ZONAS AFECTADAS POLO PARQUE EÓLICO DE PEDRAS NEGRAS E DA ÁREA DE RESERVA EÓLICA DO MORRAZO.

Desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo ante o descoñecemento de parte da cidadanía marinense queremos dar a coñecer as zonas que estarían afectadas no concello de Marín tanto pola instalación do parque eólico de Pedras Negras como pola área de reserva eólico do Morrazo.descarga

No concello de Marín estarían situados 4 dos 14 aeroxeradores proxectados dentro do parque eólico de Pedras Negras distribuídos polas áreas naturais de Monte Formigoso (aeroxerador nº 15), Serra Domego (aeroxerador nº 1), Corno Peneda (aeroxerador nº 2) e Chan de Xestoso (aeroxerador nº 3).

A totalidade das áreas naturais afectadas están integradas no espazo natural dos Montes do Morrazo, catalogado como solo rústico de especial protección de espazos naturais segundo as NN SS e CC de Planeamento da provincia de Pontevedra, onde non están autorizados os usos industriais.

Ademais de pola propia instalación dos aeroxeradores estes espazos tamén se verían afectados pola ampliación e apertura de novas vías para transportar as pezas dos aeroxeradores e as gabias para o cableado afectando aos nacementos dos regos da Maceira e Neibó así como tamén á contorna das brañas de Monte Sobreira e de Corno Peneda inscritas no Rexistro Xeral de Brañas da Galiza .

A instalación do parque eólico afectará en distintos graos, tal e como expón o estudo de impacto arqueolóxico, a distintos xacementos e elementos etnográficos como a ponte sobre o río Noias e un camino empedrado no Monte Formigoso.

Entre os xacementos arqueolóxicos cabe destacar que verán afectada a súa área de protección pola apertura de vías  dúas mámoas en Lagucheiros, tres en Chan de Fonteseca e outra máis en Chan de Gagán.

O proxecto de Pedras Negras vaise situar a pouca distancia de diversos núcleos de poboación dos concellos de Marín, Moaña e Vilaboa, concretamente a menos de 2 quilómetros.

De Marín serían os seguintes: Pastoriza, Miñan, Allaríz e A Troncosa.

De Vilaboa: Curra, Pousada, Nores, Pazos, Sobreira, San Adrián e San Tradan.

E De Moaña: Verdeal, Viduido, San Lourenzo e Carballido.

Unha das afeccións máis significativas  dos parques eólicos é o ruído que fan os muíños durante o seu funcionamento. Un ruído constante, día e noite, producido pola maquinaria que, por exemplo, ao 95% de potencia é de 106,4 decibelios, maior que o ruído producido por un avión a reacción a 250 metros de altitude (100 decibelios) e que terán que soportar os núcleos de poboación máis próximos ao parque.

Temos que denunciar neste caso que a empresa trata de minimizar este impacto acústico no estudo de impacto ambiental presentado nos concellos ao indicar un impacto de 40 dba mentres que os datos consultados no catálogo dixital do aeroxerador “Vestas V112 3MW” revelan que este impacto é de 106.4 dba. Cabe destacar que por riba dos 80 decibelios se poden sufrir danos auditivos por exposición continua.

Os Montes do Morrazo son un magnífico espazo natural onde a veciñanza de toda a comarca pode gozar da natureza e da práctica deportiva de disciplinas como o BTT, cun sendeiro municipal, e o parapente que dispón dun punto de despegue en Pedras Negras e que vería imposibilitada a súa práctica.

Ademais dos 4 muíños proxectados no concello de Marín a área de reserva eólica do Morrazo propón 7 ubicacións alternativas e que poderían ser parte dunha hipotética ampliación do parque no caso de se aprobar finalmente a súa instalación.

Estas 7 ubicacións estarían distribuídas polas áreas naturais de Alto da Encavada (1 aeroxerador), Alto de Castiñeiras (2 aeroxeradores), Chan de Castiñeiras (1 aeroxerador), Cotorredondo (1 aeroxerador) e Monte de San Lourenzo (2 aeroxeradores).

Estas localizacións alternativas ou futuras afectarían o monte comunal das parroquias de San Xián e de Santa María de Ardán e os nacementos dos regos de Castiñeiras e das Gorgadas así como tamén as brañas de Castiñeiras, inscritas no Rexistro Xeral de Brañas da Galiza.

A apertura e ampliación de pistas nas zonas alternativas ou futuras afectarían a área de protección de varias mámoas en Chan de Castiñeiras e de Outeiro de Ombra e toda a contorna da área de lecer da lagoa de Castiñeiras.

Os núcleos de poboación da parroquia de San Xián (A Bouza, A Agrela, O Igrexario, A Roza, Macenlle, Pardavila e a Rúa Nova), e dos núcleos de poboación da Pastoriza, na parroquia de Ardán, e de O Pereiro, Silvestre e Cadrelo na parroquia de Santo Tomé de Piñeiro veríanse afectados tamén polo impacto visual e acústico da instalación destas 7 localizacións alternativas ou futuras.

Xa por último temos que facer público que no proxecto presentados pola empresa Enel Green España, e que está en exposición pública, recoñece que non ten estudos de vento da zona onde pretende instalar o parque eólico. Como expón nos textos as medicións de vento están feitas no Barbanza e na Costa da Morte, non tendo datos dos montes do Morrazo. Sen estas medicións non se pode avaliar a produción do parque eólico e polo tanto os datos económicos que presentan non son reais.

É unha mostra máis da improvisación e falla de rigor desta empresa, que na anterior exposición da avaliación ambiental incluía os concellos de Marín, Moaña e Vilaboa na provincia de A Coruña.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s