Non ao fracking no Morrazo

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere informar sobre a ameaza que, cun método similar ao fracking, poden supor os plans de explotación que estarían detrás dos permisos de exploración de recursos xeotérmicos que, a nome de Caldelas Sur e Caldelas Norte, outorgou o 20 de outubro de 2011 a Xunta de Galiza á empresa Luancar Energy SL para 2.907 cuadrículas mineiras. Neses permisos de explotación están afectados entre outros concellos da provincia os de Marín, Vilaboa e Moaña, no Morrazo.

A ameaza chámase EGS ou Sistema Xeotérmico Estimulado, método ou técnica que, desde os anos noventa, trata de aproveitar o calor interior da terra, extraendo a enerxía calorífica do subsolo, para xerar electricidade. Para mellorar a permeabilidade da rocha fracturada, estase a estudar a inxección de xeito artificial dun líquido que, baixo presión no subsolo, consiga fracturar as rochas e liberar o vapor de auga atrapado na terra.

A través, ou con esta técnica, está planificado estabelecer pozos de extracción en calquera lugar que conteña rocha quente  e axeitada, incluso onde antes non se podía acceder -rocha dura granítica ou metamórfica con baixa permeabilidade na súa matriz-, podendo aumentar dez veces máis a produtividade con respecto aos métodos convencionais.

Malia estar aínda o uso destes sistemas EGS en estudo, en varios países de Europa e EEUU xa existen algúns proxectos bastante avanzados. De feito, o Departamento de Enerxía de Estados Unidos podería permitir a comercialización desta técnica a principios deste ano.

Para o conxunto da península ibérica calculouse un potencial de 700 GW. Dita enerxía obteríase explotando pozos de entre 3 e 10 kilómetros de profundidade, onde se poderían alcanzar temperaturas de até 150º centígrados. Galiza, segundo o Instituto Geológico y Minero de España (IGME), pasa por ser unha das áreas da Península Ibérica con maior potencial pola súa favorábel estrutura hidrotermal no seu subsolo.

Unha desas áreas galegas con máis potencial para a aplicación do método EGS, segundo o Instituto para la Diversificación y el Ahorro de la Energía (IDAE) no seu Estudio Técnico PER 2011-2020 de Evaluación del Potencial de Energía Geotérmica, son as fracturas que limitan a denominada Fosa blastomilonítica ou Unidade de Malpica-Tui, unha longa franxa xeolóxica de terreo que atravesa o Oeste galaico, composta por metasedimentos con afloramentos de rocha metamórfica.

No Morrazo, esta fractura, coincide coa existencia dunha franxa na parte media-interior da península con abundancia de gneises de plaxioclasa, biotita e micaxistos –estes últimos en menor proporción- de baixa permeabilidade, dentro do denominado complexo xeolóxico Vigo-Pontevedra. Esa franxa atravesa o Morrazo de Norte a Sur, da ría de Pontevedra á de Vigo, desde Seixo e Marín até Domaio e Santa Cristina de Cobres, facendo o espazo natural dos Montes do Morrazo de enlace pola serra Domego e a serra Basil, entre os altos do Faro e Coto do Home.

Coincide pois esta distribución do terreo coa dos tres concellos afectados e o espazo natural dos Montes do Morrazo. De feito Luancar Energy SL e a súa concesión mineira están afectados polo proxecto do parque eólico de Pedras Negras, co que se solapa na ocupación do territorio.

Mais alén das supostas bondades cómpre sabermos as consecuencias do uso do Sistema Xeotérmico Estimulado:

1.       Os líquidos usados para fracturar as rochas en diferentes procesos da explotación poden conter unha grande variedade de minerais disoltos, podendo algúns destes minerais, coma o boro ou o arsénico, converter en veleno as augas superficiais ou a vegetación. Pois malia ser este líquidos reinxectados e estar en circuito pechado, nunca estarían libres de erros ou fallos nas plantas de aproveitamento.

2.       Risco de sismicidade inducida, xa que ao intentar mellorar a fracturación da rocha poden darse situacións non desexadas se non se coñece ben e de forma detallada a estrutura da zona podendo xerar ou inducir terremotos.

3.       Supoñen unha grande xeración de ruído, en especial nas fases de perforación dos pozos e de simulación, que podería chegar até niveis dos 115 decibelios, equivalente ao producido a un motor dun avión.

4.       Nas diferentes fases de instalación consome grandes cantidades de auga, en especial nos procesos de arrefriamento do líquido hidrotermal, antes de volver inxectalo no pozo.

5.       Producen contaminación por resíduos sólidos, contaminación visual, emisión de gases como dióxido de carbono, ácido sulfhídrico, metano, hidróxeno e outros en menor cantidade.

Coa xustificación de aumentar exponencialmente a produción dos pozos xeotérmicos e os conseguintes beneficios económicos para as empresas do sector enerxético, preténdese utilizar un método parecido ao fracking, usado para extracción de hidrocarburos e gas natural, co que iso pode implicar de posíbeis efectos nocivos para as augas, a atmosfera e a propia codia terrestre.

Detrás de todas estas técnicas e métodos está a procura desesperada de novos e agresivos xeitos de extracción de enerxía que, disfrazados de energías renovábeis  e limpas, intentan complementar e no seu momento suplir os insustentábeis niveis de consumo energético derivados da produción de petróleo. Desatando, por outra banda, a especulación e unha guerra de intereses xeoestratéxicos coa que os gobernos dos diferentes estados din defender a independencia enerxética. Na realidade o que se defende son os intereses das multinacionais do sector privado que perseguen a liberalización xeral do mercado.

Galiza xa hai anos que é excedente en produción de electricidade, procedente da sobreexplotación, e dun xeito colonial, do territorio con encoros, parques eólicos e centrais térmicas. Grande parte da enerxía producida é despois exportada polo Estado español a centos de kilómetros para Euskal Herria, Catalunya, Madrid ou Portugal, co que iso supón ademais de agravio polas perdas enerxéticas que acarrexa o seu transporte até o seu destino de consumo.

Toda esta sobreexplotación produciuse a costa dunha serie de impactos graves e irreversíbeis no medio, afectando a paisaxe, o solo e o propio subsolo. Por exemplo, a construción de grandes encoros induciu e activou a alta sismicidade que se está xerar desde hai décadas no triángulo xeográfico de Triacastela, Sarria e Becerreá. Por outra parte hai que ter en conta que Galiza tamén está nunha rexión exposta á influencia sísmica a nivel atlántico, pola Falla de Azores-Gibraltar e outras grandes fallas asociadas.

Polo tanto a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicita o cumprimento do principio de precaución e a paralización do permiso de exploración de recursos xeotérmicos Caldelas Sur e Caldelas Norte. Como alternativa, e de xeito verdadeiramente sustentábel, aposta polo decrecemento, a autosuficiencia baseada na implantación a nivel local de proxectos de xeración de enerxía solar, eólica ou mesmo xeotérmica a baixa escala, fóra de espazos naturais e na proximidade dos núcleos de consumo, e sobre todo o aforro e eficiencia enerxéticas.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s