A PDMM ante os novos derrubamentos no corredor do Morrazo

P1550477Despois dos derrubamentos na zona do enlace de Cangas, agora vén de se derrubar parte doutro talude de máis de 50 metros de altitude en dirección ao enlace da Portela, por debaixo do monte da Pena, no límite entre a parroquia moañesa de San Martiño e a canguesa de Coiro. Uns metros máis adiante tamén se produciron corrementos de terras noutro talude nas inmediacións do paso elevado que existe preto da área forestal de lecer de Espiñeiro, pertencente á comunidade de montes de Coiro.

Se hai escasas datas a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas estimaba nuns 400.000 euros o custe das reparacións, agora, esta cantidade se incrementou até chegar os 850.000 euros. Sen descartarmos aínda que se poidan producir novos derrubamentos, o acontecido non deixa de ser un escarmento económico, con fondos públicos, despois das cantidades multimillonarias gastadas desde hai 10 anos na construción, limpeza, mantemento, instalación de medianeiras e bolardos xunto coa reparación de anteriores derrubamentos nesta vía de alta capacidade.

Só falta que aconteza unha desgraza humana, alén das producidas por accidentes de tráfico, para que alguén asuma a responsabilidade de ter construído esta vía en contra do parecer de moitas asociacións e persoas a nivel individual que na etapa da súa contrución se opuxeron firmemente a esta.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo denuncia que esta cadea de derrubamentos vén, xa que logo, demostrar que houbo erros e graves, neste caso xeotécnicos, no deseño e construción do corredor de alta capacidade.

Estes erros están directamente ligados á Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do ano 2001, na que a Administración autonómica incorreu en arbitrariedade e fraude de lei sen garantir o cumprimento do obxectivo e finalidade dese instrumento de protección, autorizando finalmente a execución dunha obra cun estudo de impacto deficitario e carente de contido, que non garantiu a correspondente e axeitada protección do medio, patrimonio cultural e os recursos naturais.P1550481

Esa Declaración de Impacto Ambiental foi a mesma que xustificou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para eximir da correspondente avaliación de impacto ambiental ao proxecto de desdobramento do corredor, feito que ademais de ilegal, vistos os feitos, non deixa de ser tamén unha temeridade.

O desdobramento do corredor, alén de incrementar o impacto producido xa no territorio, non solucionaría os problemas viarios. Provocaría máis colapsos na rede de estradas locais, especialmente no litoral, dentro dunha península costeira. O aumento do parque automobilístico tamén aumentaría a inseguridade viaria non só no corredor senón nas estradas primarias e secundarias. E de non se producir un incremento do parque automobilístico, probabilidade tamén a ter moi en conta no futuro ante a persistencia da crise económica, a suba de impostos pola contaminación ambiental, peaxes para controlar o enorme gasto das infraestruturas, o encarecemento do prezo dos combustibles, e a baixada na produción tras o tope da extracción do petróleo, estaríamos ante unha obra absurda e un gasto en balde, para unha vía proxectada e cualificada como de “alta capacidade”.

É incompatible investir en construír máis autovías para o uso do automóbil privado e ao mesmo tempo en transporte colectivo, por moito que nos vendan agora un plan de implantación de transporte metropolitano ou liñas de barcos ás praias no verán, non deixan de ser unha cortiña de fume e un parche que ademais pode ser até contraproducente, respectivamente.

O orzamento previsto pola propia Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e infraestruturas para o desdobramento do corredor en autovía alcanza un total de 61,10 millóns de euros, 41,29 millóns dende a saída da ponte de Rande até o enlace de Cangas e 19,80 millóns do enlace de Cangas até o enlace da Portela, para 15,2 kilómetros de nova obra. Sen ter porque realizar esta obra, e como alternativa máis sustentable, con estes cartos e os restantes que conformaban un total de 159 millóns de euros orzamentados destinados ao Plan de Mobilidade do Morrazo poderiase financiar o transporte público colectivo terrestre, marítimo e ferroviario de proximidades con conexión de barcos de pasaxe, autobuses, minibuses e tranvías que enlazaran de xeito intermodal todos os núcleos de poboación, dende a urbana até a rural, tanto a nivel comarcal como metropolitano. Así como tamén, a potenciación dos carrís bici e humanizacións peonís.

Tamén se podería optar por procurar solucións que reduzan a necesadidade de desprazamentos fóra da comarca e dependencia das cidades de Vigo e Pontevedra, dotando aos municipios e á comarca en xeral dos servizos administrativos, sanitarios, educativos, culturais e sociais correspondentes e necesarios dos que agora carece unha poboación de preto dos 100.000 habitantes.

E poderiase e deberiase investir na necesaria mellora, vertebración e humanización de toda a rede viaria comarcal existente, onde moitas estradas locais e segundo o seu rango carecen de terceiro carril para vehículos pesados, máis espazo para paradas de autobuses, beirarrúas, beiravías,…

Para concienciar a veciñanza da comarca das múltiples ameazas que se cernen nos nosos montes a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo vai organizar entre os meses de maio e xuño, varios roteiros reivindicativos e por tramos contra o desdobramento do corredor. Nestes roteiros informaremos e divulgaremos entre as e os asistentes sobre os distintos valores e elementos patrimoniais, naturais e sociais afectados, parte deles dentro do propio espazo dos Montes do Morrazo e do Carballal de Coiro, que poden verse afectados pola ampliación desta infraestrutura.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s