A Plataforma alega contra o Plan de Mobilidade Viaria do Morrazo

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo vén de presentar as súas alegacións ao Plan de Mobilidade Viaria da Penísula do Morrazo e solicitou á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a súa retirada así como tamén reclamou que se desbotara a conversión en autovía do corredor de alta capacidade do Morrazo. Como alternativa solicitou outro plan mais sustentable e real baseado na:

  • Potenciación do transporte público colectivo terrestre, marítimo e ferroviario de proximidades con conexión de barcos de pasaxe, buses, minibuses e tranvías con enlace a tódolos núcleos de poboación urbana e rural a nivel comarcal.
  • Potenciación dos carrís bici e humanizacións peonís por toda a rede viaria.
  • Desincentivación e uso responsable do automóbil privado.
  • Mellora, vertebración e humanización de toda a rede viaria comarcal existente (terceiro carril para vehículos pesados, máis espazo para paradas de buses, beirarrúas, beiravías, pasos peonís, carrís bici,…), sen grandes obras a maiores nin impacto no medio.
  • Circunvalacións urbanas dos núcleos urbanos de Moaña e Cangas en forma de vías convencionais respectuosas co medio ambiente e co territorio (prescindibles se funciona unha boa conexión de transporte público).
  • Redución da necesidade de desprazarse por estrada fóra da comarca e de dependencia das cidades de Vigo e Pontevedra, dotando os municipios e a comarca dos servizos administrativos, sanitarios, educativos, culturais e sociais correspondentes e necesarias para unha poboación duns 100.000 habitantes, cunha das máis densidades máis altas de poboación de Galiza e de Europa.
  • Unha planificación urbanística axustada co crecemento real demográfico e urbanístico, baseada no decrecemento, na proximidade aos núcleos de poboación e produtivos, no sector primario, na autosuficiencia alimentaria, no aforro e a eficiencia enerxéticas, e na protección e conservación do medio rural e dos espazos naturais e protexidos.

Esta alegación fundaméntase en que o Plan está nuclerizado cara o proxecto de desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade do Morrazo, onde aparcamentos disuasorios, novos proxectos de variantes nos concellos de Moaña e Cangas, a recén rematada variante de Marín e as principais estradas existentes a nivel comarcal se ven canalizadas cara esta autovía para asumir un novo crecemento do parque automobilístico.

A construcción do actual corredor de alta capacidade do Morrazo, na realidade unha vía rápida pechada dun carril en cada sentido, supuso un grave e irreversible impacto ambiental no territorio. Sendo ideada para un tráfico de 40.000 vehículos diarios pouco tempo despois da súa entrada en funcionamento, dous anos, xa se rebasara claramente ese promedio inicial véndose colapsada principalmente nos meses de verán.

O desdobramento e conversión da vía rápida en autovía suporía un novo e irreversible incremento do impacto ambiental no territorio. Os 11,4 novos kilómetros con novos desmontes, recheos, taludes e viadutos afectarían:

  • Os espazos naturais Montes do Morrazo e Carballeira de Coiro.
  • O leito e a área de ribeira dos regos Miñouva, Freixa, Caiauga, Barranco do Faro, da Fraga e do Inferno.
  • O hábitat natural prioritario de bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae) das ribeiras do río da Fraga.
  • O Sobreiral do castro de Montealegre, os sendeiros sinalizados municipais dos ríos Miñouva e Freixa, do río da Fraga e o sendeiro ecolóxico de grande percorrido do Morrazo GR-59.
  • A contorna natural, paisaxística, etnográfica e arqueolóxica da Poza da Moura, Outeiro do Aviador e A Borna.
  • O Lugar de Interese Comunitario Enseada de San Simón, onde desembocarían máis de 10 cursos de auga alterados pola posible obra.
  • Os bancos e concesións marisqueiras, parques de cultivo e polígonos de bateas que puideran verse afectados polas alteracións introducidas nos 26 cursos de auga que afectaría a posible obra.
  • No ámbito cultural e patrimonial: Afección severa (destrución) da área integral de protección dos xacementos arqueolóxicos de O Regueiriño (neolítico), castro e gravados de Montealegre , Devesa de Abaixo (Calcolítico-Idade do Bronce), castro das Cidades, Montenegro (neolítico) e afección crítica á área de protección dos xacementos da Idade do Bronce de petróglifos da Borna , Outeiro do Aviador (Calcolítico-Idade do Bronce), petróglifos 1 e 2 da Xesteira , petróglifo da Escada, petróglifo do Viveiro GA36029053, petróglifo de Pozo Garrido e o petróglifo da Devesa do Rei.
  • Produciríase unha maior afección de camiños, pistas forestais, traídas de auga, cultivos agrícolas e forestais e o risco potencial de incendio forestal pola proxectada construción dunha área de servizo de combustible para o tráfico rodado nas proximidades do Alto do Caeiro, dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo.

