Demandamos o informe desfavorable ao proxecto de parque eólico de Pedras Negras

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo considera que as declaracións do presidente de Red Eléctrica de España (REE), José Folgado, veñen demostrar que o concurso eólico galego aprobado en decembro de 2010, con 91 parques e 2325 MW de produción, carece de toda racionalidade. Xa que logo, tampouco os 42 MW do proxecto eólico de Pedras Negras, na Área de Desenvolvemento Eólico do Morrazo, terían razón de ser.

Nestas declaracións José Folgado salientou que na actualidade existe un sobredimensionamento da capacidade eléctrica española que non se corresponde coa baixada nos niveis de consumo, e onde aconsella non seguir con máis proxectos de produción, en especial, cos da demanda do sector eólico en Galiza.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo temos denunciado e alegado en multitude de ocasións que Galiza é excedente en produción de electricidade, incluída a de procedencia eólica, e que a maioría desta produción é exportada fóra do noso territorio.

Por outra banda, cómpre salientar que as áreas de maior potencial eólico no territorio galego – desde a Mariña Luguesa até a Costa da Morte pasando pola Gran Dorsal interior – xa foron desenvolvidas e moitos dos parques instalados están enriba de espazos naturais protexidos dun grande valor. Lembramos como parques eólicos na Serra do Xistral, Capelada, Macizo do Monte Pindo, Barbanza, Monte Faro, Candán, Cando, Suído…provocaron unha forte alteración paisaxística e visual, erosión do chan, perda da capa vexetal e superficie arborada, contaminación acústica e mortandade de aves.

Pola fisionomía do espazo e as características da montaxe do parque eólico, o proxecto de Pedras Negras causaría un grande impacto no medio. Para a instalación dos 14 muíños (119 m de fuste, 56m de pá) e a subestación eléctrica son precisas outras tantas explanadas de 40×60 metros, 17,9 km de pistas de acceso e 15,7 km de gabias.

O parque estaría instalado dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, dentro das cotas máis altas (Chan de Xestoso, Chan de Gagán, Seixos Blancos, Coto do Home, Chan de Carqueixa, Chan de Pedras Negras, Chan de Lagoa, Os Candóns, Outeiro da Charamiza, Serra Basil, Corno Pineda, Serra Domego, Os Lagucheiros, Chan de Fonteseca, Monte Formigoso),  entre os 450 e os 600 metros de altura sobre o nivel do mar, entre as rías de Vigo e Pontevedra causando, polo tanto, un grande impacto visual.

Alén de afectar plantacións forestais de monte comunal e privado nas parroquias de Sto. Tomé de Piñeiro, San Adrián, Domaio, Meira e Moaña, tamén se verían seriamente afectados hábitats de interese comunitario e prioritario, fauna e flora salvaxe endémica e vulnerable. Este espazo tamén é unha área de importancia de aniñada e paso migratorio de aves, dada a súa proximidade co LIC da Enseada de San Simón, que se podería ver perxudicado pola instalación do parque.

Ademais de pola súa importancia natural, este espazo ten tamén unha grande importancia a nivel social, cultural e arqueolóxico pois conta con mananciais de traída de auga veciñal, os nacementos dos regos da Fraga, Neibó, Libón, Miñouva e Río Maior, as áreas forestais e de lecer de Chan de Arquiña e Chan da Armada, varios xacementos catalogados e protexidos, unha rota de mámoas, a ecorota do Morrazo GR 59, un sendeiro BTT do concello de Marín. Todos estes elementos poderían tamén verse afectados pola instalación dun parque no propio espazo.

A catalogación  de solo rústico de especial protección dos espazos naturais do espazo natural dos Montes do Morrazo segundo as NN CC e SS de Planeamento da provincia de Pontevedra non autoriza os usos industriais.

O parque eólico de Pedras Negras forma parte dunha área de desenvolvemento eólica máis grande, a ADE do Morrazo, que en forma de triángulo abrangue 4300 has. de terreo afectado desde os montes de Lourizán -no límite entre os concellos de Marín con Pontevedra – até A Portela – no límite entre os concellos de Cangas e Bueu – pasando polo Outeiro da Cavada dos Terróns – no límite entre os concellos de Moaña e Vilaboa -. A proxectada “ubicación alternativa” doutros 21 aeroxeradores nesta ADE ameazaría no futuro tamén os altos da Encavada, Outeiro da Graña, Castiñeiras, Cotorredondo, Outeiro da Carballosa, Agudelo e Paralaia, ou sexa, as zonas máis altas da península morracense, e a afección da totalidade do espazo natural dos Montes do Morrazo e por engadido do Carballal de Coiro.

Na fase de información pública do proxecto, entre xaneiro e febreiro do 2012, presentáronse ao redor dun milleiro de alegacións individuais e colectivas (incluídas a desta Plataforma) e mais as dos propios concellos afectados polo parque eólico (Moaña, Marín e Vilaboa) xunto cos de Cangas e Bueu, afectados pola ADE do Morrazo, rexeitando o proxecto do parque eólico e solicitando a súa inviabilidade, retirada da declaración de utilidade pública, e a retirada así mesmo da Área de Desenvolvemento Eólico do Morrazo.

A comezos do 2012 o goberno central eliminou as primas que recibían as empresas eléctricas polo desenvolvemento das enerxías renovables, motivo polo que se produciu o desinterese paulatino das citadas empresas no sector e e que deixou sen xustificación económica o concurso galego aprobado no 2010.

O ministro de Industria, José Manuel Soria, anunciou que o goberno central non ten pensado investir en máis incremento de produción eléctrica nos vindeiros oito anos. Por outra banda, a propia Xunta abriu a posibilidade de desestimar os proxectos de parques eólicos que así o soliciten dentro do concurso eólico galego.

Desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo agardamos que a Xunta, a través da Consellería de Economía e Industria, informe desfavorablemente o proxecto do parque eólico de Pedras Negras dentro da súa tramitación definitiva, ou proceda no seu caso á desestimación por decisión da empresa promotora, Enel Green.

Como alternativa esiximos a repotenciación de parques eólicos xa construídos, a potenciación da enerxía solar, a autosuficiencia con infraestruturas máis modestas libre de monopolios empresariais e fóra de espazos naturais e protexidos, así como unha maior concienciación co aforro e a eficiencia enerxéticas.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s