Resposta ao alcade de Moaña, J. Fervenza, sobre o parque empresarial na Cruz da Maceira

área de ribeira dun dos nacementos do río da Fraga

área de ribeira dun dos nacementos do río da Fraga

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere responderlle publicamente ao alcalde de Moaña, J. Fervenza, en relación ás manifestacións realizadas estes días na prensa con respecto ao proxecto de parque empresarial da Cruz da Maceira que, con 435.528 m2, “oficiosamente” quedou integrado pola Xunta na aprobación do Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia:

Tanto a ubicación proxectada no PXOM polo concello de Moaña, a través da Agrupación de Empresarios local (nas áreas naturais da Cruz de Maceira, Pozo da Maceira e Regadantes), como a ofertada como alternativa pola comunidade de montes de Moaña no monte Agudelo estarían dentro do espazo natural dos montes do Morrazo, catalogado como solo rústico de especial protección de espazos naturais polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra. Xa que logo, calquera destas dúas ubicacións non respectaría o medio e suporía un estrago irreversible da contorna.

A instalación deste polígono industrial, alén de afectar varios nacementos do rego da Fraga, implicaría facer desmontes, recheos e a perda da capa vexetal e do propio chan nunha zona moi abrupta e con grandes desniveis. A 400 metros de altitude sobre o nivel do mar tamén produciría un enorme impacto paisaxístico, visible dende o propio núcleo urbano de Moaña até boa parte da ría de Vigo. E finalmente a todos estes impactos habería que lle sumar, unha vez construído o polígono, o alto risco de contaminación atmosférica, acústica e mesmo hídrica na profunda conca natural do nacemento do rego da Fraga.

A destrución de chan fértil, bosque e plantacións forestas, tanto comunal como privado, suporá a perda da capacidade de

carballeira Pozo da Maceira

carballeira Pozo da Maceira

almacenamento de CO2 que realizan tanto o bosque como o propio solo.

Dentro dese bosque, resultarían afectadas carballeiras e bosque autóctono aluvial de interese comunitario e mesmo prioritario a nivel europeo, xunto coa correspondente fauna e flora do sotobosque e áreas de ribeira dos nacementos e curso do rego da Fraga, con varios endemismos vulnerábeis a nivel ibérico, o que redundaría nunha merma considerable da biodiversidade.

Desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo consideramos que carece de toda lóxica construír un polígono industrial para poñer en valor unha zona completamente natural, a da Cruz da Maceira, como afirma o alcalde de Moaña. Unha zona afastada dos núcleos urbanos de grande interese ecolóxico, cultural e social na que a veciñanza procura a tranquilidade que proporciona a natureza e goza percorrendo os tramos sinalizados e catalogados do sendeiro municipal do rego da Fraga e do GR-59, a ecorota do Morrazo.

sendeiro río da Fraga

sendeiro río da Fraga

A verdadeira posta en valor desta zona pasaría por levar adiante proxectos de carácter medioambiental, ecolóxico, biolóxico, botánico, paisaxístico, científico, educativo e de lecer. Baseados, pois, na explotación racional dos recursos vinculados ao medio que non atenten contra ese valores esenciais, onde só se autorizarían edificacións directamente destinadas a usos agrícolas, forestais e gandeiros.

Cómpre lembrar que tal como aparece recollido na Normas Complementarias e Subsidiarias de planeamento da provincia de Pontevedra (orde do 3 de abril de 1991) e na LOUGA ( Lei 9/2002 de 30 de decembro) polas que se rexe o Espazo Natural dos Montes do Morrazo están prohibidos os usos industriais neste espazo.

Por outra banda, a construción dun parque empresarial nunha zona cunha orografía tan desfavorable conlevaría un grande desembolso económico. A súa realización por fases, de promoción privada e sen aportacións da administración, tal e como recoñece a propia agrupación de empresarios fai difícil e pouco viable o proxecto.

Dende mediados da década pasada até a actualidade a propia Xunta de Galicia e con distintos gobernos, tanto do PP como do bipartito PSOE-BNG, informou desfavorablemente varias veces (a primeira sendo conselleiro de obras públicas o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo) o parque empresarial ao longo da súa tramitación no PXOM, facendo claramente alusión á integración dos terreos no ámbito de protección do espazo natural dos Montes do Morrazo e as negativas repercusións ambientais para o mesmo.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo denuncia que J. Fervenza está utilizando a súa influencia política a favor dun proxecto que non ten ningunha sustentabilidade ambiental, técnica ou económica, integrado nun plan sectorial supramunicipal de ordenación de áreas empresariais a nivel autonómico. Plan que ademais carece da máis elemental e legal avaliación ambiental no seu conxunto e do que nin se ten constancia a nivel oficial nin tampouco resposta ás alegacións legalmente presentadas en prazo entre xaneiro e marzo do 2012 durante da súa exposición pública.

Así mesmo J.Fervenza está a usar a Agrupación de Empresarios, da que foi presidente e á que segue directamente vinculado, para presionar a Comunidade de Montes de Moaña cun proxecto que atenta contra os seus terreos legalmente rexistrados e a súa prevalencia, nos que se chegou a usar unha figura de convenio legal expropiatoria para a obtención dos 240.000 m2 de monte comunal para o parque, feito recoñecido e rexeitado pola actual directiva.

Desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo consideramos que tampouco a xunta directiva da comunidade de montes debere buscar e proponer ubicacións alternativas para un proxecto que, ao noso entender, só trata de especular co solo rústico de especial protección a baixo prezo para favorecer os intereses económico dunha minoría.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s