O proxecto de conversión en autovía do corredor de alta capacidade e o propio Plan, son ilegais, xa que non está aprobado o preceptivo Plan Director de Estradas de Galicia (PDEG), nin o Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica (Plan Move). Non existe tampouco a correspondente Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE), establecida na vixente Lei 9/2006 de 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, non existe, para máis ilegalidade, a correspondente e obrigatoria Avaliación de Impacto Ambiental (AIA) do proxecto de conversión en autovía do corredor, e abríuse a información pública o Plan cando simultaneamente estaba en período de consultas sobre Avaliación de Impacto Ambiental o proxecto de conversión en autovía do corredor do Morrazo, indo contra o procedemento administrativo.

A variante de Moaña ten un impacto ambiental inasumible con recheos na concas dos ríos Barranco do Faro, da Fraga, do Inferno e Rialdarca. A maiores, e saíndose do proxecto orixinal de circunvalación proxectado anteriormente nas normas subsidiarias municipais e contemplado tamén no novo PXOM que remataba na estrada PO-313 Marín-Moaña á altura da Porta do Cego, agora no Plan modifícase un tramo dende O Carrachal ata as proximidades do núcleo poboacional de Sabaceda e de aí engádeselle un novo tramo ata o corredor á altura do Outeiro do Cruceiro, afectando directamente ao nacemento e áreas de ribeira do río de Rialdarca, á proximidade dos núcleos de poboación rurais de Rego do Muíño, A xalde e Outeiro do Cruceiro, solo rústico de protección agropecuaria e a contorna do igrexario románico de San Martiño e do Monte do Castro .

O novo treito de Tirán é un enlace máis co enlace do corredor e non unha circunvalación, e supón un impacto tamén nunha zona rústica preto de vivendas, dun colexio público de primaria e do castro do Monte dos Remedios.

A variante de Cangas ten un impacto ambiental insasumible con recheos nas concas dos ríos Bouzós e da Presa.

A conexión destas variantes co corredor a través do tramo de Outeiro do Cruceiro, no caso de Moaña, e do tramo de enlace de A Rúa, no caso de Cangas, está deseñada para asumir un incremento de tráfico rodado e motorizado trala conversión do corredor en autovía polo que a parte do negativo impacto ambiental que causaría a súa construción habería que lle engadir o impacto acústico e atmosférico do parque automobilístico na periferia dos núcleos urbanos. No fondo estase a propoñer un trazado parecido ao proposto no ano 1999, xa rexeitado socialmente daquela polo elevado impacto ambiental e territorial.

O acondicionamento da PO-313 treito Fraga-Pardavila , da que non se expón planos nin estrutura da obra, afectaría ao espazo natural dos Montes do Morrazo, dentro de solo rústico de especial protección dos espazos naturais, a solo rústico de especial protección forestal, de augas e agrícola, a varios núcleos de poboación (Broullón, Paradela, Miñán, Silvestre e Pardavila), entre o enlace da citada estrada co corredor na Paradela (Moaña) e o enlace coa variante de Marín na rotonda de Pardavila (Marín), terían que soportar o incremento posterior do tráfico motorizado, e coa intención de asumir transporte pesado, xa que ese acondicionamento estaría para dar servizo ao proxecto de parque industrial Moaña-Marín entre A Pastoriza e a Cruz da Maceira malia estar proxectado tamén dentro de solo rústico de especial protección dos Montes do Morrazo, forestal, de augas e de infraestruturas, supón un impacto enorme en terreos de gran desnivel, lonxe dos núcleos urbanos e de produción e ter unha das mais baixas puntuacións no plan sectorial de áreas industriais de Galicia, que o farían en conxunto inviable.

Na realidade o treito comeza da conexión da PO-313 na Paradela e non na Fraga e coincidiría co proposto no 2008 no Plan Vigo Íntegra que xa foi rexeitado socialmente daquela polo elevado impacto ambiental e territorial.

