Denunciamos afeccións en hábitats naturais prioritarios e a falta de mantemento no sendeiro do rego da Miñouba

área de ribeira da Poza da Moura sen vexetación baixa

área de ribeira da Poza da Moura sen vexetación baixa

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organizou este pasado domingo, 13 de xullo, o 3º roteiro contra o desdobramento do corredor do Morrazo polo sendeiro municipal dos regos da Freixa e da Miñouba e no que arredor dun medio cento de persoas asistentes puderon comprobar in situ o estado do medio durante todo o percorrido da andaina.

Neste senso, malia considerarmos positivo e incluso necesario o desbroce e mantemento da matogueira – tanto para aproveitar a biomasa como para previr os lumes – lamentamos que a Comunidade de Montes de Domaio levase a cabo un desbroce e unha matarrasa da matogueira “higrófila” con tendencia turbosa existente na ribeira do rego da Miñouba, 100 metros lonxitudinais entre a Poza da Moura e os muíños de Pereira, que conforma o hábitat natural prioritario de uceiras húmidas atlánticas de zonas temperada de Erica Ciliaris e Erica Tetralix, incluído na Directiva Hábitats 92/43/CEE a nivel europeo.

Neste mesmo hábitat alén das especies Erica Ciliaris e Erica Tetralix – esta última coñecida como “breixo das brañas” – tamén se

desbroce área higrófila do rego da Miñouba

desbroce área higrófila do rego da Miñouba

viron afectadas outras especies como a Genista Berberidea, endémica de Galiza e o norte de Portugal, e dúas plantas insectívoras, a Drosera intermedia e a Pinguicula lusitánica, todas elas incluídas dentro do Catálogo de especies raras ou ameazadas de Galiza. Tamén se afectaron brións do xénero Sphagnum, moi importantes por ser os principais responsables da formación de chan turboso e de grande valor asociado ao medio acuático porque poden chegar a almacenar até 30 veces o seu peso seco en auga e polo tanto facer a función de almacén de auga nos veráns secos.

Este hábitat ademais de aparecer no inventario do concello de Moaña dentro do PXOM – aparecen catalogados o lugar e arredores como sólo rústico de protección de augas dentro do espazo de elevado valor natural do ámbito da Poza da Moura – tamén sae mencionado nos libros que o propio concello editou no ano 2007 de guía e divulgación do sendeiro dos regos da Freixa e da Miñouba.

dentabrú afectado por desbroce á beira do rego da Freixa

dentabrú afectado por desbroce á beira do rego da Freixa

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo lamenta tamén o excesivo ancho do desbroce nalgúns tramos á beira do sendeiro do rego da Freixa, onde se afectaron varios pés de dentabrú (Osmunda regalis), fento macho (Dryopteris filix-mas) e fento femia (Athyrium filix-femina) até a beira do propio rego, dentro da flora de maior valor botánico e paisaxístico que conforma o hábitat natural ribeirán deste rego, que posúe as características bioxeográficas doutro hábitat natural prioritario, o de bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior da Europa temperada.

Desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo queremos salientar ademais que este vindeiro domingo 20 de xullo está organizada unha proba deportiva, o I Trail da Moura, que transcorrerá por estas zonas correndo ou andando, e que pode constituír, de non ser controlada, unha nova agresión a estes hábitats.

camiño do Prado invadido por acacia de madeira negra

camiño do Prado invadido por acacia de madeira negra

Por outra parte durante o percorrido do roteiro as e os participantes puderon comprobar tamén a falta de mantemento no tramo do rego da Miñouba, entre o camiño do Prado e o cruceiro do Carballo do Raposo, onde alén de haber vexetación moi alta tamén existe unha invasión de canas (Arundo donax) e acacias de madeira negra (Acacia melanoxylon) que se adentran no sendeiro e chega até o propio rego.

Cómpre lembrar neste senso que o concello de Moaña investiu entre os anos 2008 e 2009 fondos públicos propios e procedentes de Europa, relacionados coa Rede Natura 2000 – o rego da Miñouba desemboca no LIC da Enseada de San Simón – para arranxar o pavimento empedrado do camiño do Prado até a ponte e muíño do Rial e controlar presenza de especies alóctonas e invasoras.

A falta de mantemento deste camiño xunto cos que transcorren polos lugares do Soutiño e do Barquiño até o citado cruceiro do Carballo do Raposo supón non só un agravio para a contorna ambiental e etnográfica da zona, senón tamén para as e os sendeiristas e para moitas e moitos veciños que o utilizan como sendeiro, para o acceso ás leiras de cultivo da zona e como alternativa peonil ao tránsito pola estrada de San Bieito-Verdeal.

Malia todo isto, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere deixar tamén claro que a maior ameaza para a contorna na parroquia de Domaio é a ampliación en autovía do corredor de alta capacidade do Morrazo. Esta ampliación conlevará máis e impactantes desmontes, movementos de terras, recheos, tuneis, viadutos, cortes nas capas freáticas do solo e os acuíferos, contaminación acústica, atmosférica e hídrica. O desdobramento conformará unha nova barreira artificial para a fauna e a flora e para o tránsito das persoas, ademais das xa provocadas polo actual corredor, que afectarían de xeito grave e irreversible unha vez máis o leito, a área natural de ribeira, o conxunto etnográfico de muíños, a Poza da Moura e fervenza e o propio sendeiro dos regos da Freixa e da Miñouba, tamén o abrupto relevo da Costa do Cabido, a área integral de protección do castro da Idade de Ferro de Montealegre, e por proximidade o espazo natural protexido do LIC da Enseada de San Simón.

O desdobramento e as súas consecuencias virán engordar un modelo de infraestruturas de transporte globalizado moi custoso e insustentable baseado na mobilidade a medias e longas distancias e en favor dunha maior utilización do tamén custoso e contaminante automóbil privado, aviados no seu conxunto e desde hai tempo, coincidindo co tope na produción de combustibles derivados do petróleo, ao colapso e o absoluto fracaso.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s