Apoio ás accións legais emprendidas por Defende o Monte Pituco

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere amosar o seu rexeitamento ao parque empresarial no Monte Pornedo, incluído no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia (PSOAEG), así como tamén o seu apoio á Asociación Defende o Monte Pituco que vén de anunciar que impugnará este plan sectorial.

A Asociación Defende o Monte Pituco é unha das asociacións e entidades que maior oposición está a exercer contra a instalación do polígono industrial no Monte Pornedo, tendo xa interposto un recurso xudicial contra o PXOM marinense por este motivo. Co emprendemento de novas accións legais, desta volta contra o plan sectorial, esta asociación tratará de “protexer da impunidade e atropelo que pretende cometer a Xunta contra esta contorna tan sensible da xeografía marinense”.

Plataforma Loxística Marín-Pontevedra proxectada inicialmente no plan sectorial

Os argumentos que xustificarán o seu rexeitamento á inclusión do polígono no Monte Pornedo no plan sectorial son os mesmos argumentos técnicos e legais que se usaron como argumentación nas alegacións presentadas ao plan sectorial por esta plataforma, a Asociación Defende o Monte Pituco e outros colectivos sociais en marzo de 2012.

Nestas alegacións expuñamos como un dos principais motivos en contra deste parque empresarial ademais da súa riqueza natural, paisaxística e patrimonial, a súa situación dentro do Espazo Natural dos Montes do Morrazo, catalogado como solo rústico de especial protección de espazos naturais polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra, onde non están permitidos os usos industriais.

Destacabamos tamén que este espazo ten unhas pendentes superiores ao 35% e, xa na parte afectada polo polígono industrial proxectado, o 92% da superficie, ten un desnivel por riba do 15%, que é o límite fixado na “Guía de recomendacións Técnicas para o Proxecto Integral de Parques Empresariais de Galicia”, elaborada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo.

O Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais acabado de aprobar no seu estudo preliminar, encargado pola Consellaría de Medio, Territorio e Infraestruturas, incluía a plataforma loxística Marín-Pontevedra, cunha superficie de 279.364m2, promovida polo Instituto Galego de Vivenda e Solo. Finalmente no documento aprobado desapareceu a denominada plataforma loxística Marín-Pontevedra – xa na análise de viabilidade se caracterizaba pola súa baixa puntuación – ficando no plan, agora vixente, a parte marinense  coa denominación de polígono empresarial Marín-Pornedo.

Polígono Empresarial Marín-Pornedo aprobado finalmente no plan sectorial

A Xunta, en vez de restar da cifra total de metros cadrados que se proxectaban inicialmente a parte de Pontevedra que agora se rexeita no plan sectorial, o que fai é asumir como propio o polígono empresarial que xa estaba contemplado con anterioridade no PXOM marinense cunha superficie de 336.944m2.

Algo semellante ao ocorrido co polígono no Monte Pornedo tamén lle aconteceu no plan sectorial ao polígono na Cruz da Maceira que, incluído inicialmente como “parque empresarial Marín-Moaña, ilocalizado e con baixa puntuación, pasou finalmente a quedar integrado no PSOAEG só coa parte moañesa, malia resultar afectada outra área do Espazo Natural dos Montes do Morrazo.

Consideramos desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo que todo isto é unha estratexia argallada pola Xunta para pasar por riba da protección do espazo natural dos Montes do Morrazo. Pois, utilizando o carácter supramunicipal do plan sectorial, aprobou bolsas de solo empresarial a nivel municipal que doutro xeito, individualmente, non terían cabida dentro de solo rústico de especial protección de espazos naturais a nivel provincial, onde non están autorizados os usos industriais.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere salientar ademais que o PSOAEG carece da correspondente Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE) segundo a Lei 9/2006 sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio. Este proxecto está subordinado a unhas Directrices de Ordenación do Territorio (DOT), que tampouco foron sometidas a unha verdadeira avaliación ambiental estratéxica, e a un Plan de Ordenación do Litoral (POL) que non tivo en conta a importancia do Espazo Natural dos Montes do Morrazo que, xunto co Carballal de Coiro, pasan por ser os principais corredores naturais e ecolóxicos terrestres, con hábitats naturais e fauna e flora salvaxe de interese comunitario e mesmo prioritario, de conexión cos espazos costeiros da comarca, incluídos os catalogados dentro da Rede Natura dos LIC de Enseada de San Simón, Costa da Vela e Cabo Udra. Rede Natura que, por outra banda, xa plataforma solicitara tamén no 2012 a súa ampliación cun novo LIC que, co nome de Montes do Morrazo e Carballeiras do Morrazo, recollera os anteriores espazos naturais e outros ampliábeis  a nivel comarcal. Solicitude que a Xunta non tivo en conta, malia Galicia non pasar do 12% de territorio protexido, o máis baixo de todo o estado, e incumprindo as recomendacións da UE na materia.

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s