Menos chapapote e máis transporte público e colectivo!!!

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo cualifica de fóra da lei que a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, decida unha vez máis, despois da outra sucedida cun anterior proxecto no 2009, a decisión de descartar a avaliación de impacto ambiental do proxecto de conversión do corredor de alta capacidade do Morrazo en Autovía os 11,4 kilómetros existentes dende Rande ata o enlace de Cangas, non tendo en conta ademais os comentarios feitos en agosto pasado pola Plataforma diante da consulta sobre decisión de avaliación de impacto ambiental (AIA) do proxecto onde á parte desa AIA solicitabamos o informe desfavorable e a retirada do proxecto pola tramitación ilegal e polos gravísimos efectos que podería ter sobre a atmosfera, as augas, o solo, a vexetación, a fauna, a paisaxe, o patrimonio, as rotas ecolóxicas e o medio socioeconómico.

Como totalmente irresponsable e incompetente se pode definir a xustificación de que non se prevén efectos adversos relevantes ou significativos para o medio ambiente e dando como solución que se cumpran as condicións que figuran na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do 21 de xullo de 2001, cando por unha parte non se realizou o correspondente e legal estudo de impacto ambiental e nin sequera se cumpriron as condicións ambientais estipuladas polo propio DIA no seu momento, e por outra, toda obra a maiores da aberración que supuxo a construción do corredor. Non hai que ser cego para comprobar que vai ser un novo, grave e irreversible impacto para o medio, a base de novos desmontes, recheos, taludes, viadutos…nun territorio con fortes desniveis a máis de 200 metros de altitude sobre o nivel do mar, afectando os espazos naturais dos Montes do Morrazo e do Carballal de Coiro, protexidos como solo rústico polos seus valores naturais e patrimoniais a nivel provincial, o leito e área de ribeira dos ríos, Miñouva, Freixa, Caiauga, Inferno e da Fraga.  Este último con bosque de ribeira catalogado hábitat natural prioritario a nivel europeo, a proximidade á ría e o LIC da Enseada de San Simón no primeiro tramo, a área de protección dunha ducia de xacementos arqueolóxicos catalogados entre asentamentos do neolítico e calcolítico ata petróglifos da Idade do Bronce e castros da Idade do Ferro, onde destaca pola afección severa o castro de Montealegre xunto co seu seu sobreiral, e unha maior afección de camiños, pistas forestais, traídas de auga, cultivos agrícolas e forestais, dos xa afectados pola propia construción do corredor.

E incompetente á parte de enganosa tamén resulta a xustificación económica e loxística, xa que por unha parte sería “a oferta máis barata dentro do modelo máis caro” e por outra, máis que loxística, polo contrario, “carecería de toda lóxica”, tan só en beneficio do PEIT (Plan Estratéxico de Infraestructuras y Transporte) a nivel estatal e dentro del o Plan MOVE (Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica) a nivel autonómico, onde se está descuartizando grave e irreversiblemente o territorio cun modelo de transporte a medias-longas distancias cada vez máis limitado e hipotecando as arcas públicas con millóns de euros para as grandes empresas e multinacionais da construción, mesmo con fondos europeos, que a partir de agora ademais van ser cada vez máis escasos.

A cantidade orzamentada de 41,29 millóns de euros para o proxecto non é precisamente unha cantidade moi económica e o máis grave é que sería para un modelo de transporte de mobilidade totalmente insustentable, baseado no fomento do caro e contaminante automóbil privado, que agravaría a situación para a que supostamente vai ideada, a da fluidez viaria, xa que provocaría un aumento do parque automobilístico que incapacitaría aínda máis as estradas locais para absorbelo dentro dun efecto funil por toda a comarca, principalmente nos meses do verán.

Se a ese orzamento lle sumamos os 19,80 millóns de euros con que está orzamentada a segunda e definitiva fase da conversión do corredor en autovía dende o enlace de Cangas á rotonda da Portela, a súa suma, 61,10 millóns de euros, suporía preto da metade dos 159 millóns de euros da partida orzamentados para o Plan de Mobilidade Viaria da Penísula do Morrazo, onde tamén están planificadas entre outras obras as tamén impactantes e antipopulares variantes de Moaña e Cangas, para dar servizo precisamente ao previsible e insustentable crecemento de tráfico.

O proxecto de conversión en autovía tampouco serviría de gran cousa á seguridade viaria, da que por certo nunca se depuraron responsabilidades políticas nin técnicas pola alta sinistralidade do corredor, senón máis ben todo o contrario, xa que a máis entrada de automóbiles, por lóxica, máis probabilidade de accidentes e polo tanto tamén de sinistralidade, tanto na propia vía de alta capacidade, onde se promove maiores velocidades, como nas estradas locales, onde por estatísticas se adoita concentrar unha maior parte dos sinistros.

Dende as últimas medidas de seguridade cos bolardos e medianeiras, e sen moito gasto, postas no corredor, o número de accidentes e sinistros nesta estrada reduciuse considerablemente e, no entanto, non foi así nas estradas locais onde, por exemplo, no mesmo tramo da estrada PO-551 da zona da Borna, en Meira (Moaña), xa houbo este ano dous accidentes, un deles por desgraza mortal e outro máis afortunado hai poucos días, pola falta de vallas de protección nos laterais. Segundo o Plan de Mobilidade Viaria da Penísula do Morrazo mentres boa parte das inversións van para a conversión do corredor en autovía, as actuacións previstas de mellora da PO-551 dende Moaña a Cangas só prevé actuar no tramo pertencente á parroquia de Domaio e no resto pouco máis.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo seguiremos esixindo a retirada do proxecto de conversión do corredor en autovía e como alternativa a mellora, vertebración e humanización da rede viaria comarcal existente, circunvalacións convencionais dos núcleos urbanos de Moaña e Cangas respectuosas co medio ambiente e o territorio; a desincentivación e uso responsable do automóbil privado; a potenciación do transporte público colectivo terrestre, marítimo e ferroviario de proximidades; a potenciación dos carrís bici e humanizacións peonís por toda a rede viaria; a dotación aos municipios e á comarca dos servizos administrativos, sanitarios, educativos, culturais e deportivos necesarios para conseguir a redución dos desprazamentos por estrada fóra do Morrazo, e unha planificación urbanística axustada coa realidade demográfica e urbanística, baseada no decrecemento global e na proximidade.

Ao mesmo tempo tamén nos seguimos reservando o dereito de actuar de xeito civil ou penal contra as administracións e funcionarios/as responsables por contravir gravemente a lei de seguir coa decisión de eximir da avaliación de impacto ambiental o proxecto de conversión do corredor de alta capacidade do Morrazo en autovía.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: