Iniciativa “Save the Salamanders”

chioglossa1A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo tivo coñecemento estes días da iniciativa que promove unha asociación conservacionista canadense, “Save The Salamanders”, contra o o parque industrial que pretende instalar o concello no Monte Pornedo. Esta asociación desde o seu perfil na rede social Facebook insta a veciñas e veciños a enviar un correo á Concellaría de Medio Ambiente de Marín informando das consecuencias que tería a instalación do polígono para a saramaganta (Chioglosa Lusitanica), unha das especies da fauna existente nesta área natural.

A saramaganta debe a súa importancia a ser a única do xénero Chioglossa, dentro da familia salamandridae a nivel mundial e que a súa área de distribución abrangue só o noroeste ibérico. Poden atoparse saramagantas nas catro provincias galegas, occidente de Asturies e no norte de Portugal, ou sexa, é a verdadeira xoia da herpetofauna anfibia galega.

Esta especie aparece catalogada como vulnerable alén de no “Catálogo Galego de Especies Ameazadas”, no “Atlas e Libro Vermello dos Anfibios e Réptiles de España”; na lista vermella das especies ameazadas da UICN (Unión Internacional de Conservación da Natureza) e tamén nos anexos II e IV do catálogode especies protexidas dentro da Directiva Hábitats a nivel europeo.

Reliquia ancestral sobrevivinte dos xeos glaciares da era Cuaternaria, habita de xeito crepuscular en zonas montañosas ou de topografía accidentada, nas inmediacións de correntes de auga pequenas, limpas e ben osixenadas, ou en áreas cubertas de bosque caducifolio dentro de clima atlántico moi húmido. Os seus máximos perigos son a polución das augas e a corta de bosque caducifolio e, en xeral, a alteración do medio ribeirán, que poden conlevar a práctica desaparición da especie dada a súa especial vulnerabilidade.

A saramaganta, ou tamén chamada píntega rabilonga, pola súa extensa extremidade caudal que cubre máis de dous tercios do corpo, aínda se pode atopar á beira do bosque de ribeira e carballeiras das cabeceiras dos regos do Morrazo mellor conservados.

Alén de polo polígono industrial no Monte Pornedo, a saramaganta estaría tamén ameazada polo proxecto de parque empresarial Marín-Moaña nas zonas de Cruz da Maceira e Pastoriza, xa que está constatada a súa presenza nas proximidades do rego da Fraga e do rego das Gorgadas, afectados directa e indirectamente nos seus nacementos polo citado proxecto industrial. E mesmo podería estar tamén ameazada polos movementos de terras e ampliación de pistas previstos polo proxecto de parque eólico de Pedras Negras, que afecta así mesmo aos nacementos dos regos da Fraga, Riomaior, Miñouba e Neibó.

A destrución do medio ribeirán para urbanizar directamente o solo industrial ou a contaminación das augas correntes nos nacementos dos regos por verteduras, serían causa suficiente para decimar ou facer desaparecer directamente esta especie do seu hábitat natural.

As áreas afectadas por proxectos industriais no Monte Pornedo, Cruz da Maceira e Pastoriza e polo parque eólico de Pedras Negras están integradas dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, catalogado como solo rústico de especial protección de espazos naturais, onde non están autorizados os usos industriais, como así alegamos á Consellería de Economía e Industria en marzo do 2012 na información pública do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia e en febreiro do 2013 na do propio parque eólico de Pedras Negras.

A saramaganta é unha máis das varias especies de fauna e flora endémicas, vulnerábeis e protexidas que existen neste espazo natural con hábitats de interese comunitario e mesmo prioritario a nivel europeo, que fai a función de principal corredor ecolóxico continental até o litoral da península do Morrazo dentro das Rías Baixas.

Por estas e outras razóns de índole ambiental, social e cultural, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo alegou e solicitou en marzo do 2012 á Dirección de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que este espazo natural mais o do Carballal de Coiro e outros ampliables formaran parte dun novo LIC co nome de Montes e Carballeiras do Morrazo na Rede Natura.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo agradece o interese da asociación “Save The Salamanders” na protección e conservación da saramaganta no Morrazo e fará súa a oposición ao parque industrial do monte Pornedo, extensible ao proxecto do parque empresarial Marín-Moaña, como así mesmo do parque eólico de Pedras Negras, e anima a veciñanza que faga o mesmo.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s