Comunicado sobre a aprobación do Plan Sectorial de Áreas Empresariais

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo considera que a aprobación do Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia (PSAEG) o pasado 30 de abril  non responde á realidade e advirte da súa insustentabilidade e irrealización, en especial das áreas empresariais que afectarían o Morrazo, a da Cruz da Maceira no concello de Moaña, a do monte Pornedo en Marín, e a ampliación do polígono industrial de Castiñeiras entre Bueu e Cangas.

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo resulta incomprensíbel a aprobación deste Plan Sectorial se temos en conta que aínda hai sen ocupar e sen vender máis de 2.800.000m2 de parcelas en todo o territorio galego, incluída a provincia de Pontevedra. Estamos, ao noso entender, diante dun novo e auténtico pelotazo urbanístico a nivel autonómico que, lonxe de pór freo e corrixir os erros cometidos no pasado, continua coa mesma política de promoción de solo industrial moi por riba da demanda que provocou a burbulla urbanística.

Durante as últimas décadas o negocio da recualificación de moitas hectáreas de solo rústico a baixo prezo estivo detrás da construción das áreas empresariais que agora se demostran que non facían falla. Nunca se correspondeu pois a instalación de polígonos cunha creación planificada de postos de emprego e de aí a grande cantidade de parcelas sen ocupar, coas naves baleiras ou mesmo con usos non industriais.

Este plan está baseado nas políticas neo ou ultraliberais que nos levaron á crise e onde prima o negocio, unha sorte de lotaría, que no canto de agardar a encher o total dos polígonos industriais, planifica outros novos a partir dunha ocupación “mínima” do 30% xogando incluso coas delimitacións xeográficas e a propia demanda de solo.

O PSAEG alén de especular unha vez máis co territorio tampouco respecta as figuras legais de protección e conservación do medio. Así os polígonos industriais aprobados na Cruz da Maceira e no Monte Pornedo, están integrados no espazo natural dos Montes do Morrazo, catalogado como solo rústico de especial protección dos espazos naturais dentro das Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra, onde non están autorizados os usos industriais.

Monte Pornedo

Os 336.944 m2 aprobados no monte Pornedo coinciden cunha pequena diferenza de m2 cos propostos no PXOM de Marín (331,999 m2) situados en terreos comunais da parroquia de San Xián. Este proxecto afectaría o verdadeiro balcón panorámico e área natural de espallamento do constritivo centro urbano. Este espazo ten unhas pendentes superiores ao 35% e, xa na parte afectada polo polígono industrial proxectado no Planeamento municipal, o 92% desa superficie ten un desnivel por riba do 15%, que é o límite fixado na “Guía de recomendacións Técnicas para o Proxecto Integral de Parques Empresariais de Galicia”, elaborada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Ademais conta, a nivel natural, con plantacións forestais, monte baixo, especies de fauna e flora vulnerábeis, mananciais, fontes e regatos de captación de auga veciñal. A alteración da súa fisonomía suporía ademais un impacto paisaxístico brutal e irreversible en toda a área da ría de Pontevedra que abarcan municipios de alta ocupación turística como Sanxenxo, Poio, Pontevedra, Bueu e o propio Marín.

Esta área tamén é moi importante pola súa extraordinaria riqueza patrimonial con mámoas, petróglifos, abrigos rochosos e outros elementos que motivaron a súa integración no deseño do Proxecto de Creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. O proxecto de creación desta área empresarial estragaría e hipotecaría un espazo de grande importancia ambiental e patrimonial, así como a súa valorización, pola que apostan máis de 20 colectivos sociais da vila e contorna.

Esta área foi planificada nun principio para ser unha Plataforma Loxística Marín-Pontevedra; agora “en teoría” quedan fóra os terreos que se ubicaban nos montes da parroquia de Lourizán e que foron rexeitados polo Concello de Pontevedra por tratarse dunha área de interese arqueolóxico, perfectamente extrapolable ao propio Monte Pornedo que a Xunta discrimina e despreza ao mantelo como parque empresarial no Plan Sectorial.

Cruz da Maceira

Aínda que non fique clara ou se descoñeza a delimitación exacta do polígono na Cruz da Maceira, uns 435.528 m2, os terreos coinciden cos propostos no PXOM de Moaña. Este proxecto afectaría as áreas naturais da Cruz da Maceira, Pozo da Maceira e Regadantes en terreos de grande desnivel na conca dos dous nacementos do rego da Fraga. Así como tamén a arborado autóctono, plantacións forestais de monte comunal e privada por onde transcorren o GR-59 do sendeiro ecolóxico do Morrazo e o sendeiro municipal do río da Fraga.

A fórmula de “expropiación amistosa” utilizada durante a década pasada pola Agrupación de Empresarios de Moaña para conseguir os 240.000 m2 de terreo comunal existente é ilegal, tal e como xa se alegou na tramitación do PXOM e como recoñeceu a actual directiva da Comunidade de Montes de Moaña. Foi informado desfavorablemente varias veces pola propia Xunta na tramitación do Plan Xeral até deixalo fóra na aprobación definitiva do mesmo. A súa integración definitiva agora no PSAEG por parte da Xunta vén contradicir os informes anteriores diante da presión exercida pola directiva da citada agrupación empresarial, e do actual alcalde moañés do Partido Popular, J. Fervenza, do mesmo partido político que goberna a Xunta, e tamén anterior presidente da citada agrupación como empresario.

A propia directiva da agrupación empresarial recoñece que ante a falla de apoio económico a nivel administrativo non sería capaz de desenvolver o polígono “especulando” con realizalo por fases.  Un proxecto que, por outra banda, foi planificado en principio como Parque Empresarial Marín-Moaña, agora “en teoría” queda fóra a parte marinense que podería afectar os montes da localidade de Pastoriza planificada na tramitación inicial do seu PXOM.

Castiñeiras

Os 412.238 m2 aprobados como ampliación do parque empresarial buenense de Castiñeiras, coincide co exposto na tramitación inicial do PSAEG pero o grafiado na cartografía abrangue unha superficie moito maior de 1.500.000 m2, coincidentes co proxecto de Parque Empresarial e Industrial do Morrazo (PEIM) deseñado a principios da década pasada.  

Esta ampliación afectaría, en solo rústico de especial protección forestal e de augas, a profunda conca de nacemento do rego Orxas, arborado e tamén a área de protección de varios xacementos arqueolóxicos entre a serra da Madalena e o monte Borrallido, causando a destrución deste último, cun enorme impacto paisaxístico cara á ría de Aldán.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo lamenta que a Xunta de Galicia e a Consellería de Industria e Economía non tivera en conta as alegacións presentadas en marzo do 2012 na fase de información pública do PSAEG. Demandabamos naquela altura da Xunta que fronte ao criterio de só con contar co 30% mínimo para desenvolver un polígono, optara por encher os polígonos que aínda non teñan todo o seu espazo ocupado. E no caso de ser precisa a instalación dalgún polígono se adapte á demanda real apostando por áreas municipais, máis pequenas, fóra de espazos naturais e protexidos e cun menor impacto no medio.

Desde a plataforma queremos amosar a nosa vontade de seguir solicitando e demandando a protección real e efectiva dos valores ambientais, sociais e culturais do espazo natural dos Montes do Morrazo.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s