A Plataforma apoia a manifestación nacional contra os lumes

CARTEL MANIFESTACION 6 DE OUTUBRO BAIXAA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solidarizándose coas zonas queimadas deste ano (Monte Pindo, Carnota, Porto do Son, Salnés, Oia, Ponte Caldelas, Gondomar, Muíños, Vilamarín, Culedro, Verín, Pantón, A Fonsagrada,…) e co que iso implicou para o territorio unha vez máis (contaminación atmosférica, perda de arborado, capa vexetal e empobrecemento da terra, mortandade de fauna, alteración das rochas, afección de gravados rupestres, contaminación de augas pola mestura coa cinsa, perdas económicas a nivel forestal e agrogandeiro, afección de núcleos de poboación humana,…) apoia e anima a veciñanza a asistir á manifestación nacional convocada polo Monte Pindo Parque Natural para este vindeiro domingo 6 de outubro a partir das 12:00 h. dende a Alameda de Santiago de Compostela baixo o lema “POR UNHA GALIZA SEN LUMES, POR UN RURAL CON FUTURO”.

Aínda que, agás algúns conatos en zonas costeiras, O Morrazo se librou este ano da lacra da vaga de grandes lumes que asolou boa parte do territorio galego non podemos obviar que nas últimas décadas se viu afectado varias veces, estando aínda moi presente na memoria os lumes fatídicos do ano 2006 que asolaron boa parte do espazo natural dos Montes do Morrazo.

De non se cambiar as políticas da Xunta en materia forestal e de ordenación dos recursos naturais os lumes seguirán a reproducirse cada verán, xa que á barbarie de quen prende ou prenden directa e impunemente o lume, existen uns montes cheos de especies pirófitas, como o eucalipto, o piñeiro e a acacia, que son as que realmente propagan as lapas e das que tempo despois tamén se benefician, e cun monte baixo coa matogueira cada vez máis alta.

É de especial gravidade a situación de abandono dos montes con especies en réxime de monocultivo ou espalladas sen control, como no caso de eucaliptos e acacias, onde nunha maioría do territorio morracense non se levan a cabo labores silvícolas de rareado e clareado das parcelas nin se está a aplicar eficientemente as franxas de seguridade dentro da normativa autonómica de defensa e prevención de incendios forestais (Lei 3/2007), chegando o arborado pirófito até a inmediación de moitos núcleos de poboación, dende as zonas máis altas até o propio litoral.

Por outra banda, este arborado alóctono, pirófito e invasor está a reducir de xeito progresivo e alarmante, a xa de por si depauperada superficie ocupada polo arborado autóctono. As carballeiras, fragas e bosques de ribeira con especies frondosas ademais de facer a función ecolóxica de biodiversidade a nivel local tamén serven como cortalumes naturais. Dentro dos espazos naturas máis ameazados están evidentemente os mellor conservados coma os Montes do Morrazo, Carballal de Coiro, Carballeiras de Pastoriza, Ardán, Cela…

Á degradación ambiental e á ameaza dos monocultivos e especies pirófitas estase a sumar nos últimos anos a tala indiscriminada de arborado autóctono para a venda madeireira como combustible para fogóns e cociñas a costa da crise económica e o incremento dos prezos dos combustibles fóseis.

Malia que a nova lei de montes contempla nalgúns dos seus artigos, ao final e en letra pequeña, unha xestión sustentable dos bosques, estamos unha vez máis diante dunha situación enquistada dende principios do século pasado, principalmente do réxime anterior. Nesta etapa os montes pasaron de ser autoxestionados a nivel forestal e agrogandeiro pola poboación local ao monopolio forestal e maquinaria das empresas privadas do sector máis do complexo pasteiro ENCE en Lourizán, verdadeiro responsable do auxe e espallamento dos monocultivos e repoboacións de eucalipto tanto na comarca como por boa parte de Galiza dende mediados do século pasado até a actualidade, onde a poboación e a maioría dos/as propietarios/as das parcelas pasaron a ser meros/as subsidiarios/as das empresas forestais ou directamente abandoaronas.

Nesta nova lei engádeselle  tamén o interese comercial das plantas industriais de biomasa, que no fondo non son máis que plantas térmicas que ao final pretenden funcionar a costa de madeira extraída de novas e amplas plantacións de especies alóctonas e de rápido crecemento, co que non deixa de ser un novo monopolio asociado ao forestal e pasteiro e unha nova ameaza para a biodiversidade máis a sustentabilidade ambiental, social e económica dos montes como recurso natural.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, avoga pola prevención ante a extinción dos lumes, función que non se vai facer con avións e helicópteros senón con brigadas de operarios/as en terra. Estas brigadas son as que teñen que desbrozar, podar, talar ou facer plantacións e, ao mesmo tempo de se dar a situación e a nivel específico, son as que na realidade extinguen os lumes tralo seu aplacamento e posterior rega ao raso do terreo queimado. Cabe destacar que moitos lumes se reproducen por falla da correspondente vixianza e rega.

