Posición da PDMM sobre a tramitación do parque eólico de Pedras Negras

Diante da reactivación na tramitación por parte da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Industria, dos parques eólicos do concurso eólico polo que se asignaron 2325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia, desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo queremos salientar:

Séguese a tramitar o citado concurso malia a súa manifesta insustentabilidade, rendibilidade económica e enerxética en áreas de media ou baixa potencialidade eólica (como a de Pedras Negras), onde o que segue primando é o negocio das empresas do sector eléctrico por enriba da protección ambiental, social e cultural, nun territorio onde existe excedencia de produción eléctrica, mesmo eólica, e onde unha grande parte da electricidade ademais se exporta.

O parque eólico de Pedras Negras, cunha asignación de 42 MW dentro dese concurso eólico galego, ademais de ter unha baixa rendibilidade eólica, afectaría o espazo natural dos Montes do Morrazo, catalogado como solo rústico de especial protección de espazos naturais polas Normas Subsidiarias e Complementarias de Planeamento provinciais, onde non están autorizados os usos industriais.

Este espazo conta con hábitats naturais, fauna e flora silvestre de interese, mesmo prioritarios a nivel europeo, facendo de corredor ecolóxico con varios nacementos fluviais dentro da conca que conforma o espazo natural protexido do LIC da Enseada de San Simón, de grande importancia como humidal, ornitolóxico e mariño.

O proxecto afectaría a paisaxe dunha península densamente poboada entre dúas rías, nun espazo costeiro dentro das Rías Baixas que, libre dos impactantes aeroxeradores desde o Salnés até o Baixo Miño, posúe varios espazos naturais protexidos e mesmo a presenza do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

A nivel social e económico, verianse afectados manantiais de traídas de auga veciñais, monte comunal, espazos forestais e áreas recreativas. E a nivel cultural á área de protección de varios xacementos arqueolóxicos, en especial mámoas e petróglifos.

O parque eólico proxectado en Pedras Negras, de 14 aeroxeradores, forma parte dunha área de desenvolvemento eólico meirande a nivel comarcal que abrangue unhas 4300 has., apliable no futuro a 21 aeroxeradores máis entre o Monte da Paralaia e arredores de Chan de Castiñeiras, cubrindo a totalidade das áreas máis altas do Morrazo a partir dos 400 metros de altitude.

O parque eólico de Pedras Negras mais a área de desenvolvemento eólico do Morrazo foron amplamente rexeitados a nivel social entre decembro e febreiro do 2013 con centos de alegacións individuais e colectivas, incluídas as desta plataforma e asociacións integradas, dentro da fase legal de información pública. E rexeitado así mesmo en pleno polas corporacións municipais dos tres concellos directamente afectados, Moaña, Marín e Vilaboa máis dos outros dous indirectamente afectados de Cangas e Bueu.

O Concello de Moaña alegou, a maiores a nivel técnico, que o parque eólico invadía a área de seguridade aérea do aeroporto de Peinador, condición do que a propia Xunta de Galicia di agora que de darse o caso negociaría coa empresa adxudicataria afectada a rescisión da asignación concedida.

Polo tanto, a persistencia da empresa Enel Green na tramitación do parque eólico non está absolutamente xustificada, e desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo só esperamos que a Consellería de Economía e Industria informe desfavorablemente e rexeite finalmente o proxecto do parque eólico mais a área eólica de desenvolvemento do Morrazo.

Advertisements

1 comentario

Arquivado en Uncategorized

Unha resposta a “Posición da PDMM sobre a tramitación do parque eólico de Pedras Negras

  1. Pingback: SEGUE A AMEAZA DOS MUÍÑOS EÓLICOS EN PEDRAS NEGRAS | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s