O parque eólico de Pedras Negras é ilegal e insustentábel

O concurso eólico galego aprobado na Resolución do 20 de decembro de 2010 ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galiza non contén a obrigatoria Avaliación Ambiental Estratéxica, contida na Lei 9/2006 sobre Avaliación dos efectos de determinados Plans e Programas no medio ambiente, transposición da Directiva 2001/42/CE a nivel europeo e en vigor a nivel estatal dende o 21 de xullo de 2004.

Este concurso está apoiado nun Plan Sectorial Eólico Galego inexistente a nivel xurídico, despois de declararse a nulidade do mesmo. Polo tanto o parque eólico previsto para Pedras Negras, cunha asignación de 42 MW, é do mesmo xeito ilegal.

Ademais, estase a atentar contra a seguinte normativa:

  • Directiva de hábitats (Directiva 92/43 CEE do Consello, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestre).
  • Directiva de aves (Directiva 79/409/CEE do Consello, de 2 de abril de 1979, relativa á conservación das aves silvestres).
  • Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade,
  • Decreto 88/2007 do 19 de abril polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas,
  • Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galiza.

Por outra banda, a propia tramitación do parque eólico de Pedras Negras é tamén ilegal polo incumprimento da Lei 8/2009, de 22 de decembro, que regula o aproveitamento eólico e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

No seu artigo 44 indica claramente que fai falta o acordo previo entre os titulares dos bens ou dereitos afectados para a declaración de utilidade pública. Por parte da empresa só se enviou aos titulares unhas cartas días antes de iniciarse a información pública do proxecto. Os principais titulares afectados, as comunidades de montes e os concellos, xa manifestaron o seu desacordo coas intencións da empresa e a súa oposición ao parque eólico.

A todo isto temos que engadirlle a falta dunha Avaliación Ambiental Estratéxica para o conxunto do proxecto, o que demostra claramente a insustentabilidade do parque eólico.

Pedras Negras é un exemplo máis da impunidade coa que actuaron as administracións desde os anos 90 na implantación da enerxía eólica en Galiza, cun total de cen parques instalados e arredor de catro mil aeroxeradores. Así os nosos montes están cheos de muíños e miles de quilómetros de pistas de acceso e de evacuación eléctrica. Grande parte deles afectando espazos naturais de interese e protexidos (serra do Xistral, Capelada, Cabo Vilán, O Pindo, serra do Cando, Suído,…).

A maioría das zonas onde agora se está a promover a construción de máis parques eólicos por grande parte da xeografía galega, 91 en total, carecen dese potencia eólico. No caso do proxecto de Pedras Negras tal e como recoñece a súa información pública non hai medicións propias tendo que recorrer para xustificar o proxecto a medicións da Costa da Morte ou do Barbanza, dúas zonas con maior potencial de vento que o Morrazo.

Temos que denunciar en relación a isto último, que a empresa pon antes o carro que os bois, xa que se proxecta a construción dentro do propio parque eólico de dúas torres de medición dos ventos. Este xeito de actuar vén definir a premeditación e especulación coa que se está a levar a cabo a tramitación deste parque.

Tanto a Lei 8/2009 na que se basea o concurso eólico aprobado polo actual goberno galego como o anterior Decreto 242/2007, aprobado polo bipartito, adoecían e adoecen do necesario respecto pola protección e conservación dos espazos naturais galegos.  Non se tivo naquela a altura e segue sen se ter en conta na actualidade a necesaria ampliación dos espazos naturais protexidos e da Rede Natura malia que a superficie actual non pasa do 12,3 % de territorio protexido que sitúa a Galiza no último lugar a nivel estatal, onde a media ronda xa un 27%.

Uns deses espazos con cualidades e importancia bioxeográfica para se integrar nesa necesaria ampliación da rede galega de espazos protexidos, dada a existencia de hábitats naturais, de fauna e flora silvestre de interese comunitario, son precisamente os espazos naturais dos Montes do Morrazo e do Carballal de Coiro, afectados precisamente polo proxecto do parque eólico de Pedras Negras e pola área de reserva eólica do Morrazo, respectivamente.

Os nosos gobernantes semellan estar máis preocupados pola especulación do movemento de capital arredor das enerxías renovábeis, tal como sucedeu con anterioridad ecos encoros e miniencoros nos nosos ríos, que regular e ordenar o territorio con verdadeiros criterios de sostibilidade. Unha vez máis “estanse a deixar” levar por criterios desenvolvementistas e economicistas en beneficio dunhas cantas multinacionais do sector eléctrico, neste caso Enel promotora do parque eólico de Pedras Negras.

Uns dos principais fins do fomento e potenciación da enerxía eólica como enerxía limpa e renovábel son os da participación e aceptación social non conseguindo levarse a cabo o primeiro despois de 15 anos de desenvolvemento eólico na Galiza nin o segundo pola avaricia empresarial e a falta dunha planificación sustentábel pola administración autonómica, xerando como no caso de Pedras Negras, unha grande oposición popular.

Esta oposición débese aos graves prexuízos ambientais, culturais e socioeconómicos moi por enriba dos supostos beneficios enerxéticos, xa que unha cousa é a forza do vento como fonte de enerxía limpa e renovábel e outra moi distinta son os impactos derivados da construción dun parque eólico.  O proxecto de Pedras Negras ademais de afectar os valores naturais antes citados, ubicaríase na proximidade de varios núcleos de poboación humana, en solo rústico de especial protección de espazos naturais, na proximidade dun LIC da Rede Natura, en montes de propiedade comunal e privada con xestión forestal e agrogandeira, no nacemento de varios regos e de mananciais de traída de auga veciñal, nunha área con grande presenza de vestixios arqueolóxicos e prehistóricos, de áreas forestais de lecer e de práctica sendeirista e deportiva, e na zona máis alta entre dúas rías de grande interese paisaxístico, natural e demográfico, libre de aeroxeradores.

Tendo en conta que Grande parte da electricidade que se produce na Galiza, incluída a eólica, é exportada fóra do noso territorio, que as zonas con maior potencialidade eólica xa están plenamente cubertas e que segundo os actuais niveis de consumo non hai modelo de enerxía que substitúa á derivada dos combustíbeis foséis as principais medidas de control deberían comezar por orde e prioridade co decrecemento, aforro e eficiencia enerxéticas e acometer a progresiva substitución das enerxías foséis polas renovábeis. Galiza só requiriría a repotenciación dos parques eólicos xa construídos e a implantación da enerxía solar baseados na autosuficiencia con proxectos libres de grandes obras, fóra de espazos naturais e de monopolios empresariais armonizado dentro ou na proximidade dos núcleos de poboación e de produción.

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s