E seguimos dicindo: parque eólico no Morrazo, non!!!

IMG_3093

Veciñanza do Morrazo nun roteiro contra o proxecto de parque eólico nos montes da comarca.

Perante as recentes declaracións feitas no Morrazo polo presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, nas que afirma que a Xunta “continuará co desenvolvemento do concurso eólico pero cunha disminución de aeroxeradores, que permitirá un menor impacto visual, pero con máis potencia” desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo queremos responder:

Para a plataforma non existe ningunha xustificación para seguir coa tramitación do concurso eólico, enchendo con máis e impactantes parques eólicos o territorio, ao ter Galiza xa cubertas as áreas con maior potencialidade eólica e ser excedente en produción de electricidade, incluída a eólica. De feito, nos últimos anos moitos dos parques eólicos xa instalados tiveron que paralizar varias veces o seu funcionamento nos picos de produción de electricidade para non sobrecargar a rede eléctrica.

Por outra banda, no que respecta á diminución do número de aeroxeradores nos proxectos de parques eólicos a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, se esta proposta afectar tamén ao proxecto de Pedras Negras, seguirá a estar en contra deste proxecto. Cada un dos 14 aeroxeradores proxectados inicialmente, cunha potencia de 3MW, xa causan un impacto paisaxístico enorme. A altura de 119m de fuste destes aeroxeradores sumada aos 112m do diámetro de rotor das pas – 175 metros en total de alto- situados na zona máis alta da península do Morrazo – entre os 450 e os 600 metros de altitude- faría visible este parque na práctica totalidade das Rías Baixas, en varias zonas do interior da provincia, en Portugal e no Parque Nacional das Illas Atlánticas en mar aberto.

Alén disto, tamén hai que ter en conta outros impactos no medio como o da cimentación e explanada de montaxe(1) que precisa cada aeroxerador xunto coa apertura e ampliación de viais – 17,302km – para transportar con trailers articulados as enormes pezas dos aeroxeradores.

A Xunta con esta proposta ou ben pretende enganar a poboación ou ben amosa unha falta de coherencia abraiante. Para lle dar máis potencia a un parque con menos aeroxeradores, habería que aumentar o volume e altura dos aeroxeradores que se instalen e, xa que logo, a suposta redución de impacto visual e no medio ficaría en nada.

E se a potencia total a instalar, 42MW, tampouco se reduce, seguiría sendo preciso tamén a instalación dunha subestación eléctrica á que lle habería que sumar alén do impacto paisaxístico e ambiental, o impacto electromagnético dos complexos de antenas de telecomunicacións nos altos de Monte Faro e Coto do Home.

Outros impactos que provocará o parque eólico, sexa cal for o tamaño dos muíños, serán o acústico, a alta probabilidade de mortandade de aves e morcegos, os socioeconómicos derivados da afección a explotacións forestais e traídas de auga potable, as socioculturais pola afección a áreas recreativas e de protección arqueolóxica, sendeiros e puntos de despegue e voo do parapente.

Non podemos nin debemos esquecer tampouco que ademais dos 14 aeroxeradores proxectados no parque eólico de Pedras Negras, hai outras 21 propostas alternativas de muíños planificadas dentro da área de desenvolvemento eólico do Morrazo que, abranguendo a práctica totalidade das cimas da comarca dentro dos espazos naturais dos Montes do Morrazo e do Carballal de Coiro, causarían máis impacto.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo rexeita o proxecto do parque eólico en Pedras Negras, sexa cal for o número ou altura dos aeroxeradores, e denuncia que o goberno do PP na Xunta de Galiza só busque unha vez máis favorecer coas súas políticas neoliberais os intereses económicos e privados de multinacionais que como Enel Green, no caso de Pedras negras, están á espera da autorización administrativa e rebaixas de impostos e bonificacións fiscais para actuar de xeito insustentable por riba da debida e legal protección urbanística e ambiental existente (solo rústico de especial protección de espazos naturais, de augas e patrimonial, hábitats naturais proritarios e de interese comunitario e fauna e flora salvaxe endémica, ameazada e vulnerable).

Malia as declaracións da Consellaría de Industria da semana pasada, onde indicaba que era a empresa a que tiña que responder as alegacións, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo esixe que a Consellaría, á quen diriximos as nosas alegacións, responda ao alegado pois é esta a competente tal como indicaba o propio procedemento administrativo na fase de información pública. A súa negativa a facelo entenderiase por parte desta plataforma como unha deixadez de funcións.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo demanda como alternativa sustentable, e por orde de prioridades, unha maior eficiencia e o aforro enerxético, xunto coa modernización e repotenciación, coa debida avaliación ambiental, nos parques eólicos existentes. No caso de se instalar novos aeroxeradores, demandamos que sexan de moita menor envergadura, fóra do formato de parque eólico e de espazos naturais protexidos, preto ou dentro de núcleos urbanos e de autoxestión individual ou comunitaria libre de monopolios das empresas multinacionais privadas do sector eléctrico. Ao mesmo tempo e como complemento reclamamos que se potencie e desenvolva a enerxía solar autoxestionada, individual ou colectivamente, libre de monopolios empresariais.

Por outra banda, durante este outono e inverno a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo está a programar novas actividades para dar a coñecer a riqueza natural, paisaxística e arqueolóxica dos Montes do Morrazo e contorna, contra o perigo que supón para a súa integridade o parque eólico de Pedras Negras e a área de desenvolvemento eólico do Morrazo, os polígonos industriais, o desdobramento do corredor, proxectos mineiros, infraestruturas de telecomunicacións e outros proxectos que ameazan con converteren os montes da comarca nunha enorme franquía industrial.

(1) 20 m. de diámetro, 2,65 m. de canto, cun pedestal macizo de formigón, de planta circular de 4,8 m. de diámetro e 0,48 m. de altura de cada aeroxerador e baixo unha explanada e plataforma de montaxe dunhas dimensións mínimas de 46 x 60 cunhas afeccións de 70 x 92m semellante ao tamaño dun campo de futbol.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s