Descuberto novo petróglifo nos Montes do Morrazo

Nestas últimas semanas membros da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo atoparon un novo petróglifo dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, consistente nun gravado de tres circos concéntricos con apéndice. Este novo petróglifo atopouse dentro da área de protección do xacemento medieval do Castelo Barbudo e está esculpido nunha rocha cunha leve inclinación cara ó Norte a uns 390 metros de altitude sobre o nivel do mar, no cumio do alto dos Pedrouzos, pertencente á parroquia marinense de San Xián.

O lugar, situado por debaixo das Chans de Castiñeiras, posúe unhas amplas e extraordinarias vistas panorámicas do espazo natural dos Montes do Morrazo dende Cotorredondo pasando pola serra de Domego, Monte Formigoso e Monte Faro de Domaio ata o Outeiro da Carballosa. E tamén do fértil e conservado val conformado polos regos da Maceira, de Cachadiñas, Neibó e Loira ao seu paso polas parroquias rurais de Santo Tomé de Piñeiro e Santa María do Campo, co alto de Outeiro de Campolongo e o monte Cernello á fronte e a ría de Pontevedra de fondo.

A zona foi afectada nas últimas décadas polo paso dun tendido eléctrico, plantacións de monocultivo de piñeiros e eucaliptos, pola vaga de lumes do ano 2006 e xa máis recentemente por un incendio forestal no ano 2011.

Os gravados rupestres con forma de circos concéntricos xunto cos laberínticos e as cazoletas, que adoitan estar datados na Idade do Bronce no III milenio a.c., son os máis característicos entre os atopados ata agora no termo municipal do Concello de Marín.

A aparición deste novo petróglifo, moi próximo ao Complexo rupestre de Cadro, que xa foi comunicada á Dirección Xeral de Patrimonio para que proceda á súa catalogación e posterior declaración como BIC (Ben de Interese Cultural), viriase sumar ao rico e variado patrimonio cultural existente por todo o espazo dos Montes do Morrazo:

  • Complexo Rupestre do Pornedo, Petróglifos dos Sete Camiños, Conxunto de gravados rupestres de Piñeiral do Caeiro, Complexo Rupestre da Carrasca e Complexo Rupestre de Champás existentes tamén nos montes de San Xián que xunto cos xacementos Mámoa de Chan da Lagoa nº 1 e Mámoa de Chan da Lagoa nº 2, a Mámoa do Catadoiro, a Mámoa de Sete Camiños, Abrigo Rochoso de Catadoiro, Conxunto de gravados rupestres do Regato dos Buratos – Outeiro da Mina , Petróglifo da Cachada do Vello, Petróglifo de Pumariño e Mámoa de Cavada do Pito na limítrofe parroquia de Lourizán forman parte do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

  • As 20 mámoas megalíticas rexistradas en Chan de Castiñeiras, Pedralonga, Chan de Ombra, Chan de Armada, Outeiro de Ombra, Chan de Fonteseca, Chan de Lagucheiras e Chan de Arquiña que forman parte dunha rota de sendeirismo subvencionada con fondos PRODER da UE.

  • As 10 áreas arqueolóxicas de petróglifos da Idade do Bronce dos montes de Meira (Pozo Garrido, Os Meáns I, II e III, complexo rupestre de A Escada, Xesteira I e II, muíño lítico de O Vieiro, Pedra Furada, A Borna). E as mámoas de Outeiro do Aviador e A Fanequeira máis a de Viduido e o asentamento calcolítico da Fontenla na parroquia de Domaio.

Este amplo e variado listado de xacementos arqueolóxicos foi exposto como unha das moitas razóns que a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo espuxo na proposta de ampliación da Rede Natura presentada na Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Nesta proposta a plataforma solicitaba a ampliación da Rede Natura a un novo LIC Montes e Carballeiras do Morrazo, onde se incluíran os espazos naturais dos Montes de Morrazo e da Carballeira de Coiro, catalogados actualmente como solo rústico de protección de espazos naturais dentro do Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia, e que fora ampliable ás áreas naturais dos montes de Lourizán, Outeiro de Campolongo/Monte Cernello, montes de Ardán, montes de Cela, serra da Magdalena e monte Borrallido, montes de Varalonga e montes do Hio como unha sucesión de corredores naturais protexidos ata os LIC de Costa da Vela e Cabo Udra.

Con toda a seguridade este non será o último elemento patrimonial que se descubra nestes montes e na comarca, tal como indicou a plataforma xa en distintas alegacións, dada a grande cantidade de novos achádegos que arqueólog@s e afeccionad@s en xeral á arqueoloxía están a descubrir nos últimos anos, complementando os descubrimentos e catalogacións realizadas con anterioridade ao longo do século pasado.

Advertisements

1 comentario

Arquivado en Uncategorized

Unha resposta a “Descuberto novo petróglifo nos Montes do Morrazo

  1. Pingback: DESCUBERTOS NOVOS PETROGLIFOS EN PEDROUZOS, SAN XULIÁN « DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s