Roteiro pola protección da Serra da Madalena

roteiro-serra-madalenaA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 14 de xuño un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural da serra da Madalena, sita entre as parroquias de Darbo e Aldán (Cangas) e de Bueu.

O roteiro será circular e sairá ás 11 da mañá fronte do IES María Soliño en Monte Carrasco, para chegar ás 14 h., ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por pista forestal e camiños e o GR-59 do sendeiro ecolóxico do Morrazo polos lugares de A Madalena, Monte Liboreiro, Outeiro Agudo, Mesa de Montes, Alto deCarballiño, Monte das Fentiñas, Monte Carrasco.

Os puntos de maior interese a visitar son as plantacións forestais con carballo e castiñeiro de Monte Carrasco, panorámicas do alto e castro de monte Liboreiro (334 metros sobre o nivel do mar), panorámicas do alto e penedía de Outeiro Agudo (305 metros), panorámicas de Mesa de Montes (300 metros), penedía, breixeiras e panorámicas do alto de Carballiño (332 metros), petróglifo de Pinar do Rei.

As plantacións forestais son do monte comunal das veciñas e veciños da parroquia de Darbo e representan unha interesante masa de frondosas cunha importante función como bosque caducifolio, promovendo a biodiversidade faunística, florística e micolóxica dentro dunha das áreas máis favorables fronte á forte rochosidade e desnivel que predomina ao longo da serra.

O monte Liboreiro, que limita os concellos de Cangas e Bueu, catalogado e inventariado dentro do rexistro de patrimonio cultural de Galiza, presenta vestixios arqueolóxicos de varias fases prehistóricas e históricas desde a Idade do Bronce e a Idade do Ferro até a romana e medieval, onde destacan os restos das murallas do seu castro, no que a principios do século pasado ademais de varias vivendas aterrazadas, fíbulas, moedas e cerámica foron atopadas tres aras votivas adicadas a un deus lar de nome Verore ou Aerno. O seu alto posúe unhas amplas panorámicas das rías de Pontevedra e Aldán até a enseada de Bueu.

Outeiro Agudo ou tamén chamado “monte da vixía ou da garita” é o terceiro pico máis alto da serra, onde no seu curuto afiado aínda segue situada unha antiga edificación retangular de pedra cunha probable función de observatorio como dan a entender os distintos topónimos. Está inventariada a presenza dun petróglifo da Idade do Bronce e un asentamento da Idade Moderna e posúe unhas amplas panorámicas das rías de Vigo e Pontevedra.

Mesa de Montes fai de paso entre os altos de Outeiro Agudo e Carballiño, está inventariada a presenza dun asentamento do Calcolítico e destaca a presenza de monte aberto e a apertura de vistas panorámicas cara á ría de Aldán.

O alto de Carballiño é o segundo pico máis elevado da serra, presenta vestixios arqueolóxicos dun asentamento do Calcolítico, na súa parte máis alta posúe unhas amplas vistas da ría de Vigo e na súa parte baixa posúe as vistas panorámicas máis amplas da ría de Aldán, da que fai función de verdadeira atalaia, coas Illas Cíes ao seu carón polo Sur e as Ons polo Norte fronte a Cabo Udra. A penedía conforma un espazo de singular importancia xeomorfolóxica e paisaxística e ao seu arredor habita unha interesante breixeira, toxeira e vexetación pioneira nas rochas consideradas como hábitats de interese comunitario a nivel europeo que dá acubillo a unha non menos importante fauna vertebrada e invertebrada de espazos abertos.

A importancia da breixeira ou “carrasqueira” ten relación directa tamén coa toponimia local xa que de aí procede o topónimo Monte Carrasco. Até o pasado non tan afastado o monte baixo tivo unha grande importancia socioeconómica a nivel agroforestal como forraxe e abastecemento de biomasa para a camada animal e o abonado das áreas de cultivo agrícola.

O petróglifo da Idade do Bronce de Pinar do Rei no Monte das Fentiñas, catalogado como Ben de Interese Cultural de Galiza, é un dos máis completos do Morrazo pola grande variedade de gravados presentes, dende coviñas e círculos concéntricos até zoomorfos, antropomorfos e escenas de montería e caza.

As principais afeccións e ameazas son os monocultivos forestais, a eucaliptización, a invasión da Acacia melanoxylon e da Acacia mearnsii, a corta indiscriminada de arborado autóctono, a apertura de pistas, verteduras de entullos, antenas emisoras de telecomunicacións, a falta de protección, conservación e posta en valor do patrimonio cultural, o proxecto nas proximidades do parque empresarial e industrial do Morrazo, a especulación urbanística cos montes de Aldán e a falta dunha protección ambiental que vaia máis alá da simple catalogación actual de solo rústico de especial protección forestal.

Por considerármolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, a Plataforma solicitou á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galiza en marzo do 2012 a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro máis outros ampliables, entre eles a serra da Madalena e o Monte Borrallido.

Para se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada PO-551 entre Cangas e Bueu, até chegar ao cruce da estrada EP-1002 A Madalena-Aldán, onde unha vez transcorrido un pequeno tramo desta, coller finalmente o primeiro desvío á dereita que sube até o IES María Soliño.

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa lixeira, calzado de trote e protección solar, e algo de abrigo se o día está anubrado.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s