A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo rexeita 4 proxectos mineiros nos Montes do Morrazo

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere amosar o seu rexeitamento aos dous permisos de investigación mineira para a explotación de granito ornamental, o de Os Pedrouzos de 14 cuadrículas entre os concellos de Moaña e Vilaboa, e Miñán de 9 cuadrículas, no concello de Marín, convocados a concurso público pola Orde do 7 de febreiro de 2013 da Consellería de Economía e Industria (CEI), como terreos francos resultantes da declaración de caducidade de dereitos mineiros correspondentes á provincia de Pontevedra.

Estas explotacións de granito ornamental, das que o permiso de investigación é a antesala para canteiras industriais a ceo aberto, afectarían de xeito grave e irreversible a terreos integrados na súa totalidade no espazo natural dos Montes do Morrazo.Suporían a destrución directa de solo e de rocha nunhas zonas de gran valor xeolóxico e paisaxístico, perda de capa vexetal, impacto acústico polo emprego de explosivos nas voaduras, atmosférico polo levantamento de pó en suspensión, afección de augas superficiais e acuíferos coa súa correspondente fauna e flora por destrucción das capas freáticas e contaminación por sedimentación. Tamén afectaría a área de protección de varios xacementos arqueolóxicos, a monte comunal, a traídas de augas veciñais, e pola súa proximidade a áreas forestais de lecer, sendeiros ecolóxicos catalogados e sinalizados e a núcleos de poboación humana.

O proxecto de Os Pedrouzos entre a parroquia de Domaio, no Concello de Moaña e a parroquia de San Adrián de Cobres, no Concello de Vilaboa, do que existía un permiso de investigación da empresa Granitos San José S.L., afectaría dentro das áreas naturais de Pedras Negras, Os Pedrouzos, Os Candóns, Terreiriño, Chan de Lagoa, Outeiro da Charamiza, Outeiro da Cavada do Carrasco, Outeiro de Cavada dos Terróns, Outeiro da Carriza, Outeiro do Corvo e Cavada do Becho na Serra Basil á conca de nacemento dos regos Miñouva, Libón, de Chan da Lagoa e da Vella. Afectaría así mesmo por proximidade ao hábitat natural prioritario de turbeiras altas activas do nacemento do río Miñouva e as inmediacións da área forestal e patrimonial de lecer de Chan de Arquiña. Por proximidade tamén estarían afectados os núcleos de pobocación de San Lourenzo, en Domaio, e de Santradán, Curra, O Carballal, Uveiras, Pousada, Nores e Pazos, en San Adrián de Cobres, así como o LIC da Enseada de San Simón.

O proxecto de Miñán, na parroquia de Santo Tomé de Piñeiro do Concello de Marín, do que existía unha solicitude de permiso de investigación mineira da empresa Triturados do Saiar S.L., afecta dentro das áreas naturais de Monte Formigoso, Chan de Gagán, Monte Gagán, Serra Domego, Chan de Armada, Monte Porreiro e Tomadas Grandes á área de ribeira dos nacementos do rego Neibó con bosque aluvial e especies vexetais e animais vulnerables, á carballeira de ámbito galego-portugués de interese comunitario no monte Gagán, á área de protección das mámoas de Chan de Armada, Lagucheiros, Chan de Fonteseca e Chan de Gagán e á rota cultural das mámoas do Morrazo, ás brañas de Corno Peneda, inscritas no Inventario Xeral de Brañas de Galiza e por proximidade aos núcleos de poboación de Miñán, A Troncosa e O Pereiro.

As dúas explotacións e a súa degradación ambiental poderían ser visibles a grandes distancias nas Rías Baixas, ao proxectarse en zonas que superan os 400 metros de altitude na península do Morrazo cara ás rías de Vigo e de Pontevedra.

Alén destas dúas explotacións, o 20 de outubro de 2011 a CEI outorgou tamén dous permisos mineiros de exploración de recursos xeotérmicos a nome de Caldelas Sur e Caldelas Norte á empresa Luancar Energy, S.L., que sobre unha superficie de 2.907 cuadrículas mineiras entre varios municipios da provincia afecta tamén a terreos dos concellos de Moaña, Marín e Vilaboa nos Montes do Morrazo.

A exploración de recursos xeotérmicos poden implicar un deterioro na paisaxe, contaminación de augas subterráneas ou mesmo atmosférica por fuga de gases polo que desde a Plataforma en Defensa do Montes do Morrazo rexeitamos estes proxectos.

Estes catro proxectos mineiros solápanse case por completo, e a súa vez suman impactos, co proxecto de parque eólico de Pedras Negras, o que vén indicar a grande especulación con que se segue a xestionar o territorio afectado por parte da administración autonómica, como se se tratase dunha enorme parcela industrial ao seu libre servizo.

Porén, unha vez máis a Xunta está a columpiarse. Ao igual que sucede co proxecto do parque eólico, a catalogación deste espazo como solo rústico de especial protección de espazos naturais dos Montes do Morrazo contemplada nas Normas Complentarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra dende abril de 1991, prohíbe especialmente os usos residenciais e industriais,  xa que logo, estes proxectos atentan contra a preservación dos seus valores naturais, ecolóxicos, ambientais, paisaxísticos, científicos ou recreativos obxecto da protección segundo a súa trasposición á Lei 9/2002 de 30 de decembro de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (LOUGA).

Por outra banda, estase a incumprir “o réxime xurídico das actividades mineiras en Galiza en condicións de sustentabilidade e seguranza, promovendo un aproveitamento racional dos recursos compatible coa protección do medio ambiente” que desenvolve como principios a Lei 3/2008, de ordenación da minería en Galiza.

Estes proxecto non son compatibles coa ordenación sustentable en Galiza  xa que esta non existe ao non estar aprobado o Plan Sectorial supramunicipal de Actividades Extractivas de Galiza, e moito menos cando non se levou a cabo a súa avaliación ambiental estratéxica, rexíndose no fondo aínda por unha lexislación franquista de hai 40 anos, a Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas.

A minería en Galiza na actualidade está nunha fase de crise profunda e de paralización do sector relacionada directamente coa crise financeira do sector inmobiliario polo que non ten ningunha credibilidade que se vaia producir un impulso do sector mineiro, nin que se vaia fomentar e dinamizar a minería no noso territorio como pretende dar a entender a CEI, xa que ese modelo de desenvolvemento tampouco se vai voltar a acadar dada a súa manifesta insustentabilidade.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo esixe da Xunta de Galiza que a través da Consellaría de Economía e Industria se proceda na práctica á retirada das citadas áreas de explotación mineira en aplicación do artigo 28 da ordenanza reguladora do solo rústico de especial protección de espazos naturais contemplado nas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra e tamén do artigo 39 da LOUGA .

A existencia de hábitats e fauna e flora salvaxe de interese comunitario fan que ademais da protección de solo rústico, os Montes do Morrazo xunto co espazo natural do Carballal de Coiro, teñan os valores bioxeográficos como reserva para formar parte da necesaria ampliación da Rede Natura en Galiza, complementándose como corredor ecolóxico cos LIC costeiros da Enseada de San Simón, Costa da Vela e Cabo Udra, feito que xa foi solicitado como proposta de creación dun novo LIC Montes e Carballeiras do Morrazo por esta Plataforma e varios colectivos sociais e ambientalistas a nivel comarcal e galego en marzo do 2012 á Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s