
Os 170.500 m2 de terreo que quere ceder a directiva da Xunta de Montes en Man Común de Moaña á Asociación Empresarial do municipio para o parque industrial desde a Cruz da Maceira, en dirección a Agudelo por enriba da estrada PO-313 e fronte a onde están os propostos inicialmente, están plenamente integrados no espazo natural dos Montes do Morrazo e no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galiza creado polo Decreto 82/1989. Este espazo está catalogado como solo rústico de especial protección de espazos naturais polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra polos seus valores medioambientais, ecolóxicos, biolóxicos, botánicos paisaxísticos, científicos, educativos e recreativos e con entrada en vigor pola Orde do 3 de abril de 1991, que di “no ámbito de aplicación desta norma non se autorizará a construción de ningunha clase de edificación, permitíndose a explotación racional dos recursos vinculados ao medio que non atente contra os valores esenciais” e “ só se autorizarán edificacións directamente vinculadas aos usos agrícolas, forestais e gandeiros” e polo tanto non están autorizados os usos industriais.
Por outra banda, os terreos en monte comunal son só unha parte do total previsto, xa que o polígono industrial é de maior superficie e estes terreos están máis preto do límite co concello de Marín. Desde a Plataforma sospeitamos que a outra parte, cun grande impacto, podería ir para terreos próximos á parroquia marinense de Pastoriza, igualmente en solo rústico de especial protección de espazos naturais ou anexo a el, xa que logo, a intención sería de a facelo de carácter supramunicipal a través do plan sectorial de áreas empresariais da Xunta e pasar por enriba do planeamento existente.
O impacto ambiental e paisaxístico nestes novos terreos sería moito máis grande, con meirandes desniveis e na rocha por estar a unha maior cota en altura, por enriba dos 400 metros sobre o nivel do mar dentro da cabeceira da ampla conca formada polo rego da Fraga en dirección á ría de Vigo que tampouco se salvaría xa que quedarían afectados pequenos regos que no inverno fan aporte por escorrentía aos regos principais.
Eliminaría capa vexetal e plantacións forestais (non só eucaliptos senón tamén piñeiros e carballos) e tamén monte baixo e matogueira con aproveitamentos silvícolas e agrogandeiros, afectando grave e irreversiblemente a fauna e flora salvaxe existente.
Afectaría tamén a solo rústico de especial protección de infraestruturas, tanto á beira da propia estrada PO-313 Marín-Moaña como especialmente co tendido eléctrico de alta tensión, Subestación Lourizán-Cangas, ao seu paso pola zona cos que sumaría impactos.
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo apoia o soterramento da liña eléctrica como propón a directiva da comunidade de montes pero sen a construción dun parque industrial ao lado.
Esta proposta de ubicación estaría nunha zona afectada por incendios forestais despois do 2003 polo que, segundo a lei 43/2003 de 21 de novembro de Montes, queda prohibido o cambio de uso forestal durante alomenos 30 anos, e toda a actividade incompatible coa rexeneración vexetal, durante o período que determine a lexislación autonómica.
Este ameaza nos Montes do Morrazo viríase sumar á que supón a instalación de 4 aeroxeradores propostos como ubicacións alternativas, desde o alto de Outeiro da Carballosa ata Agudelo e Monte do Grilo, dentro da área de reserva eólica do Morrazo.
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo lamenta que a comunidade de montes de Moaña ceda unha vez máis ante as presións políticas e empresariais 10 anos despois de asinar un convenio ilegal de “expropiación amistosa” coa asociación empresarial nos terreos inicialmente previstos, e sinala que ao mesmo tempo segue sendo copartícipe dun proxecto insustentable a nivel ambiental que ademais suporía a desaparición de monte como recurso, entrando dentro dunha operación de especulación urbanística con chan rústico a baixo prezo e unha cesión de monte comunal de dubidosa legalidade.
Cabe Salientar que a Comunidade de Montes de Moaña se contradi cando sae en defensa dos valores naturais e no fondo está a priorizar os intereses produtivos e económicos por enriba dos ambientais.
A urbanización dos terreos agora propostos, dos previstos inicialmente ou de calquera que se especule dentro desta zona con destino a un parque industrial, remataría incidindo no déficit de solo fértil e permeable e na perda de absorción de CO2 na atmósfera, pola tala de bosque e roturación do terreo para convertilo nunha masa inerte de edificacións de cemento e formigón. A isto hai que lle engadir o perigo posterior de verquidos contaminantes ou de incendios forestais na súa fase de actividade, que ameazaría os montes dos arredores e a conca do río da Fraga dende o seu nacemento ata a súa desembocadura na ría.
Tamén incidiría na perda de calidade atmosférico, no incremento da contaminación acústica e gasto enerxético co aumento do tráfico motorizado e pesado cara a unha ubicación lonxe dos núcleos urbanos e en pendente. Afectando non só o solo rústico especialmente protexido senón a varios núcleos rurais ao longo da PO-313, que ademais debería que ser acondicionada ex-profeso afectándoos con ampliacións da calzada e expropiacións.
A construción dun parque empresarial non significa que vaia existir, ou mesmo crecer, os postos de emprego e voltamos a informar que na actualidade hai arredor de 1.500.000 m2 de solo industrial baleiro a nivel provincial en parcelas sen ocupar dentro de polígonos industriais existentes. Tamén que desde hai anos xa existe un proxecto de parque supramunicipal a nivel comarcal que formaría parte da ampliación do parque industrial de Castiñeiras, entre Bueu e Cangas, reducido a unha terceira parte nos últimos anos pola falta de demanda. Polo tanto carece de calquera tipo de razón obxectiva a construción de ningún parque industrial, nin donde está inicialmente proposto nin tampouco onde o propón agora a comunidade de monte.
Deixar unha resposta