A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo rexeita o parque eólico de Pedras Negras no Morrazo

A raíz das declaracións feitas polo grupo parlamentar do PP este xoves 23 de maio no Parlamento Galego para rexeitar a moción conxunta dos partidos da oposición (PSOE, BNG e AGE) que propoñían retirar do Plan Sectorial Eólico de Galicia a área de reserva eólica do Morrazo, establecer a incompatibilidade e inviabilidade do proxecto de Pedras Negras e retirar a declaración de utilidade pública do proxecto, desde a Plataforma queremos manifestar o seguinte:

Que estamos ante un proxecto que unicamente serve a un interese económico privado contra o que se manifestaron a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e un grande número de colectivos, asociacións e a totalidade dos concellos do Morrazo.

O procedemento de avaliación do impacto ambiental esqueceu que xa na fase de comentarios, en setembro do 2012, se solicitara a aplicación da “alternativa cero”, é dicir, que se valorara a alternativa de non facer o parque e deixar o monte como está. Consideramos que esta alternativa é a máis rendíbel para o medio e para a economía do Morrazo.

Na exposición pública de febreiro de 2013, unha vez máis, alegamos e solicitamos a “inviabilidade ambiental do parque eólico e a retirada da utilidade pública, así como da área de reserva eólica do Morrazo. Termos nos que se manifestan agora os partidos da oposición no Parlamento Galego.

Tamén solicitamos a declaración por parte do goberno da Xunta de Galiza da prevalencia dos valores e do interese social e público do monte veciñal en man común baseado no disposto na lei 13/1989 que regula os montes veciñais, das comunidades de montes afectadas polo proxecto e que se supendera a tramitación desta instalación, deixando sen valor e efecto toda a tramitación realizada ata o de agora, e obrigar o promotor a renunciar á implantación deste proxecto de xeración de enerxía eléctrica.

Fica claro que coa actitude amosada no parlamento o PP de G, valéndose da súa maioría absoluta, está a actuar de xeito hipócrita tentando enganar a cidadanía cunha posición nos concellos e outra na Xunta. O que fai en Compostela non se corresponde co que di no Morrazo e desta forma faille o xogo e actúa ao ditado da multinacional Enel Green Power España. Temos que lembrarlle ao PP que ademais da oposición dos concellos afectados foron presentadas centos de alegacións cidadás e colectivas en contra do parque e da área de reserva eólica .

Ante un proxecto cunhas repercusións tan grandes no medio non só vale con cumprir as normas da tramitación legal e coas “garantías da participación cidadán” que esas normas contemplan, senón que hai que ter en conta o grande rexeitamento social que provoca este parque eólico no Morrazo.

Son evidentes os prexuízos ambientais, sociais e económicos que o proxecto do parque, e a propia permanencia da área de reserva eólica, acarrexarían para o territorio afectado. E máis alá dos 14 aeroxeradores propostos inicialmente no parque eólico nas zonas máis altas do espazo natural dos Montes do Morrazo – entre os altos de Formigoso, Coto do Home e Outeiro da Charamiza – temos que lembrar que tamén se contemplan 21 máis na área de reserva para unha superficie total dunhas 4300 Has. Nun triángulo que polos altos da Encavada, Outeiro da Graña, Castiñeiras, Cotorredondo, Outeiro da Carballosa, Agudelo e Paralaia, abrangue a práctica totalidade das zonas máis altas da península do Morrazo entre os 450 m. e os 600 m. de altura, desde o límite do espazo natural dos Montes do Morrazo, entre os concellos de Marín e Vilaboa co concello de Pontevedra, até a Portela, no límite do concello de Bueu co concello de Cangas, por un extremo, e Outeiro de Cavada dos Terróns, no límite entre Domaio (Moaña) e San Adrián (Vilaboa) e preto da Enseada de san Simón, polo outro.

O parque eólico de Pedras Negras e a súa futurible ampliación na área de reserva eólica do Morrazo afectaría os nacementos dos principais cursos fluviais, fauna e flora e hábitats de interese comunitario e prioritario, plantacións forestais, traídas de auga veciñais, xacementos arqueolóxicos, áreas de lecer e sendeiros ecolóxicos dentro dos espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro, catalogados como solo rústico de especial protección de espazos naturais a nivel provincial e onde non están autorizados os usos industriais.

O parque eólico estaría situado a escasa distancia do Lugar de Importancia Comunitaria da Enseada de San Simón, do que os Montes do Morrazo fai función de corredor ecolóxico, e nunha península entre as rías de Vigo e Pontevedra e, xa que logo, o impacto paisaxístico, cuns aeroxeradores que chegan ata os 175 m. de altura, sería visible ao longo das Rías Baixas, boa parte da provincia e por toda a comarca. O impacto acústico sería tamén importante con varios núcleos residenciais de poboación humana próximos dentro dunha área xeográfica densamente poboada.

Obviase por parte da Xunta que a ubicación deste parque eólico vén dunha área de reserva eólica planificada “sobre o papel” hai 15 anos, dentro dun modelo de desenvolvemento de auténtica “burbulla eólica” e donde as áreas eólicas de máximo potencial a nivel galego xa foron cubertas, moitas das veces cun enorme e irreversible impacto ambiental (apertura de pistas de acceso, colocación das plataformas e dos aeroxeradores, instalación de subestacións eléctricas e cableado,…), mesmo en espazos naturais agora protexidos.

Galiza produce máis enerxía da que consome polo que boa parte desa produción é exportada fóra de Galiza a través dun grande entramado de infraestruturas e perdas de enerxía. Cabe destacar ademais que cando hai baixadas de consumo, debido á inflexibilidade do sistema eléctrico español, para non colapsar a rede a enerxía eólica é a primeira en parar de producir, parando todos os parques eólicos de funcionar como leva sucedendo desde o 2008.

A Xunta debera fomentar o aforro e a autosuficiencia enerxética e, en todo caso, a repotenciación dos parques eólicos que xa existen. Mais no concurso eólico aprobado en decembro de 2010, no que está incluído Pedras Negras, non ten cabida a racionalidade nin a sustentabilidade senón o movemento do capital e o lucro privado con fondos públicos, agora paralizado, por parte das multinacionais do sector eléctrico.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s