O rego das Gorgadas con varios endemismos do noroeste iberico, especies vulnerables e en perigo de extinción e un hábitat natural prioritario ameazado por un parque empresarial

O rego das Gorgadas con varios endemismos do noroeste iberico, especies vulnerables e en perigo de extinción e un hábitat natural prioritario ameazado por un parque empresarial

O colectivo ecoloxista Luita Verde, que fai parte da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, vén de facer pública unha nota de prensa que sae hoxe na edición impresa do Diario de Pontevedra e Faro de Vigo (edición Pontevedra) na que advirte do risco que ten o parque empresarial de Pastoriza para o rego das Gorgadas así como outras afeccións dos parques empresariais que se plantexan dentro dos Montes do Morrazo polo PSAEG. A seguir reproducimos na súa integridade o seu comunicado.

A cabeceira do río das Gorgadas, afluente do río Loira, está ameazado pola reserva de solo para un parque empresarial na zona da Pastoriza (Marín).

A parte da existencia dun importante bosque ripario composto por salgueiral, ameneiral, bidueiral e carballeira con sotobosque de loureiros, acivros, pereiras bravas, sanguiños e carrascas, contén no seu seo varias especies de fauna e flora endémicas do noroeste ibérico, algunhas delas consideradas vulnerables ou en perigo de extinción e un hábitat natural prioritario de interese comunitario.

A nivel faunístico e entre a súa e rica variada fauna destaca a presenza dun anfibio endémico do noroeste peninsular, a saramaganta ou píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica), única especie do xénero a nivel mundial e que só está presente en Galicia, norte de Portugal e occidente de Asturias.

Está considerada como vulnerable a nivel galego e está incluída na Directiva Hábitat a nivel europeo e na lista vermella da UICN a nivel internacional.

De actividade nocturna é un excelente bioindicador da calidade das augas xa que só sole atoparse na proximidade de augas limpas e ben osixenadas, entre as pedras e o lique do leito dos ríos e regatos aínda que na súa fase de reprodución pode alonxarse varios centos de metros por entre a follasca ata áreas ben cubertas de bosque caducifolio.

Outras especies endémicas ibéricas de fauna que entrarían no seu ámbito natural e xeográfico son a rá patilonga (Rana iberica), o pintafontes común (Triturus boscai), o lagarto das silveiras (Lacerta Schreiberi) e a víbora de Seoane (Vipera seoanei), como endemismos do noroeste ata o Sistema Central e do occidente ibérico.

En canto á flora, destaca a presenza do Narcissus cyclamineus, endemismo de Galicia e o norte de Portugal e considerada “vulnerable” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. É unha especie de narciso silvestre propio das beiras dos ríos e regatos, en especial das partes baixas de Galicia, xa que é moi rara no norte.

Tamén está presente a Anemone trifolia subsp. albida, endemismo galaico-portugués, propia de lugares sombrizos como carballeiras e prados próximos ou bosques á beira dos ríos.

O hábitat natural prioritario de interese comunitario existente é o catalogado dentro das breixeiras húmidas atlánticas de zonas atemperadas de asociación Erica ciliaris e Erica tetralix. Estas dúas especies da familia dos breixos ou “carrascos”, son propias de brañas e zonas húmidas e están presentes por grande parte do nacemento do río.

É salientable tamén a presenza da especie Veratrum album ou “herba do lobo”, planta que se atopa raramente nos prados húmidos das partes máis altas de Galicia e da que esta cita no río Gorgadas é única na provincia de Pontevedra.

A grande presenza de fungos, liques e brións entre as árbores e o propio solo do bosque e as brañas grazas ás grandes cantidades de humidade e pureza existente no ambiente.

A libeliña ou “cabaliño do demo” (Calopteryx splendens), insecto que habita á beira de ríos e regatos, e que xa está considerada en perigo de extinción pola UICN na conca mediterránea. Asi mesmo a vacaloura (Lucanus cervus) dependente en grande maneira da conservación do bosque caducifolio, especialmente das carballeiras e considerada de interese especial polo Catalogo Estatal de Especies Ameazadas.

