Resposta as declaracións da Consellaría de Medio, Territorio e Infraestruturas

área afectada da Cruz da MaceiraAnte as recentes declaracións do Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, nas que asegurou que o Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia incluiría a construción do parque industrial da Cruz da Maceira, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, quere manifestar o seguinte:

A situación do parque industrial da Cruz da Maceira, planificada no PXOM de Moaña cunha superficie de 435.528 m2 e que abrangue as áreas naturais da Cruz da Maceira, Pozo da Maceira e Regadantes, está plenamente integrada dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, cualificado como solo rústico de especial protección dos espazos naturais nas NN CC e SS de planeamento da provincia de Pontevedra, onde non están autorizados os usos industriais.

Situada na cabeceira de varios nacientes do rego da Fraga, posúe uns fortes desniveis que provocarían un grande e irreversible impacto ambiental.

Por isto, e ao longo da década pasada, a propia Xunta de Galicia informou varias veces desfavorablemente o proxecto durante a súa tramitación. A última a través da Dirección Xeral de Urbanismo, na aprobación do PXOM do concello de Moaña, onde o parque industrial estaba incluído como convenio urbanístico.

A isto se lle sumou a intención de conseguir a metade dos terreos por mediación dun convenio ilegal coa comunidade de montes de Moaña, onde se utilizou unha figura de xestión inexistente, a “expropiación amistosa”, cando por prevalencia o monte comunal só é permutable.

Integrado na tramitación inicial do citado Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia como Parque Empresarial Marín-Moaña, tiña ademais unha das piores puntuacións xa que se daba como ilocalizable.

No mesmo Plan Sectorial foi incluído tamén, inicialmente, outro proxecto de parque empresarial de ámbito comarcal, o PEIM (Parque Empresarial e Industrial do Morrazo), deseñado como ampliación do parque industrial de Castiñeiras, en Bueu, e reducido finalmente a unha superficie de 412.238 m2, dado que Xestur recoñeceu no seu momento que os 1.500.000 m2 de superficie inicial sobrepasaban en dous tercios a demanda existente. Unha clara demostración de que non ten xustificación que se intente planificar na comarca outro parque empresarial para Marín e Moaña, cunha capacidade similar, que ademais das áreas naturais citadas na Cruz da Maceira afectaría tamén os montes e os valores naturais, forestais e culturais da localidade marinense de Pastoriza.

Na actualidade a propia Xunta de Galicia, a través do IGVS ou de Xestur, e malia ofrecer cuantiosos descontos e bonificacións, non é capaz de vender unha soa parcela dos varios miles de metros cuadrados que ten baleiros en parques industriais existentes nas catro provincias galegas.

As intencións de integrar definitivamente o parque industrial da Cruz da Maceira no Plan Sectorial de Áreas Industriais de Galicia por parte do conselleiro e da súa consellería ao final só procura favorecer os intereses persoais e privados da agrupación de empresarios/as de Moaña e os políticos do actual alcalde e anterior presidente da citada agrupación empresarial, José Fervenza, por enriba da protección ambiental, forestal e paisaxística, dexenerando unha vez máis na especulación urbanística e no uso irracional do territorio, onde non é nada sustentable que cada concello siga proxectando ter un parque industrial, tal e como suxire o actual alcalde moañés para o seu municipio.

Este novo parque non vai xerar máis postos de emprego dos que xa existen e non vai ser a alternativa á crise, xa que logo, non se trata de ter máis competitividade senón de mudar a outro modelo de desenvolvemento máis sustentable baseado no decrecemento, na complementariedade e na racionalidade.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo rexeita o proxecto do parque industrial da Cruz da Maceira e o parque empresarial Marín-Moaña, aos que alegou na súa contra en Marzo de 2012 ante a información pública do Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia, e onde finalmente solicitou que fronte ao criterio do 30% da demanda mínima para desenvolver un polígono se teña en consideración o deber de encher os polígonos existentes, xa que aínda non teñen todo o seu espazo ocupado, e o resto da oferta de solo empresarial e industrial, no caso de ser necesaria, se adapte á demanda real apostando por áreas municipais máis pequenas, cunha ocupación total de parcelas, fóra de espazos naturais e protexidos e cun menor impacto no medio.

Rexeita así mesmo a ubicación alternativa no monte Agudelo, tal como pide a comunidade de montes de Moaña, xa que afecta tamén o espazo natural dos Montes do Morrazo.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s