Modelo de alegación contra o parque eólico: copia, imprime e presenta no teu concello

CONSELLARÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

XEFATURA TERRITORIAL DE PONTEVEDRA

D/Dna. …………………………………………………………………………… con D.N.I. Nº……………………., domicilio en…………………………………… ……………………………………… ……………………………, con respecto ao proxecto de parque eólico en Pedras Negras,

Expón:

Que estando en periodo de exposición e alegacións nos concellos de Marín, Moaña e Vilaboa o proxecto de parque eólico promovido pola multinacional eléctrica Enel Green Power España coa denominación de Pedras Negras nos Montes do Morrazo. O abaixo asinante quere formular as seguintes alegacións:

  1. Os Montes do Morrazo ao que pertencen as áreas naturais afectadas por este proxecto no Monte Formigoso, Serra Domego, Chan de Gagán, Chan de Xestoso, Seixos Brancos, Coto do Home, Chan de Carqueixa, Pedras Negras, Os Candóns, Os Pedrouzos, Chan de Goa, Outeiro da Charamiza e Serra Basil, están inscritos no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galiza e catalogados como sólo rústico de especial protección de espazos naturais polas NN CC e SS de Planeamento da provincia de Pontevedra. Segundo esta normativa non están permitidos os usos industriais nas áreas así catalogadas.

  2. Os 14 aeroxeradores proxectados, cunha altura de 175 metros (119 de fuste e 112 de diámetro de rotor), estarán situados en puntos de entre 450 e 600 de altitude sobre o nivel do mar, xa que logo, a instalación dos muíños afectarían de xeito notorio e destacábel a paisaxe. O impacto sería visíbel desde as rías de Vigo e Pontevedra, as serras do Barbanza e o Salnés, as serras da dorsal galega e do sur da provincia até o Parque Nacional da Illas Atlánticas adentrándose no océano.

  3. O espazo dos Montes do Morrazo é unha área que posúe unha grande riqueza arqueolóxica, cuxos xacementos, tal e como se recoñece no estudo de impacto ambiental do proxecto, se verían afectados de xeito severo e moderado na fase de construción pola ampliación, até os 6 metros de ancho, das pistas existentes e a apertura de novas pistas para o paso da maquinaria e gabias para o cableado. Asi se verían afectadas as áreas de protección das mámoas de Fonteseca e Chan de Lagucheiros, o petróglifo de Outeiro do Gorgullo, a área de protección da mámoa de Chan de Arquiña, declarada BIC (Ben de Interese Cultural) e o proxecto de posta en valor e divulgación cultural e ambiental da rota das mámoas do Morrazo.

  4. O entorno das brañas de Corno Peneda e de Monte Sobreira inscritas no Rexistro Xeral de Humedais de Galiza, así como os nacementos e áreas higrófilas de ribeira do Río Miñouva, Río Libón, Rio dos Ladróns, afluentes do Río Maior (Rego do Portiño, Rego de Bouzans, Rego da Vella, Rego de Chan da Goa), Rego da Maceira e Río Neibó, veríanse afectadas pola construción do parque eólico polas escavacións e movemento de terras. O mesmo sucedería cos mananciais das comunidades veciñais de usuarios de auga para usos domesticos de Calvar- Verdeal, San Lourenzo, os barrios da parroquia de San Adrián, e mesmo barrios das parroquias de Santo Tome de Piñeiro e San Xulián.

  5. A apertura e ampliación de pistas ata 6 metros de ancho, nunha superficie de 17.302 metros lineais, para o transporte das pezas de cada muíño en camións articulados de grande tonelaxe, a cimentación de 20×20 de cada aeroxerador e a explanada e plataforma de montaxe de 90×50 por cada aeroxerador, a subestación eléctrica e a apertura de 15.702 metros lineais de gabias para cableado e comunicacións suporían unha grave erosión do sólo afectando a vexetación e a fauna asociada.

  6. A apertura de novas pistas de acceso e a colocación dos aeroxeradores afectaría de xeito irreversíbel a rochas e amoreamentos graníticos en desnivel con abundancia de pías, cacheiras e morfoloxías únicas esculpidas pola natureza nas súas estruturas.

  7. A fauna e flora, incluídas algunhas especies endémicas e protexidas do noroeste ibérico e hábitats de interese comunitario, veríanse afectadas tanto na fase de construción como de funcionamento do parque eólico. Os aeroxeradores en liña alén de provocar entre as súas pás unha alta mortandade tanto en aves coma morcegos, supoñen unha barreira para a mobilidade das aves, xa que fragmentan a conexión entre as áreas de alimentación, invernada, cría e muda. Os rodeos necesarios para esquivar os parques eólicos provocan un maior gasto enerxético que pode chegar a mermar o seu estado físico, polo que as aves ven diminuídos o seu éxito reprodutor e tamén a súa propia supervivencia.

