Roteiro pola protección das carballeiras de Pastoriza e o Outeiro de Campolongo

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 14 de decembro un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural das carballeiras de Pastoriza e do espazo natural de Outeiro de Campolongo.

roteiroO roteiro, terceiro e último deste outono, será circular e sairá ás 11 h. do aparcamento da entrada de Pastoriza (Marín) para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por viais rurais, camiños de pé, corredoiras, pista forestal e partes do sendeiro GR-59 de longo percorrido do Morrazo polos lugares de Pedra da Pousa, área de ribeira do rego das Gorgadas, Outeiro de Campolongo, Os Sobrosos e Pastoriza.

Os puntos de maior interese son o núcleo rural de Pastoriza, carballeiras galaico portuguesas e bosque aluvial de ribeira con bidueiral do rego das Gorgadas, área de espazo aberto con xesteira, toxeira, mato higrófilo e amplas panorámicas de Outeiro de Campolongo (418 m.) sobre a ría de Pontevedra e tralo espazo natural dos Montes do Morrazo, sobreiras de Os Sobrosos.

Por considerármolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, a Plataforma solicitou á Xunta de Galiza en marzo do 2012 a inclusión dos montes da parroquia de Ardán, onde se encravan tamén as carballeiras de Pastoriza e do rego das Gorgadas, máis o espazo natural de Outeiro de Campolongo-Monte Cernello, pertencente aos montes da parroquia de Ardán e así mesmo da de Santo Tomé de Piñeiro, como ampliables á proposta de ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro.

Baseabamos esta petición na mistura dos hábitats de interese comunitario de carballeiras galaico-portuguesas cos hábitats naturais prioritarios de bosque aluvial de clima atemperado e beixeiras húmidas atlánticas e a importante fauna e flora, con endemismos e especies vulnerábeis e ameazadas asociada aos ecosistemas forestais e húmidos dos montes de Ardán máis a importancia das 83 has. do espazo natural de Outeiro de Campolongo/Monte Cernello integrado nun inventario de hábitat de comunidades vexetais do Ministerio de Medio Ambiente, con varios hábitats de interese comunitario de beixeira oromediterránea, uceiras secas e vexetación pioneira en rochedais silíceos, e na existencia de matogueira higrófiloturbosa con hábitat natural prioritario de breixeiras húmidas atlánticas, de grande importancia botánica máis tamén entomolóxica e ornitolóxica a través da fauna asociada, con varias especies ameazadas, vulnerábeis e mesmo escasas no Morrazo e en Galiza.

Estes montes están catalogados na actualidade como solo rústico de protección forestal, de augas, patrimonial ou paisaxístico e ao noso entender non se corresponde cunha protección adecuada para o seu auténtico auténtico valor ambiental que debe ir máis alá que dun simple inventario.

As principais ameazas e mesmo afeccións que desde hai anos se cernen sobre estes espazos naturais son os monocultivos forestais, eucaliptización e introdución doutras especies alóctonas, pirófitas e invasoras, cortas de arborado autóctono, apertura de pistas forestais, verteduras de lixo, terras e entullos, plantacións arbóreas enriba dos espazos abertos e inventariados de matogueira, masificación de infraestruturas de telecomunicacións, …

Para se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada PO-313 Marín Moaña até a altura do seu kilómetro 8 no lugar da Cruz da Maceira, onde hai que coller o desvío á dereita, vindo de Marín, ou á esquerda, vindo de Moaña, onde existen dous sinais que poñen Pastoriza 1 (kilómetro), para seguindo o vial asfaltado dar finalmente coa zona de aparcamento á entrada do núcleo rural, arredor de onde existe unha marquesiña de parada do bus e unha illeta de colectores do lixo.

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado apropiados para a estación outonal.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s