Non á Área Metropolitana de Vigo

Agora que o goberno galego da Xunta acaba de aprobar unilateralmente a lei de creación da área metropolitana de Vigo comeza o seu fracaso amosado na inmediata loita dos poderes políticos polo seu control (Xunta, Deputación de Pontevedra, Concello de Vigo e Concellos da bisbarra), tal e como veu sucedendo tamén nestes anos previos a súa elaboración. Pero alén diso, a problemática vai mais alá do que se recolle nos medios.

As áreas metropolitanas, por moito que se as catalogue como funcionais –son funcionais aos intereses de expansión e reprodución do capital- son un absoluto fracaso no ámbito estatal e internacional, fundamentadas nun desenvolvemento totalmente insustentable do sistema capitalista globalizado, que pouco a pouco e a marchas forzadas está desmembrándose trala última (pode que derradeira) grande crise que nos está tocar vivir.

O concepto de Area Metropolitana tal como o entende a administración, un lugar centralizado que baleire de vida á súa área de influencia, suporía un dos maiores atentados contra da ordenación territorial de Galicia na historia. A ordenación xeográfica e natural que de xeito milenario viña estruturada na formación piramidal de parroquias, concellos e comarcas con entidade propia, pasaría a ser artificialmente absorbida por un ente superior de concentración imposto polas elites políticas e económicas. Pouco parece importar que se creen evidentes duplicidades con obsoletas administracións como as deputacións ou que carezan dunha financiación minimamente crible. Baixo a ferramenta da supramunicipalidade pretendese facer táboa rasa con pequenas comunidades ata agora firmes na súa identidade en cuestións tan importantes como a planificación urbanística, por poñer un exemplo.

E quérese ademais impor tendo como referencia a cidade de Vigo, unha cidade mal construída e que na fase final da burbulla do ladrillo, apoiándose en fantasiosas proxeccións, aprobou un aberrante PXOM con máis de 100.000 vivendas de nova construción.

As áreas metropolitanas son un fracaso. O enfoque metropolitano da administración é fundamentalmente unha cuestión de infraestruturas de transporte, áreas comerciais e servizos. Non contempla a creación de proximidade como base do desenvolvemento dos asentamentos de poboación. Dende unha óptica ecolóxica e da sustentabilidade, accesibilidade identifícase con proximidade. Isto tradúcese en achegar os servizos as persoas e non ao revés, o que permite, por un lado, diminuír drasticamente os desprazamentos motorizados, facilitando tamén o emprego de medios non contaminantes ao se reduciren as distancias; e por outro lado, asentar a vida nos barrios para evitar o que está a acontecer nos últimos anos (estanse a converter en simples dormitorios) e en consecuencia fomentar o emprego e a economía local.

Baseada na concentración (e máis que segura privatización) de servizos nunha área que se supón desenvolvida, a área metropolitana pretende afondar nas desigualdades territoriais e na dependencia dos núcleos de poboación menores como suburbios con respecto á metrópole. Afondaría tamén no impacto sobre os ámbitos social, cultural e medioambiental do mundo urbano e das grandes obras do asfalto, o ladrillo e o formigón, da concentración do poder nunhas poucas elites políticas e económicas, e das desigualdades sociais propias dos suburbios das grandes cidades, illas de riqueza, illas de pobreza.

A ordenación do territorio debe ir polo tanto enfocada a un modelo de decrecemento económico, baseado na eficiencia e o aforro enerxético e hídrico, no transporte de accesibilidade, colectivo e intermodal, e nun urbanismo que respecte os actuais e tradicionais núcleos de poboación, tanto no ámbito municipal como comarcal, dotándoos dos servizos sociais, sanitarios, culturais, e non facéndoos depender máis das cidades, e ó respecto e fortalecemento así mesmo do sector primario da economía, da agricultura e da pesca, baseado no principio da soberanía alimentaria e do autoconsumo.

Calquera concello ou comarca, O Morrazo, A Louriña, O Condado, Val Miñor, Redondela, … ou os propios barrios da bisbarra de Vigo non teñen por qué desaparecer ou perder a súa propia identidade en aras dun desenvolvemento e centralismo totalmente insostibles por moito que o intente impoñer a Xunta, uns alcaldes ou partidos políticos que din representar á cidadanía, unha patronal de empresarios e banca ou uns axentes sociais controlados por tódolos poderes fácticos anteriores. Partimos no fondo e unha vez mais dunha toma de decisións políticas de xeito vertical sen ter en conta á maioría da sociedade nin as consecuencias futuras do que se está decidir en representación de tod@s.

Os núcleos de poboación canto mais modestos, por lóxica, mellor son de xestionar, sexan pobos, cidades ou incluso países, e exemplos abondan actualmente e ao longo da historia. Só a cobiza humana pode facelo de xeito erróneo e repetido á inversa.

Desde a rede de colectivos A Ría Non Se Vende, estamos en contra deste modelo de areas metropolitanas que nos pretenden impor, e como alternativa apostamos por respectar a autonomía de cada concello e cada comarca ou mancomunidade, dotándoos da financiación e recursos necesarios (centros de saúde, hospitais comarcais, centros educativos, centros culturais, transporte colectivo terrestre por toda a rede viaria e restauración da ferroviaria de proximidades, transporte marítimo diversificado pola ría, centros comarcais de tratamento de residuos baseado nos 3 R e na reciclaxe e a compostaxe, etc.) dentro dun modelo sustentable, descentralizado, participativo e democrático.

Lembramos tamén que o declive enerxético, que xa non é só unha predicción senón algo moi real, vai impactar con maior forza nas metrópoles, sobre o transporte motorizado e a agricultura industrial. Se a isto lle sumamos a crise económica, de recursos, climática, etc, deberíamos ter claro que as metrópoles sufrirán unha regresión, e lonxe de ser a solución serán un problema xa que se queremos sobrevivir hai que camiñar cara a un mundo máis rural e menos urbanizado, menos industrializado e menos globalizado.

Non queremos a creación da area metropolitana de Vigo, nin a da Coruña, nin ningunha outra no noso País porque non queremos este modelo destrutor do territorio que xa levan muitos anos tentando impoñer. Sexamos conscientes de cal é o modelo que realmente pode beneficiar á poboación.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s