A PDMM ante o novo hospital de Vigo

Diante da múltiple problemática xurdida tras a inauguración do novo hospital de Vigo “Álvaro Cunqueiro” -recorte de gasto público, redución da edificación e do número de camas de hospitalización, concesión da xestión e servizos a empresas privadas, falta de liñas de enlace directo de transporte colectivo para unha parte da poboación usuaria, prezos desorbitados do aparcamento para as usuarias e usuarios, anomalías técnicas e de infraestrutura que provocan a paralización da posta en funcionamento de parte das especialidades, campaña electoralista a súa costa por parte do goberno autonómico do PP a escasas datas das vindeiras eleccións xerais- a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere manifestar:

Todo o proceso de licitación e construción do novo hospital de Vigo, así como a súa posta en funcionamento, é unha auténtica chapuza. Unha demostración de que o modelo privatizador imposto polo goberno do PP, co presidente Alberto Núñez Feijóo e a súa conselleira de sanidade, Rocío Mosquera, á cabeza, é un modelo fracasado e perigoso para a saúde pública.

O modelo escollido de xestión público-privada e de grandes infraestruturas centralizadas é insustentábel e xa fracasou noutros países, como na Gran Bretaña, e noutros territorios do estado español, Valencia ou Madrid, onde a administración pública tivo que rescatar hospitais de xestión privada que foron un fracaso económico e sanitario e mesmo algúns, pasto dos sobrecostes nas obras e da crise financeira nin se chegaron a construír dentro dunha “burbulla hospitalaria”. Todo isto para beneficiar a grandes empresas urbanísticas, da construción, bancos e fondos de investimento amigos e relacionados con familiares e membros dos “grandes” partidos políticos.

A planificación do novo hospital de Vigo comezou a mediados da década pasada co goberno bipartito PSOE-BNG na Xunta de Galiza e rematou este ano co goberno actual do PP, pasando de ter un orzamento inicial de 450 millóns de euros aos arredor dos 1400 millóns finais, onde á construción da megainfraestrutura houbo que engadir a das vías de acceso, preto da circunvalación e da autovía AG-57, contemplados xa polo bipartito da Xunta no Plan Vigo Íntegra .

A localización do novo hospital no extrarradio da cidade de Vigo supuxo un irreversíbel impacto ambiental e paisaxístico nunha parroquia maioritariamente rural como é Beade. A isto hai que engadirlle as dificultades da inexistencia de transporte público axeitado que fai que as e os usuarios teñan que depender do coche para desprazarse. Os habitantes do Morrazo que non teñen vehículo propio deben pagar unha media de 50 euros por desprazarense en taxis. Esta situación é claramente intencionada para favorecer o negocio privado do aparcamento do hospital, cuns prezos impagábeis, e sen ningunha alternativa gratuíta para deixar o coche.

Este novo hospital non vai implicar unha mellora cuantitativa na atención sanitaria, tanto hospitalaria como de urxencias, xa que coa súa entrada en funcionamento desaparecen varios centros hospitalarios existentes na cidade, caso do máis coñecido, polas súas dimensións e capacidade, o Hospital Xeral. Os recortes e as deficiencias no seu deseño e posta en funcionamento tampouco axudarán a mellorar a atención sanitaria nin a reducir as listas de espera, que na área sanitaria de Vigo son das maiores de Galiza.

Este hospital, que podería ser de utilidade como referencia para o tratamento de determinadas patoloxías que, pola súa gravedade e complicación, requiran da tecnoloxía máis avanzada, depende das necesidade económicas das empresas privadas que deciden cando e como gastar os cartos por desexo do goberno da xunta.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo entende que unha mellor atención sanitaria non se vai conseguir con hospitais máis grandes nin coa centralización das infraestruturas en lugares afastados senón, polo contrario, un achegamento e descentralización con infraestrururas máis reducidas coa implantación dos historicamente demandados centros hospitalarios comarcais resolvería moitos dos problemas sanitarios, de transporte e de vertebración viaria, como os da nosa comarca.

A comarca do Morrazo conta cunha poboación de arredor de 100.000 habitantes aos, que por estarmos localizados entre as cidades de Vigo e Pontevedra, se nos nega desde hai anos un hospital comarcal coas condicións necesarias para atender as necesidades das e dos morracenses. Como alternativa, estásenos a prometer un centro de alta resolución (CAR) que, alén dun engano por non contemplar hospitalizacións, podería supoñer un novo caso de especulación urbanística pois, malia ofreceren varios concellos da comarca terreos dentro da súa planificación municipal, aínda non ten unha localización determinada.

A Plataforma rexeita a privatización dos servizos públicos sanitarios, incluído o do novo hospital de Vigo, mais reivindica a necesidade da construción dun hospital comarcal para O Morrazo, de xestión pública e para o que, unha vez construído, a Xunta de Galiza e o SERGAS deberían dotar dos recursos materiais e humanos correspondentes.

Os cartos necesarios para levar adiante un proxecto destas características na nosa comarca poderían acadarse se se desbotar definitivamente o desdobramento do corredor do Morrazo en autovía, destinando os 61,20 millóns de euros do orzamento desta infraestrutura á construción deste hospital.

Cómpre lembrar que se a comarca tiver os servizos básicos e necesarios, como o hospital comarcal, no seu propio territorio a poboación residente non se tería que desprazar fóra dela polo que non farían falta a construción de máis infraestruturas viarias, como o desdobramento do corredor, que, de xeito lesivo e até contraproducente, ameazan con estragar máis e irreversibelmente o noso medio, provocar máis problemas de contaminación acústica e atmosférica, incrementar os problemas de tráfico e ao final só serven para lle dar beneficio unha vez máis ás grandes empresas construtoras dentro dunha cadea sen saída. Nin tampouco farían falta tantos traxeneos de moverse nun transporte metropolitano, que dende que entrou en funcionamento, non parou de dar problemas ás e aos usuarios desta comarca e o máis lóxico, tanto en comodidade e economización para a poboación como en aforro enerxético polo transporte é que as infraestruturas básicas e necesarias, como o hospital, estean máis preto da poboación. 

Por iso demandamos tamén a supresión do convenio do Sergas coa empresa Povisa, por ser prexudicial, económica e sanitariamente, para as e os habitantes do Morrazo.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s