A ameaza das pragas do carballo

unnamed (1)A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo cualifica de moi grave a virulenta praga de eirugas defoliadoras de varias especies de bolboretas nocturnas das familias Geometridae e Noctuidae que están a sufrir o inicio desta primavera moitas das carballeiras do espazo natural do Carballal de Coiro.

A extensa área que abrangue os lugares de Pouso das Cruces, Esperón, Fonte das Augas, Bolelo, Xestoso, Chans de Ermelo e Monte da Paralaia, e que acolle as zonas máis altas do espazo natural entre os 300 e os 445 metros de altitude sobre o nivel do mar, é a que está a verse especialmente afectada.

Para alén de se comer as follas, as eirugas tamén o están a facer cos pedúnculos e nas carballeiras máis afectadas inclusive dos brotes novos, deixando os carballos sen folla, co que iso significa de falta de respiración e de aporte enerxético para as árbores, despois da longa fase de letargo outonal e invernal.

unnamedÁ parte de carballos, como moitas das eirugas son polífagas, están a xerar importantes danos tamén na follaxe de castiñeiros e mesmo en plantacións forestais de carballo americano, cerdeiras e bidueiros, con algúns exemplares comidos tamén até os brotes.

Con danos de distinta gravidade tamén están a verse afectados loureiros, abelairas, ameneiros e salgueiros. Tampouco outras especies arbustivas como xestas, pereiras bravas, sanguiños, chuchameles, silveiras e até os propios toxos se libran da Praga, afectando tamén algunhas herbáceas, como a dedaleira ou a abrótega, onde ademais das follas están ser consumidos os brotes florais.

Malia que a aparición masiva das eirugas é cíclica, como ten sucedido no pasado no Morrazo, e coincidir co inicio da primavera, cando a follaxe de árbores e plantas está xa desenvolvida, desta vez está a tomar tonos dramáticos relacionado coas excepcionais condicións climáticas de pouca pluviosidade e altas temperaturas de comezo desta primavera, que foron moi favorábeis para a súa eclosión como larvas. Este condicionamento climático, con toda probalidade, ten relación coa mudanza climática e o quecemento global do clima a nivel planetario.

A sabendas de que este quecemento global non vai remitir, senón máis ben todo o contrario, e, xa que logo, os períodos de pragas con toda probabilidade tamén vaian a máis. Estas poderían chegar a supor no futuro unha seria ameaza para a pervivencia das carballeiras e en xeral para o bosque deciduo (caducifolio).

Malia que os carballos son unhas árbores fortes e están a convivir desde hai moito tempo con estas pragas, a aparición continuada destas podería dar paso a un debilitamento xeral dos carballos afectados que, unido aos danos producidos por outros insectos defoliadores, xilófagos comedores da madeira ou fungos, si poderían rematar ao final e de xeito conxunto coas súas vidas.

unnamed (2)A Plataforma demanda que a administración pública e autonómica fagan os estudos pertinentes na procura de tratamentos de loita biolóxica. Tratamentos que aminoren no futuro os danos das pragas defoliadoras nas carballeiras e o bosque caducifolio en xeral, pois consideramos que non é de recibo non facer nada agardando a que cada ano volva  suceder o mesmo e confiando na resposta metereolóxica da choiva para que a praga remita, cando esta xa fixo o seu dano.

Cómpre salientar que as carballeiras galaicas xunto coas portuguesas están consideradas como hábitat de interese comunitario a nivel europeo. Na península do Morrazo están ubicadas as maiores superficies arboradas con carballeira das Rías Baixas e o Carballal de Coiro, coas súas 365 Has. de terreo compartido entre os concellos de Moaña, Cangas e Bueu e catalogado como solo rústico de especial protección de espazos naturais polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra, é o seu mellor expoñente.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s