Apoio á marcha contra Ence e á manifestación contra a megaminaría

ENCEA PDMM quere amosar o seu apoio á marcha contra Celulosas que a APDR organiza para o sábado 1 de xuño con saída simultánea ás 19:30 h. desde as alamedas de Marín e Pontevedra e á manifestación nacional contra da minaría salvaxe que varios colectivos e plataformas sociais dentro da Rede ContraMINAcción organizan o vindeiro domingo 2 de xuño con saída ás 12 h. da alameda de Compostela.

Ás autorizacións ambientais outorgadas nos últimos anos, tanto polo bipartito como polo actual goberno do PP, que permitiron ampliar a presenza e ocupación ilegal por parte do complexo Ence-Elnosa dentro do dominio público marítimo-terrestre en Lourizán, agora temos que lle engadir a ameaza de que se incremente a súa permanencia durante 75 anos máis alá do 2018 grazas á reforma da Lei de Costas que acaba de aprobar o goberno estatal do PP en Madrid.

As presións da empresa e sindicatos máis a complicidade dos gobernos do PP na Xunta e no Estado están a pretender pasar por enriba do maioritario rexeitamento social e das sentenzas xudiciais que dictaminaron que esta empresa contamina e da propia concesión que Costas daba data de caducidade dentro de 5 anos.

ENCE e a súa filial NORFOR coa complicidade tamén da Xunta son os principais culpábeis de que os montes, e para máis cercanos os do Morrazo, sigan cheos de monocultivos do alóctono, invasor e pirófito eucalipto. Estando tamén detrás do interese en montar novas plantas de biomasa que no canto de favorecer o monte, só traerán máis monocultivos forestais e polo tanto unha maior perda de biodiversidade e multifuncionalidade dos seus recursos naturais, afondando do mesmo modo na insustentabilidade da súa xestión onde os beneficios económicos derivados das talas, da fabricación de pasta de papel ou de enerxía eléctrica non compensan os prexuízos derivados desta insustentabilidade que afecta coa súa merma ou mesmo elimina a nivel forestal a produción de madeiras nobles, pesqueiro-marisqueiro coa contaminación da ría, turístico polo impacto paisaxístico e ambiental, ou mesmo da saúde humana pola contaminación atmosférica, que non poderá nunca corrixir ENCE, xa que non é un simples problema de cheiros. Polo que a PDMM demanda a paralización e o desmantelamento da fábrica de ENCE na ría de Pontevedra.

Apoio á manifestación contra a megaminaría

galizanomeumhaminaGaliza ten na actualidade máis de 520 proxectos mineiros en activo, o que supón máis do 50% do seu territorio con permisos de exploración. A lexislación segue estando regulada por dúas leis franquistas a nivel estatal, a Lei 22/1973 de Minaría ea Lei de Expropiación Forzosa de 1954, caducas e baseadas no espolio sen control do territorio.

Nestes momentos está a información pública o Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza que emana da Lei 3/2008, de ordenación da minaría en Galiza, co que o actual goberno do PP na Xunta pretende autorizar permisos mineiros ata en espazos naturais protexidos e que ao ser de carácter supramunicipal tamén lle daría a potestade para impoñer proxectos mineiros por enriba dos planeamentos municipais.

As minas a ceo aberto provocan un enorme e irreversíbel impacto ambiental (destrución física do territorio, amoreamento de inxentes cantidades de contaminantes, de todo tipo de metais pesados, de arsénico, cianuro, etc. en balsas e en entulleiras, destrución dos acuíferos, contaminación das augas e do ar, contaminación acústica pola utilización de explosivos, etc.) mais tamén un importante impacto socioeconómico, xa que afectan outros recursos naturais coma o forestal, gandeiro, agrícola, pesqueiro e mesmo a saúde humana. O modelo “fracking” ou de fracturación xeolóxica a altas profundidades para obtención de recursos xeotérmicos e gas natural é unha ameaza para a salubridade das augas subterráneas e mesmo para a estabilidade da codia terrestre.

Na actualidade existen proxectos de minas de ouro en Corcoesto, na comarca de Bergantiños; de terras raras eobtención de minerais para fabricación de coltan na Serra do Galiñeiro; de Wolfram, estaño e litio entre outros minerais nas comarcas do Ribeiro e de Terras de Celanova; de feldespatos na comarca da Limia; de andalucita na contorna das Fragas do Eume, de cuarzo na Terra Chá, que xa están obtendo un forte e crecente rexeitamento social malia a presión fáctica e mediática das empresas multinacionais e a especulación dos postos de emprego nunha sorte de modelo neocolonial e escravizador para un recurso cada vez máis limitado.

No espazo natural dos Montes do Morrazo, onde non están autorizados os usos industriais, tamén existen dous proxectos de investigación mineira para extracción de granito ornamental, a nome de Miñán e Os Pedrouzos, que son a antesala de canteiras a ceo aberto dentro do que se denominan terreos francos ou rexistrables, para os que non parece ter data definitiva de caducidade, e por outros dous de exploración de recursos xeotérmicos a nome Caldelas Norte e Caldelas Sur.

A PDMM rexeita estes permisos de investigación mineira e como alternativa demanda a nivel global un uso racional dos recursos existentes, así como a reciclaxe e a reutilización de materias primas xunto cunha necesaria aposta polo decrecemento, aforro e eficiencia enerxéticas.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s