A Plataforma avoga tamén por unha ordenación dos montes como recurso baseado na súa multifuncionalidade ambiental, forestal, agroforestal, sociorecreativa e cultural, potenciando e incentivando as plantacións de arborado autóctono, non pirófito, de medio crecemento e de madeiras nobres e eliminado e desincentivando os monovultivos con especies alóctonas, pirófitas e invasoras. Tamén avoga pola protección e potenciación do monte baixo como recurso pasteiro, forraxe e bioenerxético para a agrogandeiría, a recuperación da xestión directa ou compartida deses recursos de xeito sustentable en beneficio das poboacións locais, en especial do rural, fuxindo de monopolios gubernamentais e empresariais e da desregulación  globalizadora de mercado máis da súa negativa pegada ecolóxica a nivel planetario, como mellor forma de combater o seu abandono, onde o problema non é o minifundio senón a falla de vínculo da poboación co medio.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo rexeita calquera función ou uso industrial que se lle queira dar aos nosos montes por estar fóra das condicións naturais do solo rústico e dos seus usos tradicionais. Cómpre lembrar que detrás de moitos lumes existe en moitas ocasións un afán especulativo ou que , como no caso do proxecto do parque eólico de Pedras Negras, se utiliza unha zona afectada no ano 2006 polo lume para menosprezala e desvalorizala e darlle cabida así ao aeroxeneradores.

Para alén do proxecto do parque eólico, existen 4 áreas mineiras sacadas ao mercado pola propia administración autonómica que se valen da degradación ambiental para salvar os informes ambientais. De feito unha destas áreas proposta pola Xunta, a nome de Os Pedrouzos, solápase cunha zona queimada no ano 2006 proposta para o parque eólico.

Outra das especulacións posibles que se beneficiaria dos lumes podería ser a urbanística dos parques industriais, onde a ubicación do proxecto do parque empresarial Marín-Moaña integrado na fase de tramitación do plan sectorial de áreas empresariais de Galiza podería valerse de terreos queimados no 2006 e posteriormente na zona de Outeiro da Carballosa e Agudelo.

Segundo a lexislación autonómica de montes vixente (Lei 7/2012),  en monte queimado en solo rústico non se pode recualificar o seu uso en 30 anos, pero no seu artigo 59.3 menciona que “con carácter singular poderá acordar excepcións sempre que, con anterioridade ao incendio forestal, o cambio de uso estiver previsto: a) Nun instrumento do planeamento previamente aprobado, b) Nun instrumento do planeamento pendente de aprobación se xa foi obxecto de avaliación ambiental favorable ou, de non ser esta esixible, se xa foi sometido ao trámite de información pública, e c) Nunha directriz de política agroforestal que recolla o uso de pastos ou agrícola extensivo en montes incultos ou en estado de abandono que non estean arborados con especies autóctonas.”

O Partido Popular, a nivel estatal, pretende modificar a vixente lei de montes (Ley 43/2003), onde na actualidade tamén está prohibido o cambio de usos durante 30 anos en solo queimado, para nun dos seus novos artigos permitir o cambio “cando se certifique un interese xeral prevalente”.

O monte queimado pódese recuperar, aínda que tarde anos, pero para iso ten que protexerse, facer labores de prevención e ordenarse de xeito sustentable, onde ademais da ordenación forestal, silvícola e agrogandeira tamén está a protección ambiental en base aos valores naturais dos hábitats e da fauna e flora salvaxe dos espazos que así o merezan. Por exemplo, os arriba citados a nivel comarcal, onde os Montes do Morrazo e Carballal de Coiro xa están catalogados como solo rústico de protección de espazos naturais polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra, pero que ben poderían estar cando menos como un novo espazo natural protexido dentro da Rede Natura, como xa o solicitamos á Dirección Xeral de Consevación da Natureza hai máis dun ano esta Plataforma e algúns dos colectivos nela integrados, máxime tendo en conta que a superficie protexida a nivel galego non pasa do 12% do total do territorio, por debaixo da media europea e ao rabo da estatal, e onde os espazos naturais protexidos do litoral existentes, coma os da Enseada de San Simón, Costa da Soavela e Cabo Udra na península do Morrazo, necesitan tamén de corredores ecolóxicos e naturais conservados e protexidos no continente, coma os citados.

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s