Graves omisións no estudo de impacto arqueolóxico do parque eólico de Pedras Negras

Malia que no estudo realizado entre o 26 de maio e o 1 de xuño de 2011 pola empresa ZETA ARQUEOLOXÍA, recoñece a afección de 14 xacementos arqueolóxicos e varios deles con afección severa dentro da súa área de protección, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo denuncia que despois a mesma empresa tende a desvalorizalos nas súas descricións e incluso a omitir as súas protección.

Non se ten tampouco en conta no estudo a afección que poderían ter tamén parte das ubicacións alternativas propostas na área de reserva eólica do Morrazo. Así por exemplo, non se expón que o petróglifo da Idade do Bronce de Outeiro do Gorgullo, Ben de Interese Cultural (a máxima figura de protección cultural segundo a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia) está afectado de xeito severo por vías de acceso e gabias á ubicación do aeroxerador nº 15 no Monte Formigoso. Estando ademais afectado por outra ubicación alternativa dentro da área de reserva eólica do Morrazo.

Tampouco menciona o estudo que a mámoa e dolmen megalíticos de Chan da Arquiña é outro BIC e, xa que logo, dunhas características especiais ao ser unha das tres mámoas con dólmen de cámara e corredor, xunto coas de Chan de Castiñeiras e Pedralonga, que posúen tal distinción no Morrazo dende abril do 2011.

O estudo cualifica como moderada a afección a este xacemento arqueolóxico, algo que desde a Plataforma consideramos que fica pequena e que a afección debera ser cualificada como severa. A instalación do parque eólico conleva abrir gabias para cableado e comunicacións, e a ampliación dun vial existente nas proximidades para dar acceso a camións de gran tonelaxe a menos de 100 metros do xacemento arqueolóxico e dentro dos 200 metros de perímetro da súa área de protección. Que ademais estas obras teñan lugar nun parque forestal e área de lecer para a Plataforma xa é suficiente motivo para rexeitar as citadas obras e vías de acceso.

Por outra banda, o estudo recoñece a afección severa de dúas mámoas en Os Lagucheiros e outra en Chan de Fonteseca, pola apertura de novos viais de acceso á ubicación do aeroxerador nº1 en Serra Domego, mentres pretende dar como compatible a afección dentro dos 200 metros de outras dúas mámoas en Chan de Fonteseca e Chan de Gagán. Non ten en conta ademais o estudo outra mámoa de novo descubrimento en Chan de Fonteseca. A afección dese elevado número de xacementos na súa contorna máis próxima tamén debera ser suficiente para que esa vía de acceso e ese aeroxerador foran estritamente rexeitados.

O citado estudo tampouco tivo en conta a existencia dende mediados da década pasada do proxecto da “rota das mámoas do Morrazo” realizado coa colaboración de comunidades de montes, os concellos de Marín, Vilaboa e Moaña e as Consellarías de Medio Ambiente, Medio Rural e Cultura. Esta rota conta cunha extensión de sete kilómetros e ten como finalidade a posta en valor e divulgación ambiental e cultural de 20 mámoas entre Chan de Castiñeiras e Chan de Arquiña.

A afección a varias das mámoas desta rota xunto con outras ameazadas pola ubicación alternativa de varios aeroxeradores dentro da área de reserva eólica do Morrazo (mámoas de Chan de Castiñeiras e Outeiro de Ombra), feito este último tamén omitido polo estudo, atenta frontalmente contra da finalidade dese proxecto no seu conxunto.

O achádego dun novo xacemento da Idade do Bronce en Chan de Xestoso, afectado pola ubicación do aeroxerador nº5 , vén demostrar que toda a zona afectada polo parque eólico e en xeral o espazo natural dos Montes do Morrazo ten unha relevante importancia arqueolóxica e que aínda fica moito por descubrir.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo dado o manifesto desprezo polo patrimonio afectado non lle dá ningún crédito á xustificación da empresa promotora do parque eólico para desbotar a ubicación de dous aeroxeradores, o nº 5 e o 16, pola súa proximidade ao novo petroglifo e ao petroglifo de Outeiro do Gorgullo. Máis ben foron motivos do concurso e económicos os que finalmente fixeron que a empresa desbotase estas ubicacións.

O estudo tampouco recolle elementos etnográficos afectados de forma severa, ou sexa co risco de destrución, entre os que podemos reseñar un peche de pedra afectado pola vía de acceso, gabias e ubicación do aeroxerador nº 7 en Os Candóns, e outro afectado tamén pola vía de acceso, gabias e ubicación do aeroxerador nº14 en Outeiro da charamiza, probablemente con usos gandeiros no pasado.

Na descrición feita dentro do apartado de socioeconomía do estudo de impacto ambiental do proxecto, exponse que en tempos  existíu na zona actividades de gandeiría ovina e caprina, mais polo contrario, a nivel cultural o legado etnográfico resultante daquelas actividades non parece ter interese para a empresa responsable do estudo arqueolóxico.

O estudo arqueolóxico tampouco recolle unha pedra vertical fincada de grandes dimensións afectada pola ubicación do aeroxerador nº 10 na zona de Os Pedrouzos no linde entre as parroquias de Domaio (Moaña) e San Adrián (Vilaboa).

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo este estudo de impacto arqueolóxico é pouco rigoroso e feito en sete días á medida dos intereses da empresa promotora, Enel Green Power España S.L. para pasar o trámite.

A construción do parque eólico de Pedras Negras suporía un grave e irreversible impacto para os xacementos arqueolóxicos afectados, que terían que soportar no terreo e na paisaxe a presenza de anchos viais de nova construción e aeroxeradores de 175 metros de altura á súa beira ou polos arredores. Resultaría un serio e mal precedente para a protección, conservación, posta en valor e divulgación do rico, variado e importante patrimonio cultural da comarca, da que o espazo natural dos Montes do Morrazo é todo un referente fundamental na súa vertente arqueolóxica e prehistórica.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s