A Plataforma presenta un escrito pedindo a suspensión da proba de trial nos arredores do Complexo Rupestre do Bosque de Cadro

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo vén de presentar xunto coa Asociación Queremos Galego Marín, a Asociación Cultural Almuinha, a Asociación Defende o Monte Pituco, o colectivo ecoloxista Luita Verde e o Colectivo Nacionalista de Marín un escrito no rexistro do concello de Marín e na delegación territorial da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra solicitando a suspensión da proba de trial que se vai celebrar este domingo 1 de xullo no ecoparque do bosque de Cadro, de propiedade municipal, enmarcada nas actividades da Concentración Mototurística Vila de Marín promovida polo concello de Marín e o Moto Club Pontus Veteris onde tamén figura como organizador o Motor Club de Aldán.

 No recinto do citado lugar e dentro de solo rústico de protección de espazos naturais Montes do Morrazo, localízase o complexo rupestre denominado “Petróglifos do Bosque do Cadro”, xacemento arqueolóxico da Idade do Bronce consistente en 5 grupos de petróglifos e catalogado no Inventario Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia co nº de Rexistro GA36026024, englobado na categoría de “Ben de Interese Cultural” (BIC).

Segundo a Lei 8/1995, de 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia calquera actuación no seu ámbito de protección necesita de autorización por parte da Consellaría de Cultura, da que non temos constancia.

A parte da área integral, a área de protección dentro de solo rústico de protección patrimonial, segundo o art. 30 de ordenanza reguladora do solo non urbanizable de protección do patrimonio incluída na Orde 14/5/1991, de 14 de maio, polo que se aproban as Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra é de 200 metros para os restos arqueolóxicos, incluídos os petróglifos, a partir do vestixio máis exterior do ben que se protexe, ou , cando varios elementos singulares se articulan en conxunto, trazarase a partir dos elementos exteriores do conxunto abarcando a totalidade del.

Unha parte dos petróglifos, debido a décadas de abandono, están na actualidade ilocalizables polo que, xa simplemente por precaución, entendemos que non debería autorizarse a citada proba no lugar ante posibles danos ao patrimonio existente.

A realización desta proba pode ter unha afección negativa sobre estes petróglifos, sobre todo se temos en conta o tipo de proba, dado que o trial ten apetencia polas rochas ao ar libre e que para a organización da proba e o deseño do circuito non se tivo en conta a presenza dos petróglifos.

Os colectivos que presentamos o escrito tamén solicitamos a recuperación e a valorización do citado complexo rupestre, así como a catalogación dun novo petróglifo nas proximidades do Bosque de Cadro, sito a maior altitude, no alto dos Pedrouzos e preto do xacemento medieval catalogado como Castelo de Barbudo (GA36026005), e dentro da súa área de protección, da que xa demos aviso no mes de abril.

Advertisements

1 comentario

Arquivado en Uncategorized

Unha resposta a “A Plataforma presenta un escrito pedindo a suspensión da proba de trial nos arredores do Complexo Rupestre do Bosque de Cadro

  1. Pingback: Denuncia ao Concello ante patrimonio | Colectivo Nacionalista de Marín

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s