Roteiro pola protección dos montes do Hio

roteiro-o-hioA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 26 de xullo un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural dos montes da parroquia do Hio (Cangas).

O roteiro, segundo deste verán, será circular e sairá ás 11 da mañá do Igrexario de Hio, para chegar ás 14 h., ao mesmo lugar, transcorrendo por calzada empedrada, camiños, pista forestal e tramos do GR-59 do sendeiro ecolóxico de longo percorrido do Morrazo por A Fanica, Outeiro Batente, Pouso da Serra, Corral da Vara, Cova do Pouso, Sobrada, Monte do Facho, Donón, Cova do Vento, A Fanica, Igrexario.

Os puntos de maior interese a visitar son a calzada empedrada de A Fanica, as vistas panorámicas e as formacións xeolóxicas de Outeiro Batente que, cos seus 241 metros sobre o nivel do mar, é o punto máis alto da península do Hio, posuíndo unhas extraordinarias vistas panorámicas da entrada da ría de Vigo coa enseada de Barra, o complexo dunar, a Costa da Soavela, as Illas Cíes e Ons, a plantación de bidueiros e área de ribeira de Pouso da Serra, o monte baixo e panorámicas de Corral da Vara, a plantación de carballos, castiñeiros e pradairos de Cova do Pouso, os salgueirais da área de ribeira de Sobrada, as ruinas da aldea antiga de Punxeiros- As Cortes e as panorámicas e patrimonio cultural e arqueolóxico do castro e santuario adicado ao deus Berobreo do monte do Facho, catalogado no seu conxunto Ben de Interese Cultural de Galiza, a calzada empedrada que o rodea, as veigas de cultivo e o patrimonio etnográfico e civil do núcleo rural e agrícola de Donón, as carballeiras e bosque de ribeira do rego de Donón, o tramo de calzada empedrada que sobe da Cova do Vento e fai de conexión con A Fanica.

Os montes do Hio, como corredor natural, fan de enlace directo coa Zona de Especial Conservación do Espazo Natural Protexido pola Rede Natura da Costa da Vela, que na súa maioría é superficie mariña e en terra só acolle no seu territorio protexido unha longa e estreita franxa de acantilados.

Malia a súa importancia paisaxística (é a punta no extremo occidental da península do Morrazo dentro do contexto litoral das Rías Baixas), bioxeográfica (breixeiras secas europeas, rochedais silíceos con vexetación pioneira, pendentes rochosas silíceas con vexetación casmofítica,  vexetación potencial de carballeiras galaico-portuguesas e de bosques aluviais, fauna e flora silvestre de interese comunitario con varios endemismos do noroeste e ibéricos e especies integradas nas Directiva Hábitats e Aves) e xeolóxica (formacións graníticas con abundancia de pías, alveolos e cacholas), á que se lle engade a cultural e arqueolóxica (asentamento da Idade do Bronce e Medieval do monte do Castro, achado da Idade do Bronce de Lapa dos Santos, petróglifo da Idade do Bronce de Alto da Serra, necrópole Neolítico-Medieval de Cova da Loba, asentamento Neolítico-Medieval de Corral de Barra, asentamento e petróglifos Medieval-Moderno de Punxeiros-As Cortes, asentamento da Idade do Bronce, Idade do Ferro e galaico-romano do Facho de Donón), estes montes están catalogados na actualidade como solo rústico de especial protección de espazos naturais e forestal, claramente insuficiente para protexer e conservar os seus auténticos valores.

As principais afeccións e ameazas deste espazo son a eucaliptización polo carácter invasor e pirófito desta especie, a intensificación dos monocultivos forestais en detrimento da biodiversidade e da súa multifuncionalidade como recurso, a ausencia de silvicultura, as cortas a matarrasa de arborado, a apertura de novas pistas forestais, as verteduras de entullos e soterrado de antigos camiños e calzadas empedradas, a roturación agresiva do terreo e canalización de mananciais naturais de auga para a loita contra os incendios forestais, a especulación urbanística, os tendidos aéreos de subministro eléctrico, antenas de telecomunicacións, o deterioro e desaparición do patrimonio etnográfico e civil e o abandono, masificación e banalización turística do patrimonio cultural e arqueolóxico, centralizado na posta en valor do castro e santuario do monte do Facho, en detrimento del propio, e do resto, desatendido.

Por considerármolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, a Plataforma solicitou á Xunta de Galiza en marzo do 2012 a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que ademais dos espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro recollera, entre outros espazos ampliables, os montes do Hio.

Para se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada PO-315 de Cangas en dirección a Aldán até o lugar de O Viso, onde hai que coller a estrada EP-1008 para finalmente coller a EP-1005, onde ao seu inicio está situado o Igrexario.

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa lixeira e calzado de trote e protección solar, e  algo de abrigo se o día está anubrado

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s