  8. Estaría situado a escasa distancia do LIC da Enseada de San Simón, integrado pola súa importancia ornitolóxica, humidal e mariña como Espazo Natural Protexido na Rede Natura a nivel europeo, que se vería afectado tanto a nivel paisaxístico como ambiental pola afección do propio espazo natural dos Montes do Morrazo como corredor ecolóxico e conformador da conca norte desta enseada e paso de rota migratoria cara o propio LIC.

  9. A área de lecer de Chan de Arquiña e os núcleos rurais de poboación dentro dos 1.000 metros como son os barrios de Verdeal, Calvar, San Lourenzo, SanTradán, Uveiras, Curra, Pousada, Nores, Pazos e Sobreira, San Adrián, Pastoriza. Aos que se engaden dentro dos 2.000 m, Palmas, Costa, Carballido,Río Maior, O Muíño, Allariz, Miñán, A Troncosa. veríanse afectados acusticamente polo continuo ruído que provocan as enormes pás dos aeroxeradores en movemento.

  10. A construción e posta en funcionamento da subestación eléctrica de 66×20 KV incrementaría a emisión de ondas electromagnéticas no ambiente producidas na actualidade polas antenas de telecomunicación existentes en Monte Faro de Domaio e Coto do Home. Estas antenas á súa vez poderían ver interferidas as súas radiofrecuencias polo funcionamento dos aeroxeradores. E Multiplicaríase ademais o risco de lumes pola posibilidade de fallos no seu funcionamento.

  11. A instalación do parque eólico afectaría a prevalenza dos usos tradicionais forestais, agrogandeiros, silvopastorís e, xa que logo, o patrimonio social, económico, cultural e ecolóxico do monte mancomunado das parroquias de San Adrián de Cobres, Domaio, Meira, Moaña e Santo Tomé de Piñeiro. A grande envergadura dos aeroxeradores e as súas pás farían imposíbeis as repoboacións forestais con especies arbóreas na liña onde estiveran ubicados para poder obter o vento.

  12. Imposibilitaría a práctica social e deportiva do parapente, con puntos de despegue e voo na zona afectada polo parque eólico. Así mesmo afectaría o sendeiro municipal de Bicis Todo Terreo do concello de Marín existente por varias pistas e camiños ao longo da zona afectada. E impactaría moi negativamente no sendeirismo peonil con varias rotas polos arredores, por exemplo o Sendeiro Ecolóxico do Morrazo GR-59, e tamén a nivel turístico, pola degradación e perda de calidade ambiental que implicaría a presenza dos aeroxeradores, torres de medición e subestación eléctrica por toda a contorna, de grande valor paisaxístico, ambiental e cultural.

  13. Non se xustifica a declaración de utilidade pública do proxecto dado o manifesto interese privado do mesmo.

  14. área de reserva eólica onde está situado o proxecto do parque eólico de Pedras Negras, incluída no Plan Sectorial Eólico de Galiza, é moito maior, abranguendo unha superficie en forma de triángulo no territorio de 4300 has. onde ademais están planificados como alternativa 15 aeroxeradores máis distribuídos polos altos da Encavada, Outeiro da Graña, Castiñeiras, Outeiro dos Asubións, Cotorredondo, Monte das Barreiras, Outeiro da Carballosa, Agudelo e Monte do Grilo que afectarían á práctica totalidade do Espazo Natural dos Montes do Morrazo e 3 aeroxeradores distribuídos polos altos de Outeiro da Paralaia e Chans de Ermelo que forman parte do Carballal de Coiro, tamén catalogado como chan rústico de especial protección de espazos naturais, afectando en total ós concellos de Marín, Moaña, Vilaboa e Bueu e que en conxunto deixaría unha paisaxe contínua de aeroxeradores por todas as zonas máis altas da comarca supoñendo unha afección moito maior a nivel paisaxístico, ambiental, cultural, social e económica.

  15. Galiza é excedente en produción de electricidade, a maior parte dela (incluída a eólica) é exportada fóra da comunidade autónoma. As áreas de maior potencial eólico xa foron cubertas a costa dun grande impacto ambiental no territorio, e na actualidade a solución máis sustentábel de cara o futuro sería a repotenciación dos parques eólicos xa construídos, a complementariedade con outras fontes de enerxía renovábel, a autosuficiencia, o aforro e a eficiencia enerxéticas como alternativas dentro dun modelo global de decrecemento.

Polo alegado;

SOLICITA:

A inviabilidade do proxecto de parque eólico de Pedras Negras, e que se declare a incompatibilidade do proxecto do parque eólico coa preservación dos valores naturais, paisaxísticos, xeolóxicos, arqueolóxicos, etnográficos, sociais e económicos do espazo natural dos Montes do Morrazo.

A retirada da declaración de utilidade pública do proxecto dado o manifesto interese privado do mesmo o que conlevaría a retirada tamén da urxente ocupación e no seu caso expropiación forzosa dos terreos por enriba dos dereitos privados, comunais e públicos dos terreos afectados.

A retirada da área de reserva eólica do Morrazo do Plan Sectorial Eólico de Galicia.

En ……………………………………..

Asdo.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s