Chegamos ao verán e un ano máis as estradas do Morrazo vense colapsadas polo intensivo uso do automóbil privado.
Hai unha década as instancias políticas da Xunta de Galicia prometéronos que a construción e apertura do corredor de alta capacidade do Morrazo ía solucionar os problemas de atascos viarios. Estes atascos xa se producían antes da construción do corredor debido ao abuso do automóbil privado, mais desde aquela só vemos que ano tras ano as colas dos atascos non paran de crecer e os colapsos chegan desde o propio corredor ata as estradas do litoral máis próximas ás praias. Hai ademais unha maior inseguridade vial, tanto no corredor como no resto da rede viaria comarcal, producíndose varios accidentes mortais nos últimos anos.
O transporte colectivo da ría acaba de subir uns 15 céntimos na liña Cangas-Vigo e as liñas do autobús Vigo-Cangas e Cangas-Pontevedra outros 5 céntimos máis. Estas subas provocan que as liñas vaian perdendo vertixinosamente usuarios/as, cando uns feitos similares en Brasil foron suficientes para mobilizar recentemente miles de persoas na rúa botando abaixo boa parte das pretensións estatais ao tanto.
Mentres o transporte colectivo para os/as que residimos no Morrazo os 365 días do ano agoniza, a única solución que nos dan desde as administracións públicas, autonómica e local, é o desdobramento do corredor en autovía (máis do mesmo), aparcamentos disuasorios (a favor unha vez máis do uso do automóbil privado) e liñas de barcos a unhas poucas praias que só vai producir unha maior masificación delas en beneficio do turismo estacional, dunha minoría con maior poder adquisitivo e dunhas cantas empresas privadas (as mesmas que soben agora os prezos ao transporte da ría que utiliza a veciñanza todo o ano e que non interesa potenciar nin a políticos nin a empresas que só buscan explotar ao máximo o rendemento económico en mans privadas).
O desdobramento do corredor en autovía ademais de constituir un incremento grave e irreversible do impacto ambiental no territorio, provocaría un incremento do parque automobilístico e polo tanto unha maior contaminación atmosférica, acústica e hídrica ademais de provocar con moita probabilidade máis atascos polo efecto funil, debido á menor capacidade das rede primaria e secundaria de estradas para absorber o tráfico, provocando a mesmo tempo accidentes e siniestraliedade.
Por outra banda, é discriminatorio e incompatible tanto en orzamentos como en deseño co respecto ao transporte colectivo, a alternativa máis racional, ecolóxica e sustentable, e os efectos son os que lamentablemente seguimos a padecer e cada vez con máis virulencia.
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo vai organizar en vindeiras datas un roteiro reivindicativo contra o desdobramento do corredor do Morrazo e a favor do transporte colectivo e intermodalizado.
A Plataforma quere lembrar que o proxecto de desdobramento do corredor cun trazado de arredor de 15 kilómetros en dúas fases entre o enlace de Rande e o da Portela e un orzamento total de 61,2 millóns de euros afectaría unha vez máis e de xeito grave e irreversible aos espazos naturais dos Montes do Morrazo, o Carballal de Coiro, á conca dos ríos Miñouba, da Freixa, Barranco do Faro, da Fraga, do Inferno, Bouzós e das Presas, o entorno de encraves naturais e paisaxísticos de interese, a área de protección de varios xacementos arqueolóxicos, ducias de camiños e sendeiros,…
A falta de financiación pública está a facer que a Xunta tramite de xeito fragmentado os proxectos de execución, estratexia, por outra parte, para eludir a legal e correspondente avaliación de impacto ambiental da obra no seu conxunto.
Deixar unha resposta