Non ao desdobramento do corredor do Morrazo!!!

Perante as declaracións da Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, nas que asegura que o proxecto de desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade do Morrazo vai ser licitado para mediados do 2015, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo resposde que:

Despois de ir incumprindo os prazos de proxección desa obra dende o 2010, esta nova proxección non deixa de ser outra especulación por parte do goberno do PP na Xunta e con claros fins electoralistas diante das eleccións municipais previstas para o 24 de maio do vindeiro ano.

Está incumprir os prazos de execución segundo o Plan MOVE, aprobado polo propio goberno “popular” da Xunta, que remata precisamente o 2015.

E só lle queda intentar pregarse até o ano 2020 aos prazos do insustentable Plan Estratégico de Infraestructuras de Transporte (PEIT), a nivel estatal.

Non lle damos ningún crédito a que o desdobramento sexa libre de peaxe, xa que logo, nunca se vai librar de xeito directo ou indirecto.

A Plataforma denuncia como auténtico despilfarro que a obra sexa financiada con fondos públicos, xa que o desdobramento do corredor non solucionará os problemas de seguridade viaria e menos aínda de fluidez na circulación senón que, como está dabondo demostrado, os agravaría cun suposto efecto chamada que incrementaría unha vez máis o parque automobilístico nas estradas morracenses e acarrexaría máis colapsos nas estradas menores da rede primaria e secundaria dentro dunha península sen máis saída que o océano.

O gasto nesta obra é ademais maior que a doutras obras similares en Galiza, xa que a orografía morracense é moi desfavorable e as dificultades técnicas son moito maiores. A este gasto tamén habería que lle engadir, alén do impacto xerado pola construción do corredor, o custo do seu posterior mantemento. E tamén os arranxos dos derrubamentos de noiros deste ano, que tal e como denunciabamos daquela superaría ao final o millón de euros, e con toda probabilidade non evitará que no futuro haxa máis derrubamentos, como de feito se leva producindo dende a propia posta en funcionamento do corredor.

Por outra parte, tal e como xa tamén denunciabamos daquela, os prazos de entrada en funcionamento do plan de implantación do transporte metropolitano, que se especulaba ía ser para xuño deste ano, ao final tampouco se están a cumprir, e aos poucos vai entrando a formar parte tamén da campaña electoral das vindeiras municipais.

Saia o que saia dese Plan, non vai solucionar os problemas da precariedade, deficiencias e falta de usuarias e usuarios do transporte colectivo, xa que mentres non se escatiman grandes gastos con fondos públicos para o proxecto de desdobramento do corredor do Morrazo ou da ampliación da AP-9 na ponte de Rande, os orzamentos para a implantación do transporte metropolitano sempre van ser escasos. Un modelo de transporte é incompatible co outro, así mentres se siga incentivando o uso do automóbil privado -un dos principais axentes causantes da mudanza climática polas altas emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera- nunca se vai recuperar e potenciar nas debidas condicións o alternativo e máis ecolóxico transporte colectivo.

Tampouco solucionaría os problemas xerais do transporte colectivo para o Morrazo xa que o plan de transporte metropolitano só busca unha maior dependencia a nivel suburbio coa cidade de Vigo deixando completamente de lado o transporte a nivel intercomarcal.

A Plataforma denuncia que o corredor, produto do deficiente mantemento, está quedando sen arame de protección en moitos dos seus tramos, co perigo de entrada de fauna, atropelos ou mesmo siniestralidade viaria. Este deterioro dos valados de protección é producido polo rápido e vasto crecemento de vexetación utilizada na fixación de noiros e beiravías. Grande parte dela é alóctona e invasora, en especial acacias e herba da pampa, que están a espallarse máis alá do ámbito da propia estrada, afectando a carballeiras e nacendo mesmo baixo os eucaliptais, potenciando o seu carácter pirófito no caso de lume forestal.

Esta plataforma lembra que o desdobramento está a ser tramitado cun trazado, modificado nun 30% con respeto ao inicial, sen realizar a correspondente avaliación de impacto ambiental, baixo a xustificación dunha declaración de impacto ambiental do ano 2001 realizada para unha vía rápida de dous carrís, no que a Administración autonómica incorreu en arbitrariedade e fraude de lei, sen garantir o cumprimento do obxectivo e finalidade dese instrumento de protección, autorizando finalmente a execución dunha obra cun estudo de impacto deficitario e carente de contido que non garantiu a correspondente e axeitada protección do medio ambiente, patrimonio e os recursos naturais, entre eles os dos espazos naturais dos Montes do Morrazo e do Carballal de Coiro.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s