A PDMM denuncia o abandono do parque da Lagoa de Castiñeiras e Cotorredondo

P1840562A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere denunciar publicamente o abandono do parque forestal e arqueolóxico da Lagoa de Castiñeiras e Cotorredondo.

Este abandono que se vén producindo nos últimos anos é responsabilidade da Xunta de Galiza, a administración que xestiona o parque natural, por non cumprir coa súa obriga de manter a contorna limpa e en condicións. Esta situación acrecentouse desde a creación da Fundación Lago de Castiñeiras e Cotorredondo e o seu anuncio de pór en valor o patrimonio da zona e de crear un parque botánico.

Algúns dos exemplos do deterioro do parque son:

P1840522· Biomasa da matogueira e a silveira sen controlar. Esta está tan alta que chega até a copa das árbores e sobresae polos peches perimetrais de madeira.P1840432

· Existencia vertedoiros de lixo incontrolado polos arredores.

· Invasión da acacia negra (Acacia melanoxylon). Esta especie alóctona, pirófita e invasora, está a se espallar polo medio das plantacións de carballos, castiñeiros, bidueiros e érbedos, e chega até a propia cuneta da vía asfaltada que sobe ao miradoiro de Cotorredondo, cubrindo boa parte da beiravía e as plantacións anexas.

P1840856· Falta de atención aos restos arbóreos despois dos temporais. Os fortes ventos, como os rexistrados nos temporais do comezo deste outono, danaron a estrutura das árbores, rachando partes do tronco e a ramaxe, sen que se lles dé a atención debida e deixado os restos ciscados sen control polo chan.

· Falta de coidados nas árbores. No conxunto botánico que, con máis de 40 especies de todo o planeta, existe desde mediados do século pasado, algunhas especies poderían estar en perigo de desaparición, de non aplicar os coidados silvícolas e fitosanitarios correspondentes.

P1840490· Cortas indiscriminadas de piñeiros. Nas inmediacións do miradoiro de Cotorredondo realizouse recentemente unha corta intensiva de piñeiros do país (Pinus pinaster), que afectou a varios exemplares procedentes das primeiras plantacións do século pasado, dun importante valor patrimonial e botánico, ao ter o seu antecedente na campaña de repoboacións forestais realizadas de xeito pioneiro e a nivel estatal nos anos vinte.

P1840501· Abandono dos restos das cortas. Os restos procedentes das cortas, como está a sucedendo nos últimos anos en toda a comarca, non se retiraron e quedaron depositados sen control no lugar da corta, o que supón un potencial perigo de propagación de lume se temos en conta que os piñeiros teñen unha madeira con resinas inflamábeis e unha rápida combustión.

· Abandono da sinalización. O panel indicador do GR-59 do Sendeiro P1840809Ecolóxico do Morrazo, promovido a comezos da década pasada con fondos europeos pola Mancomunidade de Concellos do Morrazo e que, con 84 quilómetros de percorrido ao longo dos cinco concellos morracenses, de xeito circular, ten o seu comezo e chegada no propio parque da natureza da lagoa de Castiñeiras, está parcialmente roto e cos seus gráficos ilexíbeis, un reflexo tamén de como se atopa ao longo de boa parte do seu percorrido pola comarca.

· Mal estado da lagoa. A lagoa artificial contén restos de lixo e sedimentación anóxica nos seus fondos.

P1840526Cómpre salientarmos, polo seu valor patrimonial e arqueolóxico, o abandono en que se atopa a Mámoa do Rei, unha das sete mámoas de Chan de Castiñeiras existentes dentro do parque. Este xacemento foi obxecto dunhas obras de rehabilitación no ano 2003 e declarada Ben de Interese Cultural de Galiza (BIC) no ano 2011 pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Actualmente o perímetro do seu túmulo está cuberto por unha densa matogueira de toxo, xesta, uces e silveiras, e a estrutura de pedra do seu dolmen, de máis de 5.000 anos de antigüidade, é utilizada por moitas e moitos visitantes como banco para sentar.

A Plataforma esixe da Xunta de Galiza, unha urxente actuación de limpeza e coidado do patrimonio natural e cultural existente dentro do parque da natureza da lagoa de Castiñeiras e de Cotorredondo que, sen afectar as zonas máis sensibeis –as brañas de Castiñeiras-, os deixe nunhas mínimas condicións de salubridade e saneamento, previo ao traspaso da súa xestión á Fundación e as comunidades de montes de Santomé de Piñeiro, Santa Cristina de Cobres, Vilaboa e San Xulián.

P1840770Así mesmo, demandamos unha intervención arqueolóxica na mámoa -con dolmen- de Pedralonga, declarada tamén BIC e agredida no pasado pola propia administración autonómica coa construcción dun dos viais asfaltados do parque, para poñela en valor e integrala no conxunto das mámoas de Chan de Castiñeiras.

Por outra banda, e tendo en conta que o Concello de Marín ten organizada unha andaina o vindeiro domingo 11 de outubro polo espazo natural e arqueolóxico dos Sete Camiños e o 25 pola rota das mámoas do Morrazo, demandamos por parte desta administración unha aposta real pola zona que vaia máis alá dun par de visitas guiadas ao ano.

Lembramos que o espazo natural e arqueolóxico dos Sete Camiños adoece da correspondente conexión pola zona patrimonial dos conxuntos rupestres de Champás e A Carrasca co conxunto megalítico de Chan de Castiñeiras. E que a rota das mámoas do Morrazo, de 7,5 kilómetros, está sen sinalizar e sen o debido coidado e mantemento, desde que no ano 2008 se paralizara o proxecto que daquela promovían con fondos europeos varias comunidades de montes da comarca en colaboración coa Fundación Comarcal, as Consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural e Cultura e os Concellos de Marín, Vilaboa e Moaña.

Polo tanto esiximos da administración pública local e autonómica a colaboración e os investimentos necesarios para unha posta en valor real e a integración ambiental do Espazo dos Sete Camiños con Chan de Castiñeiras, Chan de Armada e Chan de Arquiña, a través da Rota das mámoas do Morrazo, xa que entendemos que forman parte dun único conxunto arqueolóxico e natural.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s