A PDMM solicita a catalogación da Serra da Madalena como Espazo Natural de Interese Local

unnamedA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo vén de presentar no rexistro do concello de Cangas unha solicitude para a catalogación da Serra da Madalena como Espazo Natural de Interese Local dentro da súa planificación urbanística.

Solicita tamén a posta en valor do seu patrimonio natural e cultural coa creación dun roteiro de curto percorrido guiado e sinalizado, co menor impacto ambiental e custe económico posíbel, que percorra as áreas paisaxísticas, naturais e arqueolóxicas de interese, conectando esta ruta co GR-59 do sendeiro ecolóxico do Morrazo, na actualidade en fase de abandono.

Unha das accións fundamentais para mellorar ambientalmente a contorna da serra sería erradicar a vexetación alóctona e invasora, plantando no seu lugar especies arbóreas autóctonas e conservando o monte baixo e a matogueira. Para isto sería preciso o acordo e colaboración do Concello de Cangas co Concello de Bueu, xunto coas Consellerías de Medio Ambiente e de Cultura da Xunta de Galiza, a comunidade de montes de Darbo, a xestora pola recuperación dos montes de Aldán e a comunidade de montes de Bueu.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo basea a súa petición en que a Serra da Madalena é un espazo natural que contén un alto valor paisaxístico, xeolóxico, biolóxico, social e cultural que comparte as parroquias canguesas de Darbo e Aldán e mais a lindante de Bueu.

Cos altos de Fial (269 m.), Carballido (332 m.), Mesa de Montes (300m.), Outeiro Agudo (305 m.), e Liboreiro (334 m.) e as ladeiras que dan ao sur ao val do rego das Presas e ao norte ao val do rego Orxas, a Serra da Madalena pasa por ser o corredor ecolóxico que enlaza a través da Portela os montes do interior da península do Morrazo (espazos naturais do Carballal de Coiro e dos Montes do Morrazo), e a través dos montes de Varalonga, os montes do Hio e o espazo natural protexido da Costa da Vela, ao carón da entrada das rías de Vigo e Pontevedra.

A Serra da Madalena a nivel paisaxístico posúe unhas extraordinarias panorámicas da entrada das rías de Vigo e Pontevedra e Aldán, das illas Cíes, Ons e Sálvora, integradas no P.N.M.T. das Illas Atlánticas. Estas vistas chegan cara ao norte ao Salnés e A Barbanza. E polo sur á serra da Groba, Maúxo, Alba e Galiñeiro até o Aloia, cubrindo boa parte das Rías Baixas. A nivel morracense visualízanse os espazos naturais protexidos da Costa da Vela e de Cabo Udra e o monte Borrallido, Castiñeiras, monte Sobareiro e da Cova até a illa de Tambo, no fondo da ría de Pontevedra, máis o espazo natural do Carballal de Coiro e o curuto do Monte Faro de Domaio, o segundo máis alto do Morrazo, fronte á ría de Vigo.

A nivel xeolóxico destaca por ser un pregamento conformado de granitoides hercínicos, nunha unidade intrusiva de rochas ígneas, granitos alcalinos e de dúas micas, con inclusións de cuarzos e pizarras. Sobresaen a nivel paisaxístico as penedías, con variadas morfoloxías na formación das rochas en forma de bolos, pedras cabalgadas e figuras inanimadas, máis a formación natural de pías, alveolos e cacholas ou taffoni dentro da súa estrutura litolóxica.

A nivel biolóxico posúe varios hábitats de interese comunitario (breixeiras secas europeas, breixeiras oromediterraneas endémicas con toxeira, rochedais silíceos con vexetación pioneira do Sedo-scleranthion ou do Sedo albi-Veronicion dillenii) e áreas con vexetación potencial de carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica e de bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior. Dentro deles cohabita unha importante fauna e flora salvaxe, en especial de espazos abertos, con especies endémicas a nivel ibérico e incluídas dentro da Directiva Hábitats e Aves a nivel europeo.

unnamed (1)A nivel cultural contén os xacementos arqueolóxicos do petróglifo da Idade do Bronce de Pinal do Rei, o asentamento castrexo, romano e medieval do monte Liboreiro, asentamento e petróglifo da Idade do Bronce do monte da Vixía e o asentamento do Calcolítico de Mesa de Montes, aos que hai que engadir, por proximidade, o petróglifo da Idade do Bronce das Abelaires, o asentamento castrexo, romano e medieval e petróglifos do monte Castelo, e o petróglifo da Idade do Bronce de Laxe da Chan (o úneco posto en valor na actualidade).

No eido social e económico cómpre salientar o valor deste espazo como fonte de recursos naturais a nivel forestal, agrogandeiro, mais tamén como un espazo de lecer xa que desde principios da década pasada a serra é atravesada por pistas e camiños polo GR-59 do Sendeiro Ecolóxico do Morrazo.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere denunciar tamén os múltiples problemas que están a afectar este espazo e as ameazas que poñen en risco o seu futuro ambiental:

  • A intensa eucaliptización e a introdución da Acacia melanoxylon e da Acacia mearnsii que, por ser especies alóctonas e invasoras, están a mermar de xeito alarmante a biodiversidade natural existente. Alén disto, estas especies ao seren pirófitas, implican tamén un elevado risco de propagación de lumes forestais, como ten sucedido no pasado.
  • A xestión mecanizada das cortas de arborado, como está suceder na actualidade coas cortas de piñeiro, supoñen un elevado e irreversíbel impacto no medio pola abertura ou ampliación de pistas e viais que provocan unha grande erosión no terreo. A explanación de ditas pistas, ademais de implicar grandes movementos de terras, faise sobre recheos onde se chegan a verter e soterrar entullos e lixo.
  • A instalación dunha antena reemisora de telecomunicacións en Mesa de Montes, a inicios da década dos noventa, supuxo un elevado impacto paisaxístico e cultural ao que se lle engade o de polución electromagnética, co incremento de aparatos reemisores nos últimos anos.
  • A construción dos centros educativos dos IES María Soliño e Monte Carrasco, Juan XXIII, do campo de futbol no Monte Carrasco, e dun circuito privado de motos, xunto coa instalación de naves industriais, gasolineira e corredor de alta capacidade supuxeron outra forte presión ambiental.
  • Outras foron verteduras en desnivel de grandes cantidades de terras, lixo e entullos durante anos por parte de empresas privadas e do propio Concello de Cangas que, alén de provocar un grande impacto ambiental e paisaxístico, trouxeron de seu o espallamento de plantas invasoras (herba da pampa, cana, ricino,…).
  • A afección da contorna e mesmo área integral de protección de xacementos arqueolóxicos con verteduras de terras, entullos, lixo, vexetación invasora,… malia estar inventariados e mesmo catalogados parte deles como Ben de Interese Cultural de Galiza.
Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s