Hábitat natural prioritario afectado polo parque eólico de Pedras Negras

 O parque eólico de Pedras Negras afecta a unha zona higroturbosa no nacemento do río Miñouva, un territorio de aprox. 25 has. catalogado como hábitat natural prioritario a nivel europeo de “turbeiras altas activas”, feito que conlevou que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia solicitara no seu informe sectorial a exclusión deses terreos afectados.

A contorna próxima dese hábitat natural prioritario resultaría afectada pola ubicación de 7 aeroxeradores (do nº7 ao nº13) e a subestación eléctrica nas zonas de Chan de Carqueixa, Pedras Negras, Os Candóns, Os Pedrouzos e Chan da Lagoa

O novo vial de acceso e a ubicación do aeroxerador nº 9 invádeno directamente, feito polo que a empresa promotora recoñece que ten que modificar o vial sen ter en conta que o aeroxerador tamén o invade, e ofrece como solución a conexión dende o aeroxerador nº 8, o que implicaría un impacto no territorio moito maior xa que tería que construír o vial por unha zona rochosa de fortes desniveis na zona de Os Candóns.

O hábitat natural prioritario de turbeiras altas activas está conformado por brañas alimentadas pola chuva nos que o nivel da auga está máis elevada que o nivel freático circundante e a acumulación de biomasa morta produce un abombamento do terreo, feito polo que se denominan turbeiras altas.

Esa biomasa compóñena principalmente os briófitos do xénero Sphagnum, acompañados xeralmente por plantas insectívoras do xénero Drosera (coñecidas popularmente por orballiñas ou atrapamoscas), ciperáceas do xénero Carex ou ericáceas do xénero Erica tetralix e E. Macakaiana. A fauna compóñena esencialmente organismos acuáticos que viven na turba (anfibios, insectos, etc.) no que moitas veces son especies de distribución restrinxida.

Precisamente unha das especies vinculadas con este tipo de hábitats, a Phengaris alcon, unha especie de bolboreta asociada exclusivamente na súa fase de larva á planta higroturbosa Gentiana pneumonante, é unha desas especies restrinxidas considerada vulnerable a nivel internacional pola UICN (Unión Internacional da Conservación da Natureza) existente na área afectada polo parque eólico.

Por efecto natural e antrópico pode producirse unha degradación destas turbeiras e formarse o que se denominan tubeiras desnudas, onde despois adoitan instalarse comunidades pioneiras colonizadoras do xénero Rhynchosporion do que na zona de Domaio existe actualmente a única cita a nivel galego da especie Rhynchospora modesti-lucennoi e unha das máis importantes a nivel ibérico, catalogada en perigo crítico no libro vermello de flora vascular española e en perigo de extinción segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

E así poderiamos tamén falar xa en xeral de varias especies de anfibios asociadas a ambientes acuáticos ou húmidos, a maioría delas protexidas polo Convenio da Vida Silvestre e o Medio Natural de Europa, máis coñecido por Convenio de Berna.

Dentro delas temos a saramaganta (Chioglossa lusitanica) endemismo do noroeste ibérico considerado vulnerable pola UICN e polo Catálogo Galego de Especies Ameazadas e protexido a nivel europeo pola Directiva Hábitats, a rá patilonga (Rá iberica) outro endemismo do noroeste ibérico, o pintafontes comun (Lissotriton boscai) e o sapiño pinto (Discoglossus galganoi) endemismos do oeste ibérico, consideradas de interese especial polo Catálogo Nacional de Especies Ameazadas (CNEA) que no propio estudio de impacto ambiental do proxecto as recoñecen xunto con outras (pintafontes plameado, pintafontes verde, píntega común, sapo común, sapiño comadrón, sapo corriqueiro, rá de San Antón e rá común) dentro do ámbito xeográfico afectado polo parque eólico.

E tamén de réptiles vinculados a zonas húmidas como o lagarto das silveiras (Lacerta Schreiberi), outro endemismo do oeste ibérico vinculado a zonas húmidas ou turbosas, estritamente protexido e catalogado de interese especial polo CNEA, que xunto con outras especies como a cobra de colar (Natrix natrix) e a cobra viperina (Natrix maura), tamén de interese especial polo CNEA, están dentro do ámbito xeográfico afectado polo parque.

Polo tanto aparte desa zona declarada como hábitat natural prioritario do río Miñouva tamén imos alegar que se protexa o conxunto da rede fluvial afectada polo parque nos nacementos dos regos Neibó, da Fraga, dos Ladróns e Río Maior, como hábitats fráxiles de augas limpas e formación de brañas de gran valor hídrico e ecolóxico, así como que se teñan en conta a protección das brañas de Corno Peneda e Monte Sobreira, inscritas no Rexistro Xeral de Humedais de Galicia, afectadas tamén na súa contorna.

Por outra parte ademais do citado hábitat natural prioritario existen outros tres hábitats máis de interese comunitario afectados polo parque eólico: rochedais silíceos con vexetación pioneira, breixeiras secas europeas e carballeiras galaico-portuguesas.

E unha grande importancia ornitolóxica de anidada, alimentación e paso migratorio de aves, con amplas zonas abertas dentro da zona máis alta entre dúas rías e preto da enseada de San Simón, espazo natural protexido con miles de aves invernantes cada ano.

A empresa promotora do parque eólico, Enel Green Power España S.L., malia recoñecer a importancia destes hábitats e desa fauna e flora silvestre despois contraditoriamente remata restándolle valor pola existencia de camiños, plantacións e incendios forestais.

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo significa todo o contrario e esa importancia de hábitas naturais e de fauna e flora salvaxe vén demostrar que o conxunto do espazo natural dos Montes do Morrazo e o Carballal de Coiro, ameazados pola ubicación de 14 aeroxeradores, pistas de acceso, gabias, subestación eléctrica e torres de medición metereolóxicas dentro do proxecto do parque eólico de Pedras Negras e por 21 ubicacións alternativas de aeroxeradores dentro da área de reserva eólica do Morrazo, por tres proxectos de parques industriais, pola ampliación do corredor de alta capacidade do Morrazo e por un proxecto mineiro, debería ser suficiente para que pasaran a integrar a ampliación da Rede Natura como Espazo Natural Protexido, que viría ademais a fortalecer e consolidar a función de corredor ecolóxico do cercano Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) da Enseada de San Simón máis dos da Costa da Vela e de Cabo Udra como así lle solicitamos a Plataforma e varios colectivos integrados nela en marzo do 2012 á Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Porén tamén lembra que a catalogación actual de solo rústico de especial protección de espazos naturais a nivel provincial, catalogación que pretende obviar a empresa promotora do parque eólico definíndoo enganosamente como solo rústico ordinario, non autoriza os usos industriais.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s