exclusiva de sucesión de relevos graníticos en altura con abundancia de rochas de distintas morfoloxías moldeadas polos axentes naturais dende tempos moi remotos.

  4. Aos nacementos dos ríos Loira, da Fraga, Miñouba e Riomaior, estes dous últimos coa súa desembocadura na Enseada de San Simón. Tamén a charcas estacionais, pasteiros húmidos e brañas.

  5. A monte mancomunado das parroquias de Santomé de Piñeiro (Marín), San Adrián de Cobres (Vilaboa) e Domaio (Moaña), con novas repoboacións forestais principalmente de Pinus pinaster e Pinus radiata, en substitución de anteriores plantacións de eucalipto, e onde a apertura de pistas e gabias, a construción de cada un dos aeroxeneradores máis a da subestación eléctrica implicaría a tala de arborado existente e a imposiblidade futura de repoboación nas zonas afectadas.

  6. A un rico monte baixo de matogueira, debido á abundancia e diversidade de especies de breixos, complementado con carpazas, xestas e toxeira, propios de ambientes nitrófilos, turbosos, e verdadeiros rexeneradores de solos pobres a nivel granítico, ou empobrecidos pola acción dos lumes.

  7. A especies arbóreas e de flora autóctona, mesmo endémica do noroeste ibérico.

  8. A unha gran variedade de fauna pola existencia de varios ecosistemas (acuáticos, monte aberto, bosques,…) e principalmente a aves e morcegos, onde os aeroxeneradores provocan unha grande mortandade entre as súas pás en movemento.

  9. Á área de protección de varios xacementos arqueolóxicos, principalmente mámoas megalíticas existentes entre as zonas de Chan de Armada e a propia de Chan de Arquiña, máis a área de protección dun petróglifo da Idade do Bronce, o de Outeiro do Gorgullo no monte Formigoso. Non se desbota que a parte destes xacementos catalogados e outros etnográficos existentes puideran ser afectados outros sen descubrir dada a abundancia existente por todo o espazo natural protexido.

  10. A usos sociais e deportivos, como a propia área de lecer de Chan de Arquiña, a zona de despegue de parapente no monte Gagán que imposibilitaría a súa prática aérea; o roteiro sinalizado existente de bicicletas de montaña. E aos núcleos rurais de poboación de San Lourenzo (Domaio) e Sobreira (Vilaboa) pola súa proximidade, que se vería afectados ademais de polo impacto das obras polo impacto acústico producido polas pás dos aeroxeneradores en movemento.

  11. Ás telecomunicacións por interferencias con respeto dos dous complexos de antenas existentes nos altos do Monte Faro de Domaio e de Coto do Home. E así mesmo, suporía unha suma de radiacións electromagnéticas pola subestación eléctrica proxectada.

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s