A mudanza climática global e o seu impacto nos ecosistemas locais

001Nos últimos días do verán os medios de comunicación facían un pública unha sorprendente nova que informaba sobre a suba da temperatura das augas oceánicas das Rías Baixas, chegando mesmo a ser máis alta que a do propio ar atmosférico que respiramos. Non foron poucas e poucos os veciños que acolleron con ledicia a nova pois estas temperaturas prolongaban os saudábeis baños da tempada.

Porén, as instancias científicas informaban que este feito, a suba das temperaturas, indicaba unha alteración máis das que están a sufrir os ecosistemas mariños e a súa biota. Estas temperaturas, segundo apuntaron os propios científicos poderían ser a causa da aparición prolongada e violenta dos episodios de biotoxinas que afectaron durante todo o verán os bivalvos, non permitindo o seu uso como alimentación humana.

Detrás desta suba das temperaturas pode estar a aparición e persistencia dos ventos do sur cando o normal no verán sempre é que predominen os ventos do norte ou do oeste. Estes ventos, en especial os do norte, xunto coas correntes -en especial a do Golfo de México- e o efecto Coriolis, son os que provocan que as augas teñan a temperatura baixa, xeran a aparición de afloramentos mariños e, xa que logo, unha explosión no desenvolvemento da flora e fauna, que en grande parte son destinados a seren recursos alimentarios, fertilizantes, mediciñais, cosméticos… para o ser humano, dentro dunha das zonas máis senlleiras e produtivas do planeta, as rías galegas.

Coa entrada do outono, e xa a mediados de outubro, estes ventos do sur seguen a ser persistentes, nesta época máis normais, mais as temperaturas da auga non baixan con respecto ás temperaturas que deberan ser nomais para a estación outonal. E están asociados á aparición do que desde hai un tempo se lle ven denominando tecnicamente como “cicloxéneses explosivas”.

Estas cicloxéneses explosivas, cada vez máis habituais e que aperecen con maior frecuencia, son outro bioindicador da mudanza climática asociada ao quecemento global do planeta.

Estes ventos e temperaturas, alén de provocar as cicloxéneses, tamén traen consigo chuvas torrenciais que provocan asulagamentos e inundacións no continente afectando o propio ecosistema mariño, onde parte da biota existente na ribeira do mar, mesmo a cultivada polo ser humano, remata morrendo pola perda de salinidade e a alteración das condicións bioquímicas do medio precisas para o seu desenvolvemento natural.

No inverno pasado xa vimos como estes episodios cada vez máis frecuentes de “cicloxéneses” unidos á subida global do nivel do mar (outra consecuencia do quecemento global a través do desxeo dos polos planetarios) estragaron paseos marítimos e mesmo dunas das praias.

Mais isto non é todo, pois o que máis incrementa o impacto ambiental é a pegada da actividade humana no medio (verteduras residuais, orgánicas e industriais sen depurar; urbanizacións enriba da ribeira dos ríos e do mar; recheos e espigóns portuarios; perda do solo fértil e permeable baixo o cemento e chapapote; plantacións forestais con monocultivos como o eucalipto que empobrecen o solo, reducen a biodiversidade e teñen propiedades pirófitas que axudan á propagación dos lumes forestais; sedimentación mariña tras os arrastres de terras e cinsas despois dos lumes…).

As principais causas da mudanza climática, xa que logo, débense á actividade humana, principalmente á emisión de grandes cantidades de gases de efecto estufa, en especial pola actividade industrial e o transporte, que se xeraron nas últimas décadas e que se vén acumulando desde o principio da denominada “revolución industrial” hai máis de dous séculos.

Despois de se incumpriren de xeito flagrante en todo o mundo as medidas correctoras de emisións acordadas no protocolo de Kyoto, nadas no Cumio da Terra de Rio de Janeiro en 1992, nun recente congreso celebrado en New York non se foi capaz de chegar a ningún principio de acordó que axude a mitigar os efectos dunha mudanza climática que pode ser desastrosa para a propia supervivencia humana (entre os máis graves para as nosas latitudes podería estar a desaparición progresiva até a súa totalidade da influencia oceánica da corrente do Golfo de México).

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo protestando contra os parques eólicos e industriais nos Montes do Morrazo

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo protestando contra os parques eólicos e industriais nos Montes do Morrazo

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo vén rexeitando desde o comezo da súa actividade proxectos e infraestruturas que, alén de ameazar con grandes impactos o medio natural, colaborarían a incrementar os efectos da mudanza climática. Entre estas infraestruras estarían:

1. O desdobramento do corredor de alta capacidade do Morrazo que favorecería o incremento do uso do automóbil privado e, xa que logo, xeraría máis gases de efecto estufa na atmosfera.

2. Os parques industriais no Monte Pornedo e na Cruz da Maceira ademais de afectar á concas e nacementos de regos tamén producirían a destrución do solo, capa vexetal e arborado necesarios como sumidoiro e almacenamento natural de CO2.

3. Proxectos mineiros en Miñán e Os Pedrouzos que ameazan con contaminar o ambiente e destruír o solo, os acuíferos e a retención hídrica.

4. O parque eólico en Pedras Negras, onde os inconvenientes -erosión do solo, perda de capa vexetal e arborado, alteración da paisaxe, mortandade de fauna,…- superan aos supostos beneficios ambientais que tería como fonte de enerxía renovable, dentro dun territorio que é xcedentario en produción de electricidade, incluída a procedente da enerxía eólica.

Por iso, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo vén solicitando como alternativa máis respectuosa co medio a potenciación do transporte colectivo, os carrís bici, a autoxestión dos recursos e sobre todo a eficiencia e o aforro enerxética.

Consciente de que é preciso decrecermos para ter un planeta vivo e termos unha vida digna tamén reclamamos planeamentos urbanísticos descentralizados baseados na realidade demográfica, social e cultural, na proximidade e fóra de toda especulación, ao contrario de como se veu e aínda se vén realizando na actualidade. Plans que non pretendan concentrar a poboación e a socioeconomía en megaurbes metropolitanas conectadas a través de megainfraestruturas de transporte a medias e longas distancias. Este modelo, que nós rexeitamos, é o fiel exemplo desa globalización insustentábel que se serve da sobreexplotación mundial dos recursos naturais e enerxéticos, e ao mesmo tempo do empobrecemento humano e da transmisión de enfermedades víricas e pandémicas a escala planetaria.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s