A Plataforma pide o posicionamento en contra do parque eólico do concello de Marín

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo vén de presentar un escrito no concello de Marín para que se debata no pleno do mes de decembro o proxecto de parque eólico presentado por Enel Green Power España, actualmente en fase de exposición pública, e que se posicione en contra deste proxecto facendo chegar este posicionamento á Xunta de Galiza e que este proxecto finalmente non se leve adiante.  Deixamos aquí na súa integridade o texto do escrito presentado.

Estando en exposición pública o proxecto de parque eólico denominado de Pedras Negras presentado pola multinacional Enel Green Power España, localizado nos concellos de Marín, Moaña e Vilaboa, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere dirixirse á corporación municipal e á alcaldía para expoñer o seguinte:

Consideramos que o impacto, de se levar adiante este parque eólico nos Montes do Morrazo, sería negativo para a natureza, a paisaxe, o patrimonio arqueolóxico e para a economía da nosa bisbarra.

Como se recoñece no estudo de impacto ambiental presentado pola empresa, as obras de instalación do parque afectarían de feito severo e “moderado” a un total de catorce xacementos arqueolóxicos. Hai que ter en conta que son os que coñecemos e están catalogados na actualidade, o máis probábel será atopar novos achádegos durante a execución das obras, pois estamos nunha das zonas de maior riqueza patrimonial e arquolóxica do Morrazo.

Especial consideración merece a mámoa de Chan d´Arquiña e a súa área recreativa, declarada Ben de Interese Cultural e contando polo tanto coa máxima protección legal. O parque forestal e a área de lecer serán afectados na fase de construción polo paso da maquinaria e a construción ou ampliación das pistas existentes. Unha vez rematada a instalación o impacto visual e acustico que provocan os aeroxeneradores estragarán a capacidade de atracción da zona.

A afección á paisaxe só a podemos denominar como contundente. Os cumios máis altos do Morrazo estarán inzados por catorce muíños de vento que serán visíbeis a grandes distancias. Farán sombra á Enseada de San Simón, cualificada como LIC e habitat natural dun número importante de aves.  Desde Vigo a Sanxenxo a visión dos nosos montes e da nosa paisaxe estará caracterizada por estas construcións, rematando cunha das poucas zonas que aínda quedan libres de parques eólicos en Galiza. Temos que lembrar a importancia que ten o turismo para os concellos das Rías Baixas e o impacto negativo que pode supoñer neste sector.

O nacemento dos ríos Loira,  Lameira,  da Fraga,  Miñouba e Riomaior,  estes dous últimos con saída na súa desembocadura dentro do LIC da enseada de San Simón, están na zona de implantación do parque eólico. Os desterros, ampliación de pistas ou aplanamentos do terreo, como xa aconteceu coa construción da variante de Marín ou da denominada vía rápida do Morrazo, van afectar a estes regos sen que exista unha avaliación fiábel do impacto.

Son coñecidas as negativas repercusións dos aeroxeneradores na fauna, concretamente nas aves e morcegos. A Mortandade da fauna e a desfeita da flora durante a construción do parque, e unha vez rematado, son permanentes.

 No estudo de impacto ambiental non se menciona que pretenden construír o parque eólico  dentro do Espazo Natural dos Montes  do Morrazo, catalogada dende o ano 1990 como solo rústico de especial protección de espazos naturais dentro das Normas de Planeamento provinciais de Pontevedra. Esta catalogación prohibe os usos industriais dentro do seu regulamento.

Galiza exporta aproximadamente un 40% da enerxía eléctrica que produce, polo que non é necesaria a ampliación ou construción de novos parques eólicos. Coa renovación dos existentes acadaríase unha maior produción de electricidade.

Os supostos beneficios económicos da produción eléctrica non van repercutir en Marín, nin en Moaña e Vilaboa, van ser para unha multinacional italiana Enel Green Power. Non se valora o impacto económico nas comunidades de montes, o que van deixar de gañar, nin a perda da propiedade dos terreos en caso de se levar adiante a expropiación. Nun parque eólico non se poden dar os usos forestais, silvícolas ou gandeiros que si se dan na actualidade.

A repercusión para os habitantes de Morrazo, en beneficio económico ou de redución de prezo da electricidade, vai ser negativa. A hostelería, o turismo que busca o lecer e a natureza,  vai perder capacidade de promoción dun espazo que ten grandes pontencialidades naturais, históricas e arqueolóxicas.

Temos que destacar a existencia do Clube de Parapente Morrazo, o máis importante e numeroso de Galiza, e que desenvolve parte das súas actividades en Pedras Negras. Este clube move un importante número de persoas que veñen aos nosos montes a practicar o parapente, sendo polo tanto un elemento máis de promoción da nosa bisbarra.

Estamos ante un proxecto empresarial de carácter especulativo, o que en económia se denomina unha industria de enclave, que vén lucrarse dos nosos recursos naturais para exportar os beneficios. O que nun principio pode parecer “ecolóxico”, a enerxía eólica, convértese na súa forma de implantación en grandes parques eólicos nunha desfeita ambiental.

Enel Green Power pretende construír un parque eólico para obter uns beneficios que non van repercutir na vila de Marín, a nós e ao Morrazo só nos van deixar unha paisaxe estragada por un enorme impacto visual, unha repercusión negativa no medio ambiente, nos ríos, na fauna, na flora e a imposibilidade de levar adiante un desenvolvemento sostíbel do monte.

É por todo isto polo que nos diriximos á Corporación Municipal para que se posicione contra o proxecto de parque eólico presentado por Enel Green Power España e actualmente en fase de exposición pública. Solicitamos, ademais, que se faga chegar este posicionamento á Xunta de Galiza para que definitivamente este proxecto non se leve adiante.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s