Ante o lume nos montes de Meira

lume 1Tras o grave incendio forestal acontecido a noite do pasado venres 20 de marzo e no que se queimaron 42 Has. de monte arborado nos lugares de Cavada da Loba, Campo Redondo e Fonte Luceira nos montes da parroquia moañesa de Meira, e integrados así mesmo no espazo natural dos Montes do Morrazo, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere manifestar:

Para alén dos posíbeis axentes causantes, sexa por intencionalidade ou por neglixencia humana, e a influencia dos fortes ventos desa noite, cómpre termos en conta o medio polo que se propagou e facilitou tamén o lume, neste caso e na súa maioría, monocultivos forestais de piñeiro e eucalipto máis a matogueira alta.

Os monocultivos destas especies, ademais de reducir biodiversidade, son especies altamente inflamábeis por conter na súa composición resinas e alcoholes. O eucalipto é, ademais dunha especie invasora, unha especie pirófita que se ve favorecida polo chan queimado dos lumes pois logo estes colaboran ao seu espallamento polo territorio.

A área queimada e os montes dos arredores, agás reducidas áreas de castiñeiros, bidueiros e pequenos rodais de carballo, carecen de plantacións de especies frondosas e caducifolias que, ademais de contribuír a aumentar a biodiversidade, actuarían como cortalumes naturais ao reducir a inflamabilidade da biomasa. Estas plantacións de frondosas deberían ocupar un mínimo dun 30% da área arborada, cousa que non sucede na área afectada polos lumes e arredores. Non hai máis que observar por debaixo do Monte Faro toda a ladeira dos montes da parroquia de Meira até os da de Domaio cheos de monocultivos das citadas especies.

lume 2Os lumes ademais de contaminación atmosférica, perda de capa vexetal, mortandade de fauna e flora salvaxe, empobrecemento do solo e risco de contaminación acuática e mariña polo contacto e a escorrentía da auga coa cinsa, provocan a afección litolóxica nas rochas e conforman un grande risco para petróglifos e conxuntos rupestres, tan abundantes nos montes da parroquia de Meira e mesmo presentes na área afectada polos lumes. As altas temperaturas dos lumes poden danar a estrutura da pedra e chegar finalmente a estourar as capas superficiais chegando a danar directamente os gravados prehistóricos ao aire libre.

Desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo queremos salientar tamén a afección da contorna próxima á Pedra Morcegueira, de grande valor xeolóxico e paisaxístico.

Estes montes xa se viron afectados por varios incendios forestais ao longo das últimas décadas, os últimos e de especial gravidade ocorreron na vaga de lumes do 2006, polo que a suma de continuos danos no medio, a xeoloxía, a bioloxía e as manifestacións culturais asociadas a este espazo, poden chegar a ter efectos irreversíbeis de non atallar dunha vez os lumes.

Desde a Plataforma tamén queremos alertar da grande cantidade de biomasa seca que, espallada ou apilada polo chan, está a se formar nos últimos anos coa ramallada lixeira tras as cortas de arborado ao longo dos montes da comarca, constituíndo outro potencial risco de propagación de incendios forestais.

Esta concentración tan alta de ramaxe débese tanto á prohibición de queimala como polo abandono das e dos seus propietarios que, como non se adoita mudar de plantación forestal, remata co paso do tempo debaixo dos rebrotes de eucalipto constituíndo un serio e potencial perigo.

As predicións metereolóxicas para esta primavera son de poucas precipitacións e tempo seco polo que os riscos asociados á mudanza climática tamén se incrementan.

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo cómpre e urxe un cambio na xestión forestal e na ordenación dos espazos naturais. Para isto debera primar a prevención, a biodiversidade e a multifuncionalidade, a través da protección das masas de bosque autóctono, a diversificación de cultivos forestais cunha maior presenza de especies frondosas e de madeiras, o aproveitamento da biomasa do monte baixo a nivel agroforestal e enerxético, a gandeiría extensiva, a colleita de froitos, cogumelos, mel e a autosuficiencia produtiva implicando as e os propietarios das parcelas do monte, tanto sexa comunal como privado, na súa xestión e non como un complemento económico e subsidiario a costa do beneficio das empresas madeireiras e de ENCE, como se vén facendo dende hai décadas até a actualidade, dentro dun modelo globalizador e produtivista, insustentable tanto a nivel ambiental como social e económico.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s