Sobre o abandono da rede de estradas primarias e secundarias do Morrazo

Estrada PO-551 na zona de Meira (Moaña)

Estrada PO-551 na zona de Meira (Moaña)

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere solidarizarse coa veciñanza e persoas usuarias da PO-551 ao seu paso polos concellos de Moaña e Bueu. Entendemos que as obras de parcheado por tramos, levadas adiante pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, están a xerar malestar polas molestias e mesmo perigo, tanto para a circulación de vehículos como para os viandantes, ao ficar na estrada multitude de grava polo pavimento.

Entendemos desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo que estas actuacións son unha mostra máis do abandono por parte da Xunta de Galiza das estradas locais. Estanse a reducir investimentos, actuar tarde e mal no mantemento destas estradas que, despois de anos de abandono, xa teñen o pavimento moi deteriorado en boa parte do trazado da estrada.

Temos que lembrar que a PO-551 é a principal estrada da rede primaria que comunica os principais núcleos de poboación da comarca e na que se veñen facendo chapuza tras chapuza, a destempo, con pouco orzamento e sempre en época estival para as persoas que nos visitan de fóra da comarca.

Estrada EP-1104 Abelendo-Coiro na zona Laxielas. Esta estrada comunica Moaña con Cangas polo interior.

Estrada EP-1104 Abelendo-Coiro na zona Laxielas. Esta estrada comunica Moaña con Cangas polo interior.

A situación das estradas secundarias, competencia da Deputación de Pontevedra, non é moito mellor e nin tan sequera se fan traballos de mellora e mantemento. A vexetación cubre as canalizacións da auga, a beiravía e mesmo invade os propios carrís das estradas.

Malia conformaren as estradas primarias e secundarias a maioría dos kilómetros de estradas no estado e en Galiza e seren as que dan accesibilidade e comunican os núcleos de poboación, tanto a admón. estatal como autonómica levan décadas deixando completamente abandonadas estas estradas, para facer grandes investimentos en vías de alta capacidade e transportes de mobilidade a longas distancias. Vías que conectan os grandes núcleos de concentración “urbanística e do capital” que supoñen un enorme e insustentable custe ambiental e económico (PIT e posteriormente PEIT a nivel estatal e actualmente Plan MOVE a nivel autonómico).

O Morrazo non é alleo a isto e a rede primaria e secundaria vén sufrindo o abandono por parte da admón. desde a construción e posterior posta en funcionamento do corredor de alta capacidade. Corredor que se pretende desdobrar para convertelo en autovía. Así os 61,2 millóns de euros (41,29 na 1ª fase e 19,80 para a 2ª) destinados para este desdobramento do corredor amosan ben ás claras cales son as prioridades da admón. autonómica e o porqué da precaria situación da rede de estradas primarias e secundarias do Morrazo.

Esta situación evidenciouse no Plan de Mobilidade Viaria do Morrazo, en exposición pública entre agosto e setembro do 2012, onde para os 60,7 kilómetros de actuación na rede de estradas da comarca, menos dunha terceira parte – 19,4 kilómetros da rede de “altas prestacións”, desdobramento do corredor mais a 1ª fase da variante de Marín – supuñan máis da metade do orzamento do plan, 98 dos 159 millóns de euros totais.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo alegou naquela altura solicitando a retirada do Plan de Mobilidade Viaría do Morrazo e contra a conversión en autovía do corredor do Morrazo. Considerabamos que este plan alén de ser ficticio e imposible de cumprir, imposibilitaba a consecución doutras alternativas máis sustentables.

Entre as alternativas que foron solicitadas estaban a vertebración, mellora e humanización das estradas existentes na comarca. Investindo o preciso para levar adiante carrís para vehículos pesados, máis espazos para autobuses, beirarrúas, pasos peonís, carrís bici e evidentemente na limpeza das marxes e restauración e mantemento do firme.

Consideramos que non é racional seguir cun proxecto de desdobramento do corredor que causará un novo e irreversible impacto nos montes e vales da comarca co fin de acoller e acomodar nunha maior vía de alta capacidade máis tráfico cara ás praias do Morrazo durante os tres escasos meses de verán, e con toda probabilidade causará tamén máis atascos dentro dunha penínusula sen máis saída que o océano.

Automóbiles aparcados nas proximidades da praia de Lagos (Bueu).

Automóbiles aparcados nas proximidades da praia de Lagos (Bueu).

As parroquias costeiras de Aldán, Hio e Beluso están a soportar desde hai anos, en especial desde a posta en funcionamento do corredor e da variante de Marín, unha presión urbanística e humana que está a causar danos ambientais na contorna natural máis próxima das praias e cantís mellor conservados da comarca, incluido o ámbito dos espazos naturais protexidos dos LIC de Cabo Udra e Costa da Vela.

As prometidas liñas de transporte marítimo ás praias no verán, como as ofertadas este ano polo concello de Cangas con empresas navieiras do sector, son só un parche mal posto xa que, ao noso entender, supoñen máis un negocio para as empresas que unha verdadeira solución ambiental, ao non se atallar a masificación das praias ao non diversificar as liñas por toda a ría e os necesarios enlaces con buses e microbuses en terra.

Se se ampliar finalmente o corredor a poboación seguirá utilizando o seu vehículo privado para se achegar por estrada as praias, cando o obxectivo debera ser máis ben ao contrario, a desincentivación do uso do automóbil privado en favor do transporte colectivo e de proximidade.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s