Comentarios da PDMM ao Documento de Inicio da Avaliación Ambiental Estratéxica do Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo apresentou este venres 14 de xuño comentarios a fase de consulta do Documento de Inicio da Avaliación Ambiental Estratéxica do Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza que reproducimos a seguir.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo estando en fase de consulta o Documento de Inicio da Avaliación Ambiental Estratéxica do Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza ), publicado na web da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (CMATI) e dentro do seu prazo regulamentario de consultas, formulamos as seguintes OBSERVACIÓNS ou COMENTARIOS:

  1. O PSAEG está baseado nun modelo neoliberal e desenvolvementista totalmente insustentable a nivel planetario, onde o que prima é o rendemento económico dun sector minoritario e elitista da poboación humana, a costa do espolio e a destrución cada vez maior do medio natural e dos seus recursos xeolóxicos con medios tecnolóxicos máis eficientes a nivel produtivo pero a súa vez tamén máis destrutivos e, malia recoñecer que os recursos mineiros son esgotables, ao final non é tido en conta dentro dun contexto de crise global non só económica senón ante todo ambiental e enerxética onde, ademais da limitación cada vez maior deses recursos mineiros, se está así mesmo a ameazar a propia estabilidade da codia terrestre, afectando grave e irreversiblemente á biodiversidade como así mesmo a outros recursos naturais (hídricos, edáficos, mariños, etc.) necesarios para a supervivencia da vida no planeta e dentro dela a propia humana.
  2. Con 2281 dereitos mineiros, onde 1042 están vixentes e en activo (718 caducados, 496 solicitados e 21 a concurso) a 9 de novembro de 2012 segundo se informa neste DI, dá a entender que Galiza segue a ser unha área periférica de forte subministro de materia prima para, xa que a maioría desa materia prima (77% de rochas ornamentais, 12% de minerais industriais, 6% de minerais metálicos, 3% de áridos e 2% de substancias enerxéticas) segundo datos extraídos do propio DI é obxecto da exportación a outras áreas máis desenvolvidas a nivel estatal, europeo e mundial, onde a pegada ecolóxica é cada vez maior derivada do impacto ambiental en orixe provocado polas explotacións ao que hai que sumar despois o gasto enerxético polo transporte a medias-longas distancias do produto extraído ata o seu lugar de destino.
  3. A Disposición Transitoria Décimo Segunda da Lei 9/2002 de 30 de decembro de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (LOUG) que condiciona a implantación de novas explotacións e actividades extractivas á previa aprobación definitiva do plan sectorial de actividades extractivas, máis o artigo 11 da Lei 3/2008 do 23 de maio de ordenación da minaría de Galicia que propón a creación do plan sectorial de actividades extractivas con criterios de sustentabilidade e estabilidade, nunca se cumpriron, e a implantación do citado plan tal como se expón a consulta neste DI significaría na realidade dar ordeamento supramunicipal e cabida legal a explotacións na actualidade ilegais por falla de licenza municipal e unha previsión de crecemento no número de explotacións mineiras en base á especulación do libre mercado e con criterios claros de insustentabilidade, obviando así mesmo a situación actual de paralización actual pola crise financeira e inmobiliaria.
  4. Ese carácter de supramunicipalidade e a condición de utilidade pública do PSAEG fai tamén que se propoña por enriba de calquera planeamento municipal ou incluso de normativa de protección ambiental xa que neste DI se fala de poder implantar explotacións mineiras até en espazos naturais protexidos e sen ter en conta que ademais a superficie protexida ambientalmente no territorio galego non pasa do 12% do seu total estando ao rabo de todo o Estado.
  5. Detrás das explotacións mineiras están canteiras a ceo aberto, con utilización de explosivos, destrución física do territorio , contaminación atmosférica, utilización de substancias tóxicas para o medio e as augas que poden permanecer centos de anos e un impacto na paisaxe irreversible por moitos proxectos de restauración que se fagan, máis cando a sobreexplotación é continuada no espazo.
  6. A maioría dos proxectos que se están intentando “fomentar e dinamizar” a minaría son permisos de exploración e investigación (a antesala de posteriores concesións de explotación), que supoñen un 68% do total de dereitos mineiros, no que se denominan como terreos francos ou rexistrables, grande parte deles caducados, e que agora están a ser sacados novamente a concurso como se non tivesen data definitiva de caducidade.
  7. Uns destes permisos de investigación que se sacaron a novo concurso son os que baixo a Orde de 7 de febreiro de 2013 convocou na provincia de Pontevedra a Consellaría de Economía e Industria a nome de “Miñán” e “Os Pedrouzos” (para extracción de granito ornamental) afectando terreos dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, catalogados e delimitados de solo rústico de especial protección de espazos naturais polas NN CC e SS de Planeamento provinciais de Pontevedra e onde non están autorizados expresamente os usos industriais.

Polo observado ou comentado;

SOLICITA:

  • Que se retire este Documento de Inicio.
  • Que se elabore outra planificación baseada nos principios do decrecemento, da proximidade, da reutilización e reciclaxe de materia prima, e do uso racional dos recursos existentes fóra de espazos naturais protexidos e por protexer, por exemplo, a totalidade dos integrados no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galiza creado polo Decreto 82/1989, entre eles os espazos naturais dos Montes do Morrazo e do Carballal de Coiro na península do Morrazo.
  • Mentras non exista esta planificación que se paralicen a tramitación de novas concesións mineiras e mesmo se deixen sen efectos concursos públicos de permisos de investigación convocados este ano.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s