A mellora da PO-315, proposta entre Cangas e Menduíña, entre San Amaro (Aldán) e o cruce de Beluso de baixada ás praias de Bon-Lagos-Cabo Udra, Mourisca e Tulla , e de Cabalo a Bueu pola costa, do que tampouco se expoñen planos nin estrutura do que se quere proxectar, na realidade quedarían obsoletas e como un parche inútil trala conversión en autovía do corredor ante o previsible incremento do parque automobilístico en dirección ás praias de O Hío, Aldán e Beluso, e ademais masificarían de máis vehículos e aparcamentos a zona mellor conservada e de espazos naturais protexidos da costa morracense, incluída na Rede Natura dentro dos LIC de Costa da Vela e Cabo Udra, en solo rústico de especial protección de espazos naturais de Cabo Home e Punta Udra e de solo rústico de especial protección de costas.

O treito I da variante de Marín, que no Plan se expón en obras, xa está rematado e en funcionamento, supuso un enorme impacto ambiental similar ao do resto da variante xa construída anteriormente e á do corredor do Morrazo, non está a solucionar os problemas de tráfico no centro urbano de Marín e a cambio está masificando de máis tráfico o treito da PO-551 entre o remate da variante en Ardán e a Portela ao seu paso por Bueu, dentro do efecto funil conseguinte xa que as estradas de máis capacidade sempre van rematar noutras menores e máis estreitas.

Na estrada PO-551 só contempla actuacións de mellora no treito de Domaio, e de urbanización na Magdalena (conexión da variante de Cangas coa estrada A Magdalena-Aldán) e en Ardán (conexión da variante de Marín PO-551), deixando fóra a maioría do trazado malia ser a principal vía interna de comunicación comarcal (Moaña-Cangas-Bueu-Marín) e ter varios puntos negros de sinistralidade (Meira, Tirán, Rodeira,…).

Non se contempla ningunha actuación na rede secundaria de estradas, moitas delas sen apenas beiravías nin beirarrúas malia pasar por núcleos de poboación, que ademais por engadido tamén se verían afectadas polo incremento xeral do tráfico viario de seguir o deseño exposto neste Plan.

Preto da metade do orzamento total (61,10 millóns de euros ) serían para o desdobramento do corredor, supoñendo un novo lastre económico e un malgasto de fondos públicos nestes momentos de forte e crónica crise financeira existente, provocada precisamente por ese modelo insustentable e especulativo, e faría ademais practicamente imposible a consecución doutras alternativas máis sustentables baseadas no desenvolvemento e transporte de proximidades máis na potenciación do transporte colectivo coas que é incompatible. Os 159 millóns de euros do total do orzamento considerámolos ficticios e imposible que se cumpran, o que deixaría ese modelo de desenvolvemento e de transporte abocado ao fracaso.

O petróleo xa chegou ao seu pico de produción a nivel mundial, o que queda é máis complicado de extraer, e máis caro, o seu consumo é cada vez maior pola poboación humana e non hai outra fonte de enerxía que o supla, polo que se fai totalmente insustentable.

Esa insuficiencia xa se está notar na subida dos prezos dos combustibles que por outro lado tamén se ven afectados polo gravame en forma de impostos polos seus altos índices de contaminación na combustión por estrada.

A construción de vías de alta capacidade supoñen unha enorme inversión económica tanto pola súa construción como polo seu mantenemento, e dá cabida finalmente ás impopulares peaxes. Supoñen un enorme impacto ambiental no territorio por onde se proxectan, e deixan unha enorme pegada ecolóxica a nivel local e planetario, incidindo na destrución do solo e a súa biota, no déficit hídrico pola afección das capas freáticas, na falla de drenaxe pola impermeabilidade do seu pavimento, na sedimentación de áridos, no incremento de episodios de inundacións pola concentración das augas de escorrentía e no perigo de corrementos nas capas superciais do solo pola súa interacción nas partes menos consistentes.

Tamén afecta pola xeneración de residuos oleosos e carburantes e metales pesados na calidade da augas tanto fluviais como mariñas, de especial efecto nas rías galegas como ecosistemas naturais e como áreas de extracción de recursos para a alimentación humana.

Producen un efecto barreira para a fauna e a flora salvaxe, que ademais supoñen unha trampa mortal para moitas especies que son atacadas por depredadores naturais e humanos, e por moitos pasos que se fagan sempre remata tamén accedendo fauna aos viais tanto pola vía terrestre como aérea, habendo igualmente unha alta mortandade por atropelos.

A sinistralidade viaria nas estradas (a meirandes estradas, maior tráfico e maior posibilidade de accidentes) supón un dos maiores índices de mortandade civil similar á producida nas grandes contendas bélicas. Un tanto do mesmo poderíamos falar de doenzas e minusvalías físicas e psicolóxicas producidas de por vida no caso de sorteala fatalidade.

Non solucionan os problemas de comunicación viaria senón polo contrario van camiño dun colapso global.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s