A Xunta licita o primeiro subtramo do desdobramento do corredor do Morrazo

Diante do anuncio por parte da Xunta de Galiza da licitación do primeiro subtramo do proxecto de desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade do Morrazo, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo considera, unha vez máis, que esta licitación se trata dun acto electoralista, pois supón unha novena parte -2 millóns de euros- do orzamento das obras deste primeiro subtramo -18,3 millóns de euros- que ao mesmo tempo é unha terceira parte do orzamento de todo o proxecto do desdobramento cos tres subtramos proxectados -41,29 millóns de euros-.

Esta licitación supón un desbaldimento de fondos públicos que engadidos aos xa gastados na redacción das obras suporía unha ínfima parte sen case repercusión nestas.

O inicio deste subtramo suporá unha hipoteca máis de cara ao vindeiro ano por unha obra que, de realizarse, non significaría ningún adianto nin mellora na mobilidade viaria. Polo que ao pensar da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo detrás deste subtramo só subxacería unha vez máis a especulación urbanística, xa que ao estar o seu remate preto da redonda do cruce de San Lourenzo, beneficiaría unicamente, como vía de enlace, ao proxecto elitista da urbanización do campo de golf de Domaio que, de xeito ruinoso e impactante, se está a xestar nos montes da parroquia dende principios dos anos noventa do século pasado.

O túnel proxectado ao Sur do actual, ao inicio do trazado, afectará severamente á área integral de protección do castro e petróglifos de Montealegre, catalogado Ben de Interese Cultural de Galicia, incumprindo de novo a modificación que o obriga a desprazar cara ao Norte esixida polo estudo informativo da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto da vía de alta capacidade do Morrazo Rande-Cangas do ano 2001. A Plataforma lembra que o citado xacemento arqueolóxico foi afectado directamente nos extremos polas actuais bocas de entrada do túnel do corredor, feito que volvería suceder co segundo túnel do desdobramento alén de correr o risco de corremento e derrubamentos de terras en superficie ao transcorrer os túneis por debaixo do núcleo central do xacemento.

O viaduto da Moura transcorrería ao Norte do actual polo que se ubicaría máis preto da poza da Moura, supoñendo unha meirande afección a súa contorna paisaxística, ambiental e cultural dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo.

A construción dun novo recheo na parte final do subtramo suporía unha nova afección ao conxunto de muíños do rego da Freixa, incumprindo así mesmo a DIA do ano 2001 que obrigaba a substituílo por un viaduto.

Debido a súa proximidade tamén afectaría, e de forma apreciable por contaminación atmosférica, acústica, verteduras de terras, etc., tal e como sucedeu no pasado coa construción do corredor, a Zona de Especial Conservación do Lugar de Importancia Comunitaria da Enseada de San Simón, incluído como espazo natural protexido na Rede Natura 2000, para o que non se someteu a unha adecuada avaliación das repercusións ambientais no lugar, ao excluír realizar a Xunta a correspondente e legal Avaliación de Impacto Ambiental (AIA).

Servizos sociais como camiños ou mananciais de auga potable, tamén volverían ser afectados, ademais de expropiacións de terreos, por modificarse o trazado con respecto ao orixinal que ía na súa totalidade cara ao Norte.

A Plataforma salienta que no canto de favorecer a xeración de postos de emprego e servizos pola suposta realización das obras, como moito, vai supor un “pan para hoxe e fame para mañá”, que foi o mesmo que sucedeu coa construción do propio corredor. Esta obra supuxo no pasado unha enorme inversión pública -72 millóns de euros-, que non solucionou os problemas de tráfico, xerou unha maior siniestralidade e só favoreceu a especulación urbanística que, tras a explosión da súa burbulla, desembocou na actual crise económica e financeira, arrastrando con ela o peche de moitas empresas e negocios.

Para a Plataforma a cuestión prioritaria non é se o corredor ten unha media de máis tráfico anual que as autovías do Salnés ou O Barbanza, senón que o modelo español e galego das autovías é un fracaso que só favorece as empresas privadas que constrúen estas infraestruturas para despois pasar a ter perdas na fase de funcionamento, incumpríndose ademais os ratios de poboación usuaria preestablecida, como está sucedendo nos últimos anos.

A grande inversión que supón a construción e posterior mantemento deste tipo de infraestruturas e a máis que probable implantación futura de peaxes para sufragalo, a inseparable dependencia dos combustibles fósiles derivados do petróleo por parte do uso do automóbil privado e cos prezos fluctuando e á alza -a baixada actual dos prezos do petróleo é só puntual por intereses políticos, económicos e xeoestratéxicos na actualidade a nivel internacional- debido ao tope, baixada e carestía na limitada produción mundial de hidrocarburos, os impostos derivados do propio uso do automóbil privado polas súas negativas consecuencias para o ambiente -contribución á mudanza climática planetaria pola emisión de grandes cantidades de gases de efecto estufa- e a propia saúde humana -patoloxías, accidentes e siniestalidade-, a pegada ecolóxica e o efecto contrario na fluidez do tráfico viario, con estudos e exemplos existentes dabondo a nivel estatal e internacional ao tanto, fan inviable e insustentable este modelo de infraestruturas, transporte e desenvolvemento para o futuro.

Para alén disto, é incompatible coa alternativa máis sustentable da potenciación e mellora do transporte público e colectivo, onde as evidencias están en que para o proxecto de desdobramento do corredor non se escatima en seguir proxectando inversións multimillonarias e, no entanto, para o plan de implementación do transporte metropolitano, por poñer un exemplo, as inversións son moito menores -non deixan de ser un parche mal posto-, todo son achaques e son un obxeto de confrontación ou instrumentalización política por parte das formacións gobernantes e maioritarias nos concellos, diante dos comicios municipais do vindeiro 24 de maio.

O desdobramento hipoteca unha vez máis as inversións noutras obras máis necesarias como un hospital comarcal, centros de saúde, educativos, sociais e culturais que se están a solicitar dende a colectividade hai décadas. Estoutras obras necesarías farían que a poboación reducise os desparazamentos ou mesmo non tivese que desprazarse a tal fin e de xeito gravoso por estrada fóra da comarca.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s