A PDMM apoia manifestación do 22 de novembro. Que non nos rouben os nosos montes

cartel maniA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere facer público o seu apoio á manifestación convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) baixo a cabeceira QUE NON NOS ROUBEN OS NOSOS MONTES, para o sábado 22 de novembro, con saída ás 12 da mañá da estación do tren de Santiago de Compostela,

Desde a PDMM rexeitamos a Disposición Transitoria Novena da nova Lei de Montes de Galiza (Lei 7/2012) por obrigar a aquelas comunidades de montes que, tendo convenios ou consorcios, en agosto de 2016 non teñan pagadas as súas débedas estarán obrigadas a asinar un contrato cunha empresa forestal privada. Segundo denuncia a ORGACCMM a Xunta con esta lei prepara o roubo legal dos montes en man común.

Tendo en conta que a propia administración forestal dependente da Xunta non adoita presentar as contas de xeito claro e carga despois a responsabilidade nas e nos comuneiros, ao noso pensar, non habería ningunha razón legal, xurídica ou técnica que impida condonar as débedas do monte veciñal conveniado ou consorciado, pois a mesma Lei de Montes estatal (Lei 43/2003) permite a condonación da débeda dos montes con convenio ou consorcio, sempre que o titular da terra se comprometa a xestionala mediante un instrumento de xestión.

Coa nova lei autonómica de montes a Xunta ten a clara intención de privatizar o monte comunal para favorecer os intereses económicos e produtivistas das grandes empresas e multinacionais madeireiras e macroenerxéticas de incineración de biomasa ou fabricación de pasta de papel. Industrias como ENCE, situada de xeito ilegal e lesivo para o medio enriba da marisma de Lourizán, na ría de Pontevedra, e cuxas actividades están baseadas na continuidade, incremento e intensificación dos monocultivos forestais con máis especies alóctonas e invasoras de rápido crecemento (eucalipto, acacia de madeira negra, mimosa, falsa acacia, pawlonia, liquidambar, liriodendron, …). Isto, xunto cunha previsible maior mecanización e desenvolvemento de infraestruturas para o transporte pesado para soster esta industria, vai contra a biodiversidade, multifuncionalidade e a xestión sustentábel dos montes – públicos, comunais ou privados- como recurso natural.

Para a PDMM o monte comunal que ocupa un terzo do territorio galego – no Morrazo o 45% da superficie forestal- é unha forma de organización e xestión milenaria – propia e única do territorio galego e norte de Portugal- baseada no dereito xermánico, o asemblearismo e a autoxestión veciñal da propiedade, cunha salientábel importancia social, económica e ambiental. Recuperada despois de 40 anos de usurpación estatalista en mans dos concellos durante o franquismo, supón un modelo de xestión dos montes digno de defender e apoiar malia o monopolio e malfacer no que algunhas xuntas directivas dexeneran. Pois tampouco podemos negar, que determinadas comunidades de montes teñen unha visión produtivista deste, abusando dos monocultivos, cedéndoo para usos industriais e outros que non teñen que ver coa xestión forestal, e mesmo impedindo ou obstaculizando a participación veciñal entre outras eivas a corrixir.

Polo tanto, desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo animamos a veciñanza en xeral a apoiar e defender o monte comunal – que ao mesmo tempo significa defender o monte en xeral- contra as políticas neoliberais que pretende aplicar no ámbito forestal a Xunta de Galiza. Unha Xunta de Galiza cómplice do mercantilismo e produtivismo salvaxe das grandes empresas e multinacionais do sector forestal e enerxético que está a estragar o noso medio e pretende incrementalo cun modelo insustentábel, espoliador de recursos e externalizador da economía.

Do mesmo xeito esiximos da Xunta de Galiza o abandono das políticas ambientais economicistas e a posta en andamento de medidas precisas e serias para conservar os nosos montes intactos da especulación, do incremento dos monocultivos forestais e dos lumes forestais, onde detrás están moitas das especies de rápido crecemento como propagadoras dado o seu carácter tamén pirófito -en especial eucaliptos e acacias-.

Así mesmo esiximos tamén da Xunta que paralice a intensificación na corta de arborado autóctono con especies frondosas de máis lento crecemento -carballos, castiñeiros, bidueiros, ameneiros, salgueiros,…- que se está producir nos últimos anos, no que ademais do prexuízo ambiental, social e económico, incluído a desprotección do medio, vemos tamén unha estrategia máis de achanzar o camiño para a introdución e incremento posterior dos insustentábeis monocultivos coas especies de rápido crecemento.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s