E perto, no bosque caducifolio, tamén está presente a única cita a nivel galego do morcego de Bechstein (Myotis bechsteinii), especie de morcego de ámbito forestal considerada tamén vulnerable e en perigo de extinción a nivel estatal.

O bosque de ribeira e carballeiras adxacentes do río das Gorgadas forma parte dunha sucesión de bosques caducifolios de subclima oceánico atlántico que abrangue as carballeiras de Coiro, Ermelo e Cela ata A Pastoriza e que pasan por selos segundos en importancia das Rías Baixas tralas fragas do Tambre.

A parte da afección por ocupación, verquidos ou contaminación que suporía para o leito, áreas de ribeira e carballeiras do nacemento do río das Gorgadas, o parque industrial de Pastoriza de 1.152.021 de m2, promovido como reserva de solo industrial a nivel comarcal polo concello de Marín no seu PXOM en trámite, afectaría tamén a terreos en desnivel próximos aos altos do Cruceiro, Valadiño, Outeiro da Carballosa e Agudelo nas áreas naturais de Monte de San Lourenzo, Porteliña, A Telleira, Mingarella, Monte Furcos e Pedra da Pousa dentro de solo rústico de especial protección de espazos naturais, de especial protección forestal, de especial protección do patrimonio cultural, das augas e de infraestruturas.

Afectaría en pleno monte, e arredor dos 400 metros de altitude, a plantacións forestais de monte comunal e privado.

Ós sendeiros catalogados como os do GR-59 “sendeiro ecolóxico de longo percorrido do Morrazo”, o de Pequeno Percorrido de Chans, e o BTT de Bicis Todo Terreo do Concello de Marín.

E á área de proteción dos xacementos arqueolóxicos do Calcolítico de Abrigos do Monte Agudelo, mámoa e dolmen neolíticos de Forno das Arcas e a das ruínas da capela barroca do século XVII de San Lourenzo. Dada a especial abondancia de elementos patrimoniais e das distintas fases históricas e prehistóricas no Morrazo, non se desbota que podería afectar a outros xacementos aínda sen descubrir.

Para acceder ó parque industrial necesitaría da ampliación da estrada PO-313 Marín-Moaña, a varios kilometros dos núcleos urbanos e produtivos de Moaña e Marín, e afectaría tamén os núcleos rurais de Pardavila, Miñán, Broullón e A Paradela, proxectado xa no seu momento no plano Vigo Integra e rexeitado pol@s veciñ@s. Esa lonxanía dos núcleos urbanos e produtivos provocaría tamén un maior gasto enerxético, un maior impacto acústico polo tránsito de transporte pesado e maiores emisións de gases de efecto invernadeiro.

A intención política é que este parque sexa supramunicipal e poder unilo co que promove o Concello de Moaña na cercana e lindante área da Cruz da Maceira, de 460.000 m2 de superficie, dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, co que a superficie abranguería un total de 1.500.000 m2, sendo incluído recientemente, aínda que ilocalizado e cunha puntuación moi baixa, dentro do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia da Xunta de Galicia comoParque Empresarial Marín-Moaña.

O Colectivo Ecoloxista Luita Verde alegou dentro do prazo de información pública en contra do citado parque empresarial solicitando a súa retirada do Plan Sectorial ó Instituto Galego da Vivenda e o Solo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Tamén solicitou a retirada daPlataforma Loxística Marín-Pontevedra e da ampliación doParque Empresarial Bueu-Castiñeiras (PEIM).

Solicitou finalmente que fronte ao criterio do 30% da demanda mínima para desenvolver un polígono se teña en consideración e o deber de encher os polígonos existentes, xa que aínda non teñen todo o seu espazo ocupado, e o resto da oferta de solo empresarial e industrial, no caso de ser necesaria, se adapte á demanda real apostando por áreas municipais máis pequenas, cunha ocupación total de parcelas fóra de espazos naturais e protexidos e cun menor impacto no medio.



Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s