Nota de prensa: A INSUSTENTABILIDADE DO DESDOBRAMENTO DO CORREDOR DO MORRAZO

viaduto do rio Miñouva e o núcleo poboacional de Calvar.A Xunta de Galiza vén de facer públicos os orzamentos para o ano 2015 nos que inclúe unha partida de 2 millóns de euros para o proxecto de desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade do Morrazo.

Se compararmos esta partida cos 80 millóns de euros destinados á autovía da Costa da Morte, cun modelo de concesión insustentábel e cun canon de demanda ou peaxe na sombra, como o utilizado na construción das autovías do Barbanza e do Salnés, podemos concluír que a Xunta non posúe fondos públicos para levar adiante a xestión destas infraestruturas. Pois alén dos altos custos que ten a súa construción, tamén hai que ter en conta os custos do seu posterior mantemento.

Como xa dixeramos, desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, o desdobramento do corredor está a incumprir os prazos de execución, algo que vén sucedendo desde o ano 2010, e amosa que a financiación a prazos anuais máis alá do 2018 – con data de remate sen concretar – fai pensar que dificilmente se vaian cumprir. Xa que logo, estes 2 millóns de euros que agora destina a Xunta para a licitación, inicio de obras e expropiación, sen concretar nin inicio nin tramo, é na realidade unha cortina de fume diante da celebración das eleccións municipais de maio do ano 2015.

P1550477Por outra banda, a licitación da realización dun estudo xeotécnico do trazado, entre o enlace de Moaña e o de Cangas, vén confirmar a nosa denuncia de abril, cando se produciron os derrubamentos de noiros do corredor, sobre a súa ausencia na Declaración de Impacto Ambiental do 2001, na que se baseou a Xunta para eximir no ano 2012 a realización dunha Avaliación de Impacto Ambiental ao proxecto de desdobramento.

Sen a correspondente avaliación de impacto ambiental, e lembrando que o proxecto de desdobramento foi modificado no ano 2012 nun 30% con respecto ao proxecto inicial, agora fanse uns estudos ao chou que probabelmente non resolvan posíbeis e futuras modificacións e o consecuente aumento dos orzamentos inicialmente aprobados de 41,2 millóns de euros. Continuaría así o desbaldimento de máis fondos públicos, cercano xa aos 100 millóns de euros.

A autovía da Costa da Morte é un proxecto que comezou a proxectarse a inicios da década pasada, despois do desastre ambiental do embarrancamento diante das costas galegas do Prestige, dentro do que foi denominado naquela altura como “Plan Galicia”. Pensada daquela primeiro como “vía rápida”, polo goberno autonómico do PP, e posteriormente como autovía, polo bipartito PSOE-BNG, para lle dar unha alternativa de desenvolvemento económico e postos de emprego á zona, ao final non se cumpriron as expectativas. A autovía, realizada até a actualidade por tramos dada a insolvencia económica das empresas ás que se lle adxudicou as obras, parte en realidade dun planeamento autonómico desenvolvementista que supuxo outra “marea negra”, a do chapapote en terra, que trouxo consigo máis e maiores autovías para o territorio galego co fin de facilitar a especulación urbanística, residencial e industrial, na costa, paralizado en grande parte pola crise financeira e económica de finais da década pasada provocada precisamente polos sectores da construción e inmobiliario.

O mesmo ano do desastre do Prestige foi tamén cando se comezou a construír o corredor de alta capacidade do Morrazo. Este, proxectado inicialmente tamén como unha vía rápida e que proviña de planeamentos da década dos noventa do século pasado, malia o rexeitamento social maioritario, supuxo ao final un enorme custo económico e ambiental. Ao pouco tempo de se pór en funcionamento comprobouse que este corredor era, e é, inútil para resolver os problemas de fluidez e capacidade de tráfico comarcal -máis ben os incrementou-, e co paso do tempo chegou mesmo a xerar unha alta sinistralidade, da que nunca se depuraron responsabilidades técnicas e políticas.

O seu desdobramento en autovía, e por tramos, ademais dun maior impacto no territorio, espazos naturais, fauna e flora, áreas de protección arqueolóxica,… non vai solucionar os problemas de capacidade e seguridade senón unha vez máis incrementalos ,ou no seu caso, dado o descenso xeral de utilización das autovías nos últimos anos, non tería utilidade.

Ao pensar da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo o debate non está en se se debe facer ou non unha autovía, en base ao número de futuríbeis persoas usuarias, senón que entende que hai que paralizar definitivamente a construción de máis autovías no territorio galego. Para alén do enorme impacto ambiental que estas producen, se compararmos o custo económico destas, podemos comprobar tamén como é superior ao doutros territorios do estado. Este modelo de transporte e desenvolvemento, claramente insustentábel e perxudicial para o medio e as socioeconomías locais, tamén está a alterar de xeito irreversíbel o clima, esgotar os recursos naturais e enerxéticos existentes, e afectar gravemente a propia estrutura e estabilidade da codia terrestre a nivel planetario.

Desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo lamentamos que, polo contrario e como era de prever, a Xunta de Galiza non contemple os orzamentos necesarios para a necesaria vertebración, mellora e humanización da rede comarcal de estradas existentes e para a potenciación e implantación dun transporte público e colectivo a nivel metropolitano e intercomarcal, como auténtica alternativa sustentábel, e que máis ben cedo que tarde non quedará outro remedio que implantar dentro dun modelo baseado no decrecemento, na proximidade, na autoxestión, no baixo consumo dos recursos e no aforro e eficiencia enerxética.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s