Consolídase a fraude electoral do desdobramento do corredor do Morrazo

2Coa aprobación por parte do Consello da Xunta de Galiza da aportación de 19,7 millóns de euros para a licitación das obras do primeiro subtramo do desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade do Morrazo consúmase a nivel electoral a fraude económica e construtiva.

Agora que comezan a saír publicamente estudos que están a demostrar que as infraestruturas e o transporte de mobilidade a nivel estatal non é rendíbel a nivel económico, como no caso do AVE, hai que salientar que a construción de máis autovías non son ningunha excepción. De feito as administracións públicas, como a propia Xunta de Galiza, xa hai tempo que están a recurrir a medidas suplementarias como a recadación e subida variada de impostos, peaxes na sombra, como o canon de demanda no caso de concesións de explotación das estradas a empresas privadas, para cubrir os altos e insustentábeis custes con fondos públicos pola súa construción máis polo seu posterior mantenemento.

1A Xunta de Galiza é perfectamente coñecedora e consciente de que a orografía do terreo onde se pretende actuar, o impacto que conleva, e do que xa deixou a propia construción do corredor, xunto co incremento dos orzamentos dos últimos meses, vai provocar que este desdobramento se convirta nunha sangría multimillonaria para as arcas públicas, difícil ou imposíbel de asumir.

O anuncio da licitación do desdobramento do primeiro subtramo a escasos dous meses das eleccións municipais e a oito do prazo máximo das xerais non deixa dúbida de que existe unha clara intencionalidade política, neste caso do PP no goberno autonómico, por darlle saída orzamentaria a unha mínima parte desta obra, a sabendas de que non ten asegurada a financiación da súa totalidade no futuro e máis cando proxecta realizalo integramente con fondos públicos.

5Esa máis que evidente intencionalidade política, baseada na vella e perniciosa práctica de “obras son votos”, e as negativas consecuencias ambientais, sociais e económicas que conlevaría a realización desa obra, por enriba da máis absoluta racionalidade e a sustentabilidade, quedaría como herdanza para os vindeiros gobernos. Sendo os contribuíntes, e en especial a veciñanza desta comarca, quen sufriría as consecuencias deste enorme desbaldimento.

O desdobramento do corredor non vai solucionar os problemas de capacidade nin de seguridade e menos proxectándoo por subtramos, xa que esa problemática se trasladaría unha vez máis á rede primaria de estradas que é onde irían parar os altos niveis de tránsito de vehículos privados que se proxectan, mesmo aumentando as cifras con respecto á actualidade.

A cuestión non é a cantidade de vehículos que circulan por estradas como o corredor senón que o modelo de infraestruturas como son as autovías, no que se quere desdobrar o propio corredor, nunca van ser rendibilizadas polo seu alto custe económico tanto na fase de construción como na de mantenemento, ao que hai que lle engadir a pegada ecolóxica e enerxética a nivel local e planetario.

4Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo a solución dos problemas viarios na comarca non pasa polo desdobramento, co que se pretende resolver inutilmente e de xeito gravoso os problemas que provocou a construción do propio corredor, senón que pasa por reducir a presenza do actual parque automobilístico nas estradas do Morrazo e, por lóxica, lograr unha maior fluidez, seguridade e un menor impacto por emisións de gases efecto estufa á atmosfera, contribuíndo á loita contra da mudanza climática.

Como alternativa, e co orzamento (máis de 50 millóns de euros) que se pretende malgastar nos 11,4 kilómetros de lonxitude do desdobramento, a Plataforma demanda a mellora, humanización e vertebración da rede existente de estradas comarcais, a potenciación do transporte colectivo e intermodalizado e a consecución de infrestruturas administrativas, sociais, culturais, educativas e sanitarias necesarias a nivel municipal e mancomunadas que reduzan ou eviten que a poboación teña que trasladarse por estrada fóra da comarca.

Malia que a maioría dos partidos políticos se apuntan a solicitar tanto o desdobramento do corredor como servizos para o Morrazo, a Plataforma quere salientar que unha cousa é incompatíbel coa outra xa que o alto custe do desdobramento do corredor resta orzamentos para a axeitada prestación de servizos municipais e comarcais demandados. De feito non hai máis que observar que desde a construción do propio corredor o único que se conseguíu, á parte de non solucionar a problemática viaria, é unha maior especulación urbanística e maior dependencia de servizos con respecto Vigo e Pontevedra.

3A Plataforma lembra que o primeiro subtramo do desdobramento de 3,25 kilómetros licitados entre a saída da AP-9 en Rande e a rotonda de Domaio, preto da urbanización do campo de golf, e da que aínda falta a súa adxudicación, suporía unha nova afección directa, cun novo túnel, á área integral de protección do Ben de Interese Cultural do castro e petróglifos de Montealegre. Un maior impacto, por proximidade cun novo viaduto, á contorna paisaxística e ambiental da Poza da Moura e fervenza do rego Miñouva e unha nova afección directa cun novo recheo ao conxunto etnográfico dos muíños e área de ribeira do rego da Freixa. Alén disto tamén provocaría unha maior afección acústica e atmosférica á contorna, ou mesmo por movementos de terras e previsíbeis verteduras de escorrentía, á propia área mariña integrada dentro do espazo natural protexido pola Rede Natura da Enseada de San Simón, onde se modificou partes con respecto ao trazado orixinal sen a legal e correspondente avaliación de impacto ambiental malia incumprir as correccións de impacto esixidas pola propia Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do ano 